Un total de 17 formadores procedentes de Europa, América, Asia e Oceanía visitaron dúas adegas do territorio amparado pola D.O. Valdeorras. Os seus responsables amosáronlles as instalacións e viñedos para que coñecesen de primeira man a orixe do viño da comarca.
O presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, remarcou que estes visitantes “son os formadores dos prescriptores máis importantes de viño de todo o mundo”, algo que considera “un verdadeiro luxo ter a esta xente aquí porque fan de altavoz a nivel mundial do que facemos en Valdeorras”.
Os participantes puideron degustar unha ampla selección de diferentes marcas amparadas polo Consello Regulador, que desfrutaron nun túnel do viño, dirixido por Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras, e que finalizou coa degustación de produtos típicos da zona, embutidos, queixos e empanadas.
Ryan Robinson, formador e estudante de Master of Wine no estado de Conectica, EE.UU, describiu a súa experiencia na comarca coma unha viaxe moi enriquecedora e unha aprendizaxe continua: “en Valdeorras degustamos moitos viños, pero sobre todo, coñecimos en profundidade a súa historia”.
A visita foi conducida por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, e entre os asistentes encontrábanse Helena Edgerton, da Sydney Wine Academy; Pedro Fadanelli, da Escola Celebrare Brazil; Victoria Aldwinckle, da Kent Wine School; Caitlin Ferguson, da Vinsanity/Cru Consultancy, e outros formadores destacados de escolas de todo o mundo.
A experiencia enolóxica, homologada pola Wine Scholar Guild, inclúe a visita ás cinco denominacións de orixe de viño que existen en Galicia, así como ao Consello Regulador das II.GG. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
A Wine Scholar Guild é unha entidade referente mundial e líder de programas de certificación de viños de Francia, Italia e España, con escolas en 30 países de 5 continentes. Destacan pola súa educación enolóxica online e seminarios con expertos recoñecidos, así como por organizar viaxes de inmersión no estudo do viño.
A actividade, impulsada desde a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.GG Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga), conta ademais, co respaldo do Igape. Tras ser recibidos na D.O. Valdeorras, a seguinte parada é o territorio amparado da D.O. Rías Baixas.