A Consellería do Medio Rural reforzará as medidas a prol da remuda xeracional a través da formación, a titorización e os apoios para a incorporación ao agro. Medio Rural sinala que a remuda é unha prioridade estratéxica desta área para garantir que a mocidade teña oportunidades reais para desenvolverse profesionalmente.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, abordou isto no Parlamento en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión e destacou especialmente a importancia da formación, imprescindible para contar con profesionais preparados e con explotacións rendibles modernas e competitivas. Como exemplo, falou dos 566 estudantes cos que contan os centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería. A maiores, destacou que o índice de inserción laboral atópase próximo ao 100 %, polo que reafirmou que o rural é sinónimo de futuro.
Gómez detallou que este 2025 programáronse 169 accións formativas, máis de 3.500 horas e 4.000 prazas cun investimento que supera os 540.000 euros, todo co obxectivo de seguir apoiando a formación dos profesionais do agro. Tamén sinalou a importancia das axudas á incorporación de mozos que, cuxa convocatoria de 2025, está dotada con 36 millóns de euros, con achegas concretas de ata 320.000 euros.
Galicia contará co Estatuto da Muller Rural pola súa contribución ao desenvolvemento do campo galego
O Banco de Explotacións
Este ano arrincou o Banco de Explotacións para conectar a persoas que pretendan cesar na súa actividade con aquelas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición. Actualmente, xa hai explotacións incluídas no visor público do Banco de Explotacións pertencentes ás catro provincias galegas e existen solicitudes de mediación.
A conselleira avanzou que neste mes publicaranse as bases reguladoras das axudas para a sucesión de explotacións agrarias, unha achega ligada ao Banco de Explotacións e que contará cun importe de 2,1 millóns de euros ata 2029.
Por último, destacou o papel das mulleres e puxo en valor as políticas dirixidas a elas. Neste sentido, lembrou que Galicia contará co Estatuto da Muller Rural pola súa contribución ao desenvolvemento do campo galego.
Galego










Control OJD