Formación sobre prevención de lumes para traballadores silvícolas e comunidades de montes

Medio Rural e Finsa asinan un convenio para colaborar en materia de sensibilización sobre factores de risco en incendios forestais

Publicidade
Formación sobre prevención de lumes para traballadores silvícolas e comunidades de montes

Sinatura do convenio hoxe en Santiago.

A Consellería do Medio Rural e a empresa Finsa reforzan a súa colaboración en materia de prevención de incendios forestais coa sinatura dun novo convenio destinado ao desenvolvemento de accións formativas e de divulgación conxuntas. O acordo foi formalizado este luns pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e polo membro do Comité Executivo de Finsa, Xosé Mera, nun acto celebrado en Santiago de Compostela.

A través desta iniciativa, ambas entidades promoverán un programa de formación e sensibilización orientado a mellorar a cultura preventiva no territorio, incrementar a seguridade das persoas que traballan no monte e reforzar a capacidade de autoprotección fronte ao risco de incendios forestais.

As accións previstas estarán dirixidas tanto ao persoal de Finsa como ás comunidades de montes veciñais en man común que colaboran coa compañía en distintos proxectos de xestión forestal. A empresa desenvolve a súa actividade tanto en montes propios como a través de acordos con entidades veciñais, polo que o convenio permitirá ampliar o alcance das medidas preventivas a unha parte significativa do territorio forestal galego.

O programa combinará formación teórica e práctica, con sesións presenciais en aula e actividades sobre o terreo. As xornadas terán unha duración de oito horas e realizaranse en grupos reducidos para favorecer unha aprendizaxe máis eficaz. Entre os contidos previstos inclúense a identificación dos factores de risco e das principais causas dos incendios forestais, as boas prácticas nos traballos silvícolas, as medidas de autoprotección e os protocolos de comunicación e alerta.

Ademais, abordarase a planificación preventiva dos montes, incidindo na detección de puntos críticos, a importancia dos accesos, a xestión da biomasa e o papel das faixas de protección. A parte práctica permitirá aos participantes identificar situacións de risco e coñecer de primeira man os procedementos que contribúen a reducir a probabilidade de que se produza un incendio ou a minimizar as súas consecuencias.

Desde a Consellería do Medio Rural destacan que este convenio supón un novo paso na cooperación entre a Administración autonómica e o sector privado para fortalecer a prevención e a detección temperá dos lumes forestais. Neste sentido, subliñan que a formación e a implicación dos distintos actores que desenvolven a súa actividade no monte son elementos clave para reducir o risco de incendios e mellorar a protección do patrimonio forestal galego.

A iniciativa enmárcase na estratexia da Xunta para promover unha resposta integral fronte aos incendios forestais, baseada non só na extinción, senón tamén na prevención, a sensibilización e a colaboración activa dos propietarios, empresas e comunidades de montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información