Formación para 160 profesionais sobre rehabilitación de estruturas de madeira

A Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos formaron aos profesionais a través dun convenio que está a permitir a organización de cursos en edificación, rehabilitación e sustentabilidade no emprego da madeira

Publicidade
Formación para 160 profesionais sobre rehabilitación de estruturas de madeira

O convenio entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) permite a organización de actividades formativas en edificación, rehabilitación e sustentabilidade no emprego da madeira, onde xa tomaron parte máis de 160 profesionais da arquitectura galega.

O director da Axencia, Alfredo Fernández, subliñou na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas as posibilidades que se abren para o sector forestal co emprego da madeira no eido da construción, tanto en obra nova como en rehabilitación. “Un elemento que se pode reutilizar e reciclar e que vai xogar un papel fundamental para axudar no proceso de descarbonización do sector da edificación”, apuntou.

Fernández Ríos asistiu no Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS-Madeira) ao peche do curso Rehabilitación de estruturas de madeira.

Logo de 8 sesións eminentemente teóricas, preto dunha trintena de alumnos tiveron ocasión de participar onte nun taller práctico impartido por técnicos do CIS-Madeira sobre exemplos de intervención en estruturas de madeira. Así puideron aprender como reforzar unha viga mediante o uso de diferentes técnicas e coñecer materiais accesorios e habituais na rehabilitación deste tipo de elementos.

Fernández Ríos lembrou o compromiso do Goberno galego para incorporar de xeito progresivo o emprego da madeira nas edificacións que promova ou execute a Administración pública, ata acadar o 20 %. Un obxectivo para o que se chegou a acordos de colaboración entre organismos públicos como o subscrito entre XERA e o SERGAS, ou entre a XERA e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Instituto Galego de Vivenda (IGVS).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información