Formación en Monforte e en Narón sobre márketing aplicado ás adegas e á horta

Publicidade
Publicidade

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a partir da semana que vén en Monforte de Lemos e Narón senllas formacións sobre o márketing. A de Monforte -prevista entre o 18 e o 28 de outubro na sede do Consello Regulador da denominación de orixe (DOP) Ribeira Sacra- estará centrada nas bodegas, mentres a de Narón -que se desenvolverá do 19 ao 21 de outubro no local da cooperativa O Val- incidirá nas estratexias para promocionar os produtos derivados da horta.

Canto á acción de Monforte, constará de 20 horas lectivas en horario de tarde ao longo de oito xornadas. Impartida polo departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal, o seu obxectivo principal é analizar os distintos tipos de mercado que existen no sector vitivinícola e as correspondentes estratexias de márketing para a introdución en cada un deles. Así, o curso comezará cunha introdución ao mundo do viño, avaliando os distintos tipos de comercios, así como nocións sobre o márketing. Tamén se tratarán as estratexias e canles de distribución, a publicidade e as relacións no sector vitivinícola, o comercio exterior e, por último, as posibilidades do merchadising, da internet ou das redes sociais para a promoción.

Precisamente as redes sociais serán o eixe arredor do que xire a iniciativa de Narón, que se distribuirá en 10 horas, tamén en horario de tarde, neste caso centrándose nos produtos derivados da horta. Con este curso impartido pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ferrol, búscase que os participantes teñan os coñecementos para levar a cabo un plan de social media, baseado nunha estratexia de planificación e análise. Nesta dirección, a primeira das tres xornadas do curso abordarase a elaboración dese plan, cada un cun caso particular real ou ficticio tomando como exemplo marcas existentes. O segundo día trataranse as principais redes sociais de interese e as súas particularidades, mentres o terceiro falarase da creación de contido nesas redes para atraer a potenciais consumidores, apuntando á importancia da redacción, do deseño e da fotografía.

Ambas accións están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Para inscribirse nos cursos pódese descargar a solicitude nesta ligazón  e remitila cuberta, no caso do curso en Monforte, ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal e consultar calquera dúbida no teléfono 881997279. No de Narón, o teléfono de referencia é o 981337044 e o enderezo electrónico: oac.seca.ferrol@xunta.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información