Foro sobre a situación e mercado do recurso madeireiro de Galicia

A Plataforma Tecnolóxica Forestal de Galicia (Devesa) organiza este venres en Santiago unha xornada para abordar as perspectivas de futuro do monte na comunidade

Publicidade
Data inicio: 27/11/2015
Data fin: 27/11/2015
Lugar: Hotel NH Collection Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, España

Esta primavera comezou un proceso participativo de revisión do Plan Forestal de Galicia, documento que establecerá as liñas mestras da política forestal galega para os próximos vinte anos. Dentro deste marco, os propietarios forestais e, en particular, os produtores de madeira, queren analizar temas estratéxicos e ter un intercambio de ideas antes de trasladarlle á Administración o modelo de monte que hai que acadar nun futuro próximo.

Con tal motivo, a Plataforma Tecnolóxica Forestal de Galicia (Devesa) organiza a xornada O recurso madeireiro nos montes de Galicia: situación e mercado. A Plataforma Devesa é unha entidade que agrupa a asociacións forestais, empresas de servizos forestais e centros de investigación, que foi creada no ano 2009 para potenciar e artellar o desenvolvemento do I+D forestal.

As principais organizacións do sector xúntanse para debater sobre a situación actual e o futuro da produción de madeira. Na xornada participarán 150 expertos: silvicultores, xestores forestais, operadores de madeira, investigadores, industriais da madeira, técnicos forestais… Asistirán tamén representantes do sector nacional, de Portugal e de Cantabria.

Entre outros temas, o programa da xornada inclúe o debate sobre o futuro da produción de madeira de eucalipto nitens, a análise do futuro da produción de piñeiro, as posibilidades do mercado das madeiras de alto valor ou o equilibrio da oferta e demanda das principais madeiras galegas de interese comercial.
Á xornada asistirán como relatores, representantes da Universidade de Santiago de Compostela e da de Vigo, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do European Forest Institute, operadores de madeira e propietarios forestais.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto presidirá o acto de clausura deste foro, no que se lle presentarán as principais conclusións da xornada.

O aforo está completo.
Programa da xornada ‘O recurso madeireiro nos montes de Galicia’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información