Estudantes e profesionais participan nun ciclo de actividades formativas sobre novas tendencias do sector. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou o compromiso da Xunta coa formación na industria forestal e a construción en madeira. O obxectivo é que estudantes e profesionais do sector accedan a diversas actividades formativas sobre as novas tendencias.
Fernández Ríos participou na primeira das catro Xornadas Técnicas Madeira, organizadas polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) en colaboración coa Xunta.
O evento tivo lugar no Campus de Lugo, na Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), onde os asistentes realizaron ensaios de laboratorio con elementos de madeira para avaliar as súas propiedades mecánicas.
Este obradoiro forma parte dun ciclo de actividades que se desenvolverá entre o 1 e o 8 de abril, coa participación de 25 persoas. Estas iniciativas contan co respaldo da Xunta, que destinou 800.000 euros para o período 2024-2025.
En total, 14 entidades do sector resultaron beneficiarias destas axudas, entre elas o Clúster da Biomasa de Galicia, Lugomadera, Fearmaga, Resuga, PEFC Galicia, Asefoga, Cesuga e a USC, entre outras.
Grazas a estes fondos, leváronse a cabo case sesenta accións formativas sobre temas como o aproveitamento da madeira e da resina, o uso de tecnoloxías dixitais, a certificación forestal e a construción en madeira, entre outros.