“A formación profesional agraria ten un grado de empregabilidade moi alto, e moita mocidade descoñece isto”

Entrevista a Iria Villar Rodal, presidenta da Asociación de profesorado de ensino agrario de Galicia (APEAGA)

“A formación profesional agraria ten un grado de empregabilidade moi alto, e moita mocidade descoñece isto”

A Asociación de Profesorado de Ensino Agrario de Galicia (APEAGA) representa arredor do 30% dos docentes dos ciclos formativos públicos das ramas agrogandeira, forestal, de xardinaría e medioambiental.

Falamos coa súa presidenta, Iria Villar Rodal, quen destaca o alto grao de empregabilidade que hai neste sector. “Hai un descoñecemento entre a mocidade urbana da alta demanda de emprego que hai no agro”, subliña.

-Hai 12 anos constituíase en Arzúa a Asociación de profesorado de ensino agrario de Galicia (APEAGA). ¿Que representatividade ten a día de hoxe dentro do colectivo?
APEAGA é a Asociación de Profesorado de Ensino Agrario de Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro e que ten como áreas de traballo a formación agrogandeira, forestal, de xardinaría e medioambiental. O fin principal da asociación consiste en promover a mellora e a calidade do ensino público de formación profesional dentro da Familia Profesional Agraria que conforma a formación do profesorado, canalizar as demandas do profesorado coa administración ademais de establecer relacións coas empresas vinculadas ao sector. Para isto APEAGA configúrase como un punto de encontro do profesorado dos diferentes centros públicos onde se imparte formación agraria, de xeito que a asociación permite partillar experiencias educativas, promover a formación continua, abrir foros de análise, debate e formulación de propostas de mellora tanto coas administracións como cos axentes na área da formación agroforestal.

Tendo en conta isto foi neste ano cando decidimos retomar e continuar o traballo que comezaron as compañeiras fai doce anos xa, con ilusión e sorprendidas co bo acollemento por parte das compañeiras e compañeiros que se uniron ao proxecto en canto decidimos reactivalo. Dende xaneiro continúan chegando solicitudes de novas socias e, neste momento, considerando a estabilidade entre as docentes da familia profesional, estamos cerca do 30% de profesorado da familia profesional que está asociado a APEAGA.

-Que balance facedes destes 12 anos de actividade?
Como decía os últimos anos APEAGA pasou un período de inactividade pero antes disto APEAGA conseguiu melloras importantes para a familia profesional agraria, que a día de hoxe desfrutamos todas e todos. Un exemplo deste traballo e da importancia de APEAGA como ferramenta na nosa familia profesional é que acadamos a posibilidade de poder concursar anualmente para as prazas ofertadas nos centros pertencentes á Consellería do Medio Rural de xeito que se conseguiu unha continuidade do profesorado nestes centros.

Tamén se realizaron xornadas para partillar experiencias de aprendizaxe, documentación, así como saídas para coñecer experiencias interesantes no ámbito profesional agrario en Galicia. Na actualidade a idea é continuar con este tipo de actividades, realizar xornadas de formación e tamén facilitar unha promoción conxunta de todos os ciclos da familia profesional agraria.

-Como veu evolucionando a matriculación nas ramas da FP agraria en Galicia nos últimos anos?
A aparición da formación profesional básica e os programas formativos deu un pulo importante á oferta formativa xa que o alumnado que comeza a súa formación nos ciclos de formación básica unha parte continúa a súa formación con ciclos medios e superiores da mesma familia. Debemos ter en conta que a familia agraria engloba sectores profesionais como a gandeiría, a produción agrícola, o sector forestal e as áreas da conservación medioambiental. Trátase de sectores de vital importancia na nosa economía e que ao tempo son estratéxicos para un futuro próximo no que debemos afrontar as consecuencias do cambio climático.

“Hai un descoñecemento entre a mocidade urbana da alta demanda de emprego que hai no agro”

Porén, percibimos un descoñecemento desta formación entre a mocidade urbana e na medida na que a sociedade se volve máis urbana e máis desconectada do medio rural, ao igual que nas titulacións universitarias da rama agraria, pérdese alumnado.

O sorprendente é que son titulacións con moi boa empregabilidade, onde continuamente nos chegan ofertas de empresas que buscan persoal ademais de ser ciclos nos que o alumnado amosa moita satisfacción por telo cursado. Debemos ter en conta tamén que a formación agraria constitúe unha formación imprescindible para todas aquelas persoas que queren poñer en marcha novos proxectos produtivos vinculados aos sectores gandeiros, agrarios e forestais. Así que animamos a todas as personas que teñan interese ou curiosidade que se acheguen aos nosos centros e se informen das posibilidades que hai.

-Está a mudar o perfil de alumnado?
O perfil do alumnado é moi variado. Como decía temos unha importante oferta de ciclos básicos e programas formativos, que funcionan moi ben entre o alumnado que accede a eles fronte ás dificultades de poder rematar a ESO. Moito deste alumnado continúa a súa formación nos ciclos medios. Ademais, dende a ESO e o Bacharelato accede boa parte do alumnado que ve nos ciclos unha posibilidade de formarse para a súa incorporación no mercado laboral pero tamén como parte do seu itinerario formativo para acceder a estudos universitarios.

Nos ciclos medios e superiores tamén se incorpora alumnado adulto, con traxectorias profesionais diferentes ao sector agrario pero que se achegan aos ciclos de agraria coa intención de completar ou incluso cambiar a súa traxectoria profesional. Temos tamén alumnado que pretende ascender dentro dos seus grupos profesionais para o cal é requisito contar cunha titulación de ciclo superior. É frecuente tamén atopar nas aulas alumnado que xa conta con licenciaturas ou graos universitarios e mesmo enxeñerías agrícolas e forestais que acceden aos ciclos para completar a súa formación dende un punto de vista máis práctico.

-Nalgúns centros de ensino de FP agrario, cada vez ten máis peso o alumnado que realiza o curso de asistencia en sanidade animal meramente como vía de entrada para Veterinaria, e non precisamente para clínica de animais de gando. Confirmades esta tendencia? Non se está a deturpar o obxectivo da FP agraria?
Para nada. Parécenos interesante que o alumnado que nun principio se propoña como obxectivo principal acceder a veterinaria, posúa una formación que lle axude a obter unha visión máis completa do medio agrogandeiro onde desenvolverá a súa actividade profesional. Con seguridade serán mellores veterinarias.

Debemos ter en conta que os ciclos superiores de FP son unha vía de acceso máis para determinadas carreiras universitarias. É certo que hai alumnado que opta por esta vía por diversos motivos, que van dende a imposibilidade de entrar pola nota de corte pero tamén hai alumnado que entende que os ciclos de formación profesional son unha oportunidade para adquirir coñecementos prácticos que tamén aportarán beneficios na súa posterior traxectoria como estudantes universitarios, xa que este alumnado comeza a carreira cunha visión máis completa do seu futuro campo de traballo.

Esta tendencia non se dá só no acceso a veterinaria, senón que tamén no eido forestal ou de produción agraria accedendo ao grao de enxeñería forestal e ao grao de enxeñería agraria ou o grado en paisaxe a través de ciclos superiores como o Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural ou o Ciclo Superior de Paisaxismo e do Medio Rural. Por outro lado ás universidades interésalles o alumnado procedente dos ciclos superiores; tanto é así que ofrecen vantaxes moi interesantes como a validación directa de módulos cursados en formación profesional por materias impartidas na universidade de forma que este alumnado ten acceso a máis ofertas laborais (por ter un título de Técnico superior) e, parte do tempo que invirten en cursar o Ciclo o recuperan despois no Grado.

formacion profesional agraria galicia 1

-Un dos obxectivos de APEAGA é mellorar a calidade do ensino da Familia Profesional de Actividades Agrarias. Cales consideras que son principais fortalezas da FP agraria en Galicia?
A principal fortaleza da FP agraria dende o noso punto de vista é que se trata dun sector que forma parte da nosa identidade cultural e económica. Contamos con tradición no sector agroforestal e en Galicia temos un grande potencial que aínda ten moita marxe de desenvolvemento. Nos ciclos da familia agraria o alumnado adquire coñecementos moi variados que lle permitirán traballar en empresas de xardinaría, en explotacións gandeiras, agrícolas, en viveiros de produción de planta ou en empresas vinculadas ao sector forestal, na produción de madeira e de outros aproveitamentos do monte.

A formación agraria é unha das máis importantes para unha sociedade máis resiliente.

Ademais é unha formación moi ligada ao medio natural e a produción de alimentos, o que, nun contexto como o actual de crise ambiental e económica, é imprescindible se queremos ter unha sociedade máis resiliente: ter a profesionais formados, con sensibilidade ambiental e cunha capacidade de análise dos problemas e as solucións medioambientais contribuirá a manter un medioambiente máis san e cunha produción máis sostible. No relativo á alimentación non esquezamos o que nos ensinou a recente crise de Covid ou a guerra de Ucrania cando descubrimos que unha boa parte dos alimentos que consumimos proceden de lugares lonxanos e o suministro non está garantido, por iso necesitamos tender cara a soberanía no referente a productos básicos como os alimentos. A formación agraria sería pois unha das máis importantes para unha sociedade máis resiliente.

-E a que eivas estruturais e retos se enfrenta?
As eivas estruturais ás que se enfronta a FP agraria están moi vinculadas ás eivas ás que se enfronta o sector. Deste xeito nestes anos deberemos facer fronte a cambios importantes no xeito de producir de xeito que sexamos quen de adaptar a produción de alimentos e o coidado do noso medio natural aos retos que teremos que afrontar derivados do cambio climático.

Alén disto a distancia cada vez maior da sociedade galega co seu medio rural e natural, hai poucas décadas a maioría das persoas galegas tiña un vinculo coa aldea (por vivir nela ou por ter familia), hoxe en día cada vez hai máis poboación urbana e que xa non “teñen aldea”. Isto provoca moito descoñecemento.

-A formación profesional agraria pública en Galicia está parcelada en nada menos que 3 consellerías (Educación, Medio Rural e Traballo). Como afecta isto á calidade do ensino que se ofrece e aos dereitos dos propios docentes?
A oferta formativa pública da familia agraria impártese principalmente en centros públicos dependentes da Consellería de Educación, como son os Institutos de Ensino Secundario, os Centros Integrados de Formación Profesional e os Centros de Educación Especial.

Ademais disto tamén se imparte en cinco dos seis Centros de Formación e Experimentación Agroforestal, así como no Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago dependente da Consellería de Emprego e Igualdade. O feito de ter oferta formativa que depende de varias consellerías implica que deben existir convenios entre as consellerías para facilitar a xestión da formación. Nos centros dependentes da Consellería de Medio Rural lévase impartindo ciclos de formación profesional agraria dende o ano 1997 grazas a un convenio asinado neste ano entre a que naquel momento era a Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes e Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dende APEAGA consideramos que é necesario revisar e actualizar este convenio xa que tanto a Formación Profesional como a estructura da Consellería do Medio Rural viviron moitos cambios nas últimas décadas e faise preciso unha revisión e adaptación do mesmo.

formacion profesional agraria galicia 2

-Cales son dende APEAGA as principais demandas que lle vides trasladando á administración?
Nesta nova etapa de APEAGA centramos as nosas reivindicacións nas principais eivas que atopamos como poden ser a falta de oferta formativa pública en determinadas zonas con importante peso no sector, a revisión e actualización do convenio coa Consellería do Medio Rural, ou dunha maior coordinación na definición da oferta formativa en determinadas áreas. Trasladamos tamén a necesidade de poder realizar desdobres nas tarefas prácticas.

No que se refire á valorización da formación agraria consideramos que é necesario que nas ofertas de emprego público se aposte pola contratación de persoal coa cualificación profesional correspondente de grado medio e grado superior. Para isto é necesaria unha maior divulgación entre as diferentes administracións das titulacións existentes así como subliñar a importancia de incluír esta formación como un requisito para acceder ás bolsas de emprego público.

Estamos formando profesionais de ciclos medios en xardinaría ou traballos forestais cunha elevada empregabilidade no sector público e esta formación debería ser valorada e mesmo esixida nos procesos selección tanto nas administracións locais como dende a administración autonómica.

-A formación a distancia estase a estender na formación profesional. Como valorades esta modalidade de ensino e que eivas detectades?
Trátase dunha modalidade de ensino que ten encaixe en determinadas familias pero que na familia agraria ao ser ciclos dunha importante carga práctica non teñen fácil implantación. Pensamos que, antes de implantala sería importante consultar ao profesorado da familia profesional, para analizar en que ciclos é posible e como se debería facer.

En toda a comarca do Xallas ou do Deza non hai ofertado ningún ciclo público da familia agraria

-O mapa da formación profesional agraria en Galicia non se corresponde exactamente coas zonas de maior actividade agrogandeira, por exemplo nas comarcas do Deza, o Xallas ou a montaña de Ourense. Compartides esta análise?
Compartimos esta análise e trátase dunha das reivindicacións que presentamos perante á propia consellería. Dende APEAGA consideramos que a oferta formativa pública debe dar resposta á realidade produtiva galega e se analizamos o mapa da oferta pública atopamos zonas en branco. Como podemos observar no mapa da oferta pública para este curso 2024-2025 atopamos importantes baleiros en zonas cun importante peso na produción gandeira. En toda a comarca do Xallas ou do Deza non hai ofertado ningún ciclo da familia agraria. O mesmo podemos comprobar en Lugo onde non hai oferta formativa de xardinaría en toda a provincia. Dende APEAGA entendemos que a formación dos futuros profesionais do noso medio rural debe ter como base a igualdade de oportunidades, e o mantemento e fixación da poboación no seu entorno máis próximo, así como dispor dunha formación de calidade vertebrada a través do ensino público.

-A nivel normativo, a formación profesional dual estase abrindo camiño. Que problemáticas considerades que se plantean con este cambio? Hai falta de empresas para que o alumnado poda facer prácticas da formación que cursa?
Neste próximo curso 2024-2025 comenzará a implantación da nova Lei de Formación Profesional, que ten como base a dualización da formación profesional. Isto significa que o alumnado recibirá unha parte da formación na empresa tanto no primeiro como no segundo curso. Este vai ser tamén un novo reto ao que se enfronta a FP en xeral nos próximos anos nos que teremos que buscar o mellor encaixe posible.

-Que grao de empregabilidade teñen as distintas ramas da FP agraria en Galicia?
Nós non manexamos datos reais de empregabilidade, así que a resposta vai máis dende as impresións que temos. Neste sentido vemos que a maioría do noso alumnado comeza a traballar moi pronto incluso moito alumnado queda nas empresas onde realizan as prácticas . Tamén aos centros chegan moitas ofertas de emprego que difundimos entre exalumnas e exalumnos, así que a empregabilidade parece moi boa.

“A maioría do noso alumnado comeza a traballar moi pronto”

Tamén é importante incidir outra vez na importancia que ten a formación no autoemprego, que tamén se configura como unha opción cada vez de maior relevancia para asegurar a produción de alimentos e o mantemento da poboación no medio rural. A formación agraria é unha peza moi importante para conseguir un medio rural vivo e con futuro.

-Por qué recomendaría cursar algunha das ensinanzas que se imparten na FP agraria?
A rama profesional agraria imparte formación en sectores económicos estratéxicos para Galiza ademais de ter un papel importante na protección da natureza, na produción de alimentos e na loita fronte ao cambio climático.

-Algo máis que queiras engadir?
Dende APEAGA creemos na importancia de asociarnos porque moitas veces, nestas familias profesionais nas que existen poucos centros e bastante alonxados uns de outros, fáltannos espazos de encontro entre profesorado, para analizar a problemática que vemos na formación agraria e tamén no medio rural e, pensar de forma conxunta posibles solucións.

Outro aspecto que valoramos é poder partillar, como decíamos anteriormente, tanto materiais como experiencias formativas, xa que moitas veces para estes ciclos existe pouco material didáctico e, en xeral pensado para realidades diferentes ás que nos podemos atopar no medio rural galego. Tamén é importante o papel de APEAGA como ferramenta para canalizar as demandas do profesorado e dos centros coa administración, xa que estamos a falar de ciclos formativos que requiren importantes recursos para o seu desenvolvemento. Como xa falamos o outro piar sería a relación directa coas empresas vinculadas á nosa familia profesional, de cara a establecer tamén foros de encontro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información