A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) ten previsto celebrar varios cursos sobre micoloxía e produción de cogomelos nos vindeiros días. En concreto, este venres 22 de outubro está programado un de iniciación á micoloxía na Casa da Cultura de San Sadurniño, mentres o venres 29 se prevé outro sobre produción de cogomelos en troncos de madeira de castiñeiro e de carballo na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna.
Impartida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ferrol, a iniciativa de San Sadurniño constará de 15 horas lectivas distribuídas en dous días. O obxectivo é iniciar aos participantes nos aspectos fundamentais relativos á identificación, recolección e cultivo dos diversos tipos de cogomelos existentes. O programa inclúe saída ao monte, un obradoiro de cultivo de shiitake e de cogomelo ostra e unha degustación de produto en distintas receitas.
En canto á acción sobre a produción de cogomelos en troncos, será impartida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo e constará de 20 horas lectivas repartidas en tres xornadas. Persegue dar a coñecer esta posibilidade produtiva compatible coa explotación da madeira e co aproveitamento da castaña, dado o pouco investimento inicial preciso para introducirse no mercado dos cogomelos. Así, no programa contémplanse contidos sobre as distintas especies de cogomelos que se cultivan en troncos, así como sobre a produción, a colleita e a postcolleita, entre outras cuestións. O curso inclúe un taller de inoculación de shiitake e outro de inoculación de cogomelo ostra.
Todos estes cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. No caso de San Sadurniño, deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico alejandro.martinez.verez@xunta.gal e solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 981 337 044. No que respecta á acción formativa de Navia de Suarna, o correo de referencia é cfea.guisamo@edu.xunta.es e o teléfono o 881 818 043.