Forraxes de verán e cambio climático: alternativas para as explotacións de leite

A grave seca deste verán está provocar importantes perdas na colleita de millo forraxeiro, o principal cultivo para as explotacións de leite. Cultivos alternativos como o sorgo e o xirasol, ou a instalación de sistemas de regadío revélanse como alternativas

Forraxes de verán e cambio climático: alternativas para as explotacións de leite

Cultivo de sorgo e de xirasol nunha finca de Arzúa. Ao seu lado, cultivo de xirasol. Foto: ICOS

Os efectos do cambio climático parece que xa se empezan a evidenciar cada vez máis en Galicia, con choivas concentradas nuns meses e períodos prolongados de seca no verán. Este ano estase a notar especialmente con case tres meses seguidos sen precipitacións, o que provocará perdas importantes nas forraxes de verán, especialmente o millo forraxeiro, cunha colleita que se prevé ata un 40% inferior á do pasado ano e cunha baixada tamén nas calidades nutricionais.

A cooperativa ICOS está a implicarse na busca de cultivos alternativos de verán debido aos importantes problemas que presenta o millo forraxeiro na comarca de Chantada, unha zona cun clima xa de carácter continental e escasas precipitacións no verán e cun importante problema de ataques dos xabaríns aos cultivos.

Neste sentido, o cultivo alternativo de xirasol con sorgo está a revelarse como unha alternativa rendible para as ganderías de vacún de leite. Adrián Varela, técnico de ICOS, explica que “se trata dun cultivo máis barato que o millo, ideal para terras de menor calidade, con problemas de ataques de xabarín e que, ademais, se pode incluír como terceiro cultivo da PAC”.

Este ano, os socios de ICOS cultivaron unhas 20 hectáreas desta mestura de sorgo e xirasol e, segundo explica Adrián, “están resistindo ben a seca”. Así, as súas previsións indican que os rendementos finais podan estar entre as 30 e as 20 toneladas por hectárea. Nun ensaio realizado pola cooperativa nunha finca de 4 hectáreas en Arzúa con boas condicións agronómicas, o rendemento da mestura iguala en altura ao do millo forraxeiro.

Como inflúe nas calidades do leite?

En canto as calidades nutricionais, Adrián Varela asegura que “traballando con 5 kilogramos deste silo de sorgo e xirasol por vaca e día, e combinándoo con silo de millo, non se nota diferencia nas calidades de graxa e de proteína e si hai unha importante redución de custos de alimentación”.

Así, subliña que mentres o cultivo dunha hectárea de millo forraxeiro custa uns 1.000 euros, no caso do sorgo e do xirasol sitúase en 800 euros e se se opta por un monocultivo de xirasol baixaría ata 750 euros por hectárea. E coa vantaxe engadido de que a mestura de sorgo e de xirasol non precisa da utilización de herbicidas, o que facilita o seu emprego en ganderías de vacún en ecolóxico.

Adrián Varela: “O millo segue sendo o cultivo prioritario para as terras boas”

“Non quero convencer a ninguén de que deixe de cultivar millo, que por rendemento e calidade segue sendo o cultivo de referencia e que se debería plantar nas terras fondas de maior calidade, mentres que esta alternativa de sorgo e xirasol é interesante para as terras de menor calidade, para zonas onde hai ataques importantes de xabarín e para utilizar como terceiro cultivo da PAC”, subliña o técnico de ICOS.

“O que temos que valorar é que compramos palla a 60 euros a tonelada ou penso a máis de 200 euros para alimentar ao gando, cando esta forraxe de sorgo e xirasol poderíamos producila en Galicia a 35 euros a tonelada”, conclúe.

O regadío: unha alternativa para aumentar os rendementos

Outra alternativa é a instalación de sistemas de regadío para o millo forraxeiro. O xefe do Departamento de Pastos e Cultivos de Mabegondo, Gonzalo Flores, advertía esta primavera nunhas xornadas en Lalín da importancia da auga estival para o millo. “O 77% da variabilidade da produción anual do millo explícase polas precipitacións do mes de xullo”, concluía Flores en base ás investigacións desenvoltas polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)

“Esa merma da produción pode reducirse en parte con regas estratéxicas. Unha boa opción consistiría en almacenar parte dos excedentes da choiva invernal en pequenas obras hidráulicas que poderían ser subvencionadas pola Xunta a través das axudas do PDR”, valoraba.

Adrían Varela, técnico de ICOS, valora esta opción como moi interesante pero subliña que “polo menos na nosa comarca, antes habería que realizar unha reestructuración da base territorial para aumentar o tamaño medio das parcelas”. “Temos fincas de 1 hectárea e de menos e non sería moi viable construír unha balsa cun tamaño así”, asegura.

O regadío permite que na Limia a colleita de millo forraxeiro rolde as 60 toneladas

NA comarca da Limia contan cun sistema de regadío dende hai décadas e as regas puntuais permiten que os rendementos do millo forraxeiro non baixen das 60 toneladas de materia húmida por hectárea, case o dobre que nunha finca en secano.

Augusto Cid Cabido, de SAT Jasma, é un gandeiro de Xunqueira de Ambía que leva utilizando o regadío dende hai anos con moi bos resultados. “Sementamos 26 hectáreas de millo e este ano, malia o tempo seco, calculo que teñamos un rendemento de 60 toneladas de materia húmida por hectárea, algo menos que o ano pasado, no que obtivemos 65 toneladas”, asegura.

Sementaron millo de dous ciclos, un de 260 e outros de 180/200 e aplicaron 6 regas mediante canón, dúas máis que nun ano normal. “Empecei a regar sobre o 15 de xullo, deixando tempo a que o millo medrase algo e a que as súas raíces buscasen a humidade, e a partir de aí fun realizando regas cada dez días”, explica Augusto.

En cantos aos custos da rega, este gandeiro sitúaos entre 200 e 250 euros por hectárea. “O regadío é moi rendible porque este custo vese compensado con moito polo incremento de rendemento que lle sacamos ás fincas de millo forraxeiro”, conclúe.

Campo de ensaio en Arzúa con xirasol e sorgo dun lago e millo do outro

Ensaio do CIAM cun sistema de regadío do millo por goteo

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en colaboración coa cooperativa ICOS, está a realizar un ensaio de rega do millo no sur de Lugo. En concreto, nunha finca da Pobra do Brollón propiedade da Fundación José Luis Taboada, e na que este ano se está a ensaiar un sistema de rega por goteo da empresa John Deere. Este venres está prevista unha visita ao campo de ensaio e ao longo dos vindeiros meses o CIAM publicará os resultados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información