A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ofrecerá en decembro un curso sobre ecodeseño e etiquetaxe. Esta formación busca dotar aos produtores de ferramentas para mellorar o envasado, reforzando a comercialización e potenciando a marca e a etiquetaxe dos seus produtos.
O curso, que se enmarca no proxecto “Ecosistema de producións sostibles de alto valor engadido na provincia de Ourense”, terá unha duración de 11,5 horas, divididas en 8,5 horas presenciais (Concello de Paderne de Allariz) e 3 horas en liña. Os interesados poderán anotarse na seguinte ligazón.
O curso estrutúrase en tres sesións. A primeira terá lugar o 2 de decembro, de forma presencial de 15 a 19.30 horas, e abordará o ecodeseño e a etiquetaxe de produtos. Estará impartida polas expertas en sostibilidade, Silvia Ros Urrutia e Eva D. Castro Outeiriño.
A segunda sesión será en liña, o 5 de decembro, de 16 a 19 horas. Será impartida por Noemí Cortizas, experta en ecodeseño, e tratará esta rama aplicada ao mel e conservas vexetais.
Finalmente, o 12 de decembro realizarase unha sesión práctica presencial de 16 a 20 horas, centrada na aplicación de conceptos de ecodeseño mediante a análise de casos de boas prácticas de empresas galegas. A iniciativa apoia aos produtores na diferenciación no mercado dentro da “Estratexia provincial de producións sustentables de alto valor engadido”.