Foro en Lugo sobre robotización do sector agrogandeiro e forestal

Foro en Lugo sobre robotización do sector agrogandeiro e forestal

A directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; o coordinador do grao en Robótica da USC, Roberto Iglesias, e o profesor da mención da especialidade en Agrorobótica incluída neste título de grao, Javier Bueno Lema, presentaron este xoves este programa formativo e de divulgación sobre a realidade actual e as tendencias futuras da robótica agroforestal e gandeira

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC aborda o progresivo proceso de robotización que está a experimentar o sector agrogandeiro e a súa incidencia na realización das actividades agroforestais e gandeiras, no marco dunhas xornadas que citarán no centro universitario lugués os días 11 e 12 de xullo representantes dalgunhas das empresas multinacionais de referencia nestes ámbitos, ademais de investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC.

A directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; o coordinador do grao en Robótica da USC, Roberto Iglesias, e o profesor da mención da especialidade en Agrorobótica incluída neste título de grao, Javier Bueno Lema, presentaron este xoves este programa formativo e de divulgación sobre a realidade actual e as tendencias futuras da robótica agroforestal e gandeira, un foro aberto a toda a comunidade universitaria e demais cidadanía interesada na temática que reunirá no Campus Terra a catro representantes do mundo da empresa e da investigación.

Programa

O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, abrirá este programa de relatorios o 11 de xuño, a partir das 10.00 horas, no salón de graos da EPS de Enxeñaría de Lugo, coa charla titulada ‘Robotización de explotacións de vacún de leite’, durante a que tratará algún dos aspectos dos xa xeneralizados robots de muxido, así como respecto doutras aplicacións desenvolvidas por esta multinacional que centra a súa actividade na prestación de recursos e servizos para explotacións de vacún de leite.

O enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota en Europa, dará continuidade á primeira quenda de intervencións deste foro coa charla ‘Exemplos de innovación de kubota para o futuro sostible da agricultura’, na que avanzará algunhas das últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con sede en Xapón.

A segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro, ofrecerán o 12 de xullo cadanseu relatorio baixo o títulos ‘Robots intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí’ e ‘Cultivando con datos: cara a agricultura robótica de precisión’.

Inscrición

O prazo de inscrición nestas xornadas permanece aberto ata o 11 de xuño na páxina web https://roboticalugo.com, onde as persoas interesadas poden formalizar de balde a súa participación nun evento que xa contabiliza un elevado número de participantes. O aforo é limitado e as persoas que o soliciten recibirán o seu corresponde diploma de asistente ao remate das xornadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información