O Foro Rural Sustentable volve cunha nova edición que terá lugar os días 25, 26 e 27 de abril en Os Casares, unha antiga granxa de vacas entre carballos situada na aldea de San Cristovo de Mouricios, Chantada. Durante tres xornadas, os participantes buscarán propostas para transformar o rural nun espazo máis próspero e sustentable.
O obxectivo do foro é xerar alianzas, compartir coñecemento e promover cambios regulatorios que impulsen proxectos sostibles no rural. Para garantir unha conexión real coa realidade do medio rural, constituíuse o Comité Organizador do evento.
Este está integrado por Marcos Pérez da Fundación Galicia Sustentable, Cristina Fernández-Armesto de Casa Grande de Xanceda, Xosé Lois Lamazares de Daveiga, Jesús Mazaira de Airas Moniz, David Sueiro de Galo Celta, Nuria Varela-Puertas de Pazo de Vilane e Miriam Pérez de Galería Vilaseco.
Temas clave
Nesta edición abordarase unha serie de retos fundamentais para o desenvolvemento sustentable do rural:
- Soberanía alimentaria, como forma de acadar unha produción máis resiliente e autónoma.
- Comunicación e comunidade, importante para construír un relato que dignifique e visibilice o rural.
- Relevo xeracional, un dos retos para manter vivo o territorio.
- Viabilidade do sector primario. Analizarase a influencia da estrutura económica actual.
- Impacto xeoestratéxico do sector primario.
- Tematización do rural, unha tendencia da que se estudará o seu impacto na autenticidade e sustentabilidade do territorio.

Edición anterior do Foro Rural Sustentable.
Un programa intenso con relatores de prestixio
O encargado de conducir o evento será o xornalista Manuel Campo Vidal. O venres 25 de abril abrirase o foro cun encontro inicial para reflexionar sobre os cambios necesarios no rural. Reunirá expertos, emprendedores e axentes do sector para debater sobre a situación actual e como mellorar a comunicación e narrativa sobre o rural.
O sábado 26 os asistentes, que participarán por invitación, formarán parte de debates, mesas redondas e grupos de traballo. O obxectivo é transformar as reflexións en accións concretas para o rural.
O domingo 27 de abril, derradeira xornada do foro, dedicarase á síntese das aprendizaxes e á definición dos pasos a seguir para consolidar a transformación do medio rural.
O Foro Rural Sustentable non se limita a ser un espazo de conversación, senón unha plataforma de acción para a xeración de propostas e a activación de iniciativas concretas que impacten positivamente no medio rural.
Apoio de grandes empresas galegas
Nesta edición, ABANCA incorpórase como entidade impulsora do foro, xunto a Hijos de Rivera e GADIS. Estas tres empresas galegas desempeñan un papel clave na sustentabilidade e desenvolvemento do rural.
ABANCA reforza o seu compromiso co sector agrogandeiro, forestal e vitivinícola de Galicia. Ademais de ofrecer financiamento, aposta pola creación de ferramentas e estratexias para facilitar a transición do rural cara a un modelo máis sustentable.
A implicación de Hijos de Rivera e GADIS permite abordar os retos do rural desde diferentes perspectivas, incluíndo a distribución de produtos locais e a dinamización da economía territorial.
Este foro é unha iniciativa da Fundación Galicia Sustentable, e conta co apoio de Corporación Hijos de Rivera, ABANCA e GADIS. Trátase dun evento anual que busca favorecer o encontro de ideas e propostas que contribúan á sustentabilidade do rural.