O Clúster da Biomasa de Galicia está a desenvolver un programa formativo sobre os biocombustibles, como estelas, leñas ou biochar. Esta semana tivo lugar unha xornada na Facultade de Bioloxía de Santiago e para a semana están previstas outras dúas xornadas, unha en Santiago e outra en Pontevedra.
Na xornada desta semana analizouse a situación actual e os datos estratéxicos dos biocombustibles sólidos, debullando o marco legal que lles afecta en materia de emisións, ecodeseño (Ecodesign), así como as directivas europeas da RED II e RED III, ligadas á sustentabilidade enerxética.
A sesión foi na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, a que asistiron diferentes representantes do sector. Os profesionais participantes puideron afondar na normativa internacional de calidade (como a norma ISO 17225) e nas claves prácticas para o aseguramento da calidade na produción de astela e leña — especialmente no control crítico da humidade e a granulometría— , así como nos principais selos de certificación do mercado, como Biomasud, E Nplus, etc.
O vindeiro 27 de maio, o Clúster continuará co seu programa formativo, que conta co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), con dúas novas sesións presenciais en horario de mañá. As xornadas, que terán lugar na Facultade de Bioloxía (USC) e na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (UVigo), centraranse na certificación e calidade dos biocombustibles sólidos.
Nestas xornadas, analizaranse as propiedades físico-químicas dos biocombustibles, os procedementos de mostraxe e control e os métodos de medición e caracterización, incorporando casos prácticos orientados á aplicación real destes coñecementos no ámbito profesional.
Así mesmo, o programa incluirá un bloque específico centrado na caracterización e no potencial do biochar (biocarbón), no que se analizarán as características dos restos forestais en Galicia como materia prima, os distintos procesos de produción e os criterios de certificación e caracterización deste material, así como os seus posibles usos e aplicacións.
A información completa do programa e o acceso ao apartado de inscricións están dispoñibles na web.
Galego










Control OJD