Fortalezas e debilidades do enoturismo na provincia de Ourense

Fortalezas e debilidades do enoturismo na provincia de Ourense

Como sede de catro das cinco denominacións de orixe galegas de viños, a provincia de Ourense “conta hoxe en día cunha dilatada e consolidada actividade no campo da viticultura e a enoloxía”. Tendo en conta esta relevancia do sector, un equipo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense vén de desenvolver un proxecto de investigación de análise tanto da oferta como da reputación dixital do enoturismo ourensán. Nel identifican as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades do sector.

O proxecto abrangueu tres liñas de traballo: a diagnose do nivel de congruencia na oferta enoturística da provincia de Ourense (realizada por membros do Grupo de Investigación OC2 Marketing e Turismo, baixo a coordinación de Lorena Rodríguez); a extracción e pre-procesamento de opinións sobre o sector enoturístico nesta provincia (a cargo de membros do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración, coa coordinación de María Reyes Pavón), e a análise e modelaxe de opinión sobre o sector enoturístico da provincia (na que participaron membros do grupo Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, con Manuel Alfredo Mosquera á cabeza). O estudo é un dos beneficiarios da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.

Debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades

Segundo explica o equipo responsable, o proxecto tivo como obxectivo principal o estudo e análise da reputación dixital do enoturismo nas denominacións de orixe do viño da provincia de Ourense e o nivel de congruencia coa oferta desta modalidade turística. Por unha parte, indican, nel analízase a oferta enoturística da provincia e, por outra, realizase unha caracterización inicial dos intereses dos enoturistas a partir da análise de comentarios rexistrados en Internet. Para o estudo, detallan, levouse a cabo un extenso labor de recollida e análise de datos de distinta natureza, secundaria e primaria. Así, entre outras fontes, os datos de opinión sobre o sector enoturístico e máis concretamente sobre as adegas na provincia de Ourense, obtivéronse da plataforma Google Maps, mediante a aplicación da tecnoloxía de web scraping, incluíndo o estudo a análise de 1506 opinións deixadas por usuarios de 92 adegas da provincia e centrando a atención naquelas opinións conformadas por valoración numérica e comentario (un total de 707).

A partir da información obtida da distintas fontes analizadas, o equipo da UVigo realizou unha matriz DAFO onde se diagnostica a situación do enoturismo na provincia a través das súas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades. Como principal ameaza, o persoal investigador do proxecto identifica a competencia de outras denominacións de orixe “máis maduras, que si levan anos traballando o enoturismo e a súa difusión, e que a día de hoxe xa teñen certa imaxe e recoñecemento”.

Como oportunidades sitúan “o cambio do perfil de turista, emerxendo segmentos e nichos de mercados interesados no turismo alternativo, entre eles o enoturismo; ademais dunha tendencia cada vez maioritaria ao uso de redes sociais e outras ferramentas on-line para informarse e xerar contidos (recomendacións, valoracións) dos produtos turísticos, podendo as empresas do sector aproveitar estas canles para darse a coñecer e xerar reputación on-line positiva”.

Feblezas e fortalezas

Os puntos de debilidades e fortalezas son os máis amplos extraídos da investigación. Entre as principais debilidades, o estudo apunta “a falta de cooperación público-privada e tamén entre as propias empresas privadas, sendo a oferta actual moi individualizada”. Así, indica o equipo que realizou o proxecto, “non existe unha estratexia común de promoción e difusión do sector en Ourense, a profesionalización do sector é aínda baixa e cunha visión moi a curto prazo”. Ademais, engaden, “hai falta de iniciativas, e, en definitiva, o sector está moi pouco desenvolvido e aproveitado.

Todo iso a pesar das fortalezas coas que conta o territorio, en canto a amplos recursos enoturísticos (adegas, paisaxes de viñedos, etc) e mesmo catro denominacións de orixe”. As valoracións dos que si realizaron actividades enoturísticas na provincia, indícase no estudo, “son positivas e ditas actividades poden ser complementadas con outros recursos notables do territorio, como a natureza, o patrimonio, a gastronomía ou o termalismo”.

Sobre os resultados acadados, desde o equipo que realizou o estudo destaca como, “en termos de congruencia, existe unha relación lóxica e coherente ao momento no que se atopa o sector, dado que está emerxendo polo que, aínda que presenta un alto potencial para o turismo da provincia de Ourense, hai carencias dende a oferta e falta unha estratexia promocional coordinada e planificada así como unha maior coordinación e cooperación, e mesmo un ente encargado de xestionar as catro denominacións de orixe”. Tampouco existe, engaden, “unha implicación e compromiso por parte das adegas ourensás, principais protagonistas de enoturismo”.

No que respecta á reputación en Internet, apuntan a que “hai un uso deficitario das redes sociais e outras novas tecnoloxías como canles de difusión e creación de reputación on-line, subindo contidos de modo esporádico, aínda que as valoracións recibidas son positivas”. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información