“A formación e o asesoramento son imprescindibles para que haxa relevo xeracional e que sexa eficaz”

En 40 anos, Galicia perdeu o 70% das súas explotacións gandeiras e agrícolas. Para recuperar a actividade, o SLG aposta pola produción tradicional, as granxas familiares e a sustentabilidade. Así se expuxo no VIII Foro Labrego de Agroecoloxía, no que os participantes sinalaron unanimemente a formación como a ferramenta clave do relevo

Isabel Vilalba (SLG) e Daniel García (Deputado de Medio Rural da Deputación de Lugo) inauguraron o encontro

Isabel Vilalba (SLG) e Daniel García (Deputado de Medio Rural da Deputación de Lugo) inauguraron o encontro

“A agroecoloxía é o relevo”, vencellando os dous conceptos, foi o lema do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía que tivo lugar os dias 7 e 8 deste mes en Mondoñedo. O acto foi organizado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e financiado pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Isabel Vilalba, da dirección nacional do SLG sinalou que a “agroecoloxía favorece un ecosistema de apoio para quen transforma alimentos a pequena e mediana escala, mellora o acceso da poboación a alimentos saudábeis e de calidade, respectuosos co medio ambiente e xustos coas persoas que os producen e o desenvolvemento socioeconómico do medio rural.”

Seguindo os preceptos da Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA), da que forma parte o SLG, Vilalba indicou que están a traballar para que os alimentos ecolóxicos e de proximidade sexan incluídos nos menús dos centros de ensino, hospitais e residencias de persoas maiores ou discapacitadas.

A agroecoloxía é o modelo máis acaido para garantir un relevo xeracional sustentable e que aporte alimentos sans e de calidade (Isabel Vilalba, SLG-CCLL)

Nesa liña, o sindicato reclama unha transición hacia un modelo máis racional no que se manteña a actividade nas terras que xa están a producir con criterios agroecolóxicos e non se lles dean outros usos. “Seguir facendo o que sempre se fixo respectando o papel das familias e das pequenas producións. Introducindo novas ideas pero sen alterar a esencia.”, dixo Vilalba.

As cifras do abandono

E é que a falta de incorporacións segue sendo desmedida en Galicia. Mar Pérez Fra, Profesora no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC), explicou que, entre os anos 1982 e 2020, pasouse en Galicia de 2340.000 explotacións agrícolas e gandeiras a só 70.000. É decir, perdéronse máis do 70%.

Pero, sinalou Pérez Fra, o problema non está só no abandono senón tamén na perda de Superficie Agraria Útil (SAU). Actualmente, só o 19% do territorio galego está a producir alimentos. Unha cifra que choca co 43% do total de España ou aínda máis co 70% de Irlanda. Ademais, asegurou a profesora, moito do abandono “camúflase con usos forestais, que provocan aínda máis despoboamento nas zonas rurais.”

Pérez Fra considera que as explotacións con titulares de máis de 60 anos xa non van ter relevo

Pérez Fra considera que as explotacións con titulares de máis de 60 anos xa non van ter relevo

Pérez Fra incidiu en que a evolución do sistema leva a que as granxas familiares tendan a desaparecer e aumenten as fórmulas cooperativas ou as Sociedades Agrarias de Transformación. Proba deso é que o 34% das persoas que traballan no sector primario galego son man de obra asalariada. Unha cifra impensable a comezos deste século. Se ben, recoñeceu, moitos deses asalariados seguen sendo membros das familias.

O modelo actual non só leva a que non haxa relevo xeracional senón tamén a que diminúa cada ano a SAU (Mar P. Fra, profesora da USC)

Nesa liña de desaparición dos pequenos proxectos familiares, a profesora explicou que menos do 10% das explotacións están a xestionar máis do 30% da SAU. E ese reducido número de granxas manexa máis do 70% das Unidades de Gando Maior (UGM). Ademais, representan case o 70% do valor da Produción Final Agraria (PFA). Polo tanto, téndese a concentrar os sectores en explotacións cada vez máis grandes.

Outro dato negativo indica que o 72% dos titulares de explotacións superan os 55 anos de idade. E o 48% xa teñen máis de 65. Pérez Fra asegurou que esas granxas xa non van ter reemplazo pola vía familiar e que é preciso buscar fórmulas para que persoas alleas decidan manter a actividade e que o fagan de forma efectiva.

Por eso, a profesora sinalou á agricultura a tempo parcial como unha opción a estudar de cara ao futuro inmediato. “Con eses modelos, conséguese que o territorio non quede abandonado, garántese un fluxo de produción de alimentos e fidelízase á xente nova que non está disposta a dedicarse ao campo os sete días da semana todas as semanas do ano.”

Modelos de incorporación pactada

Precisamente para buscar continuidade nas explotacións fóra do núcleo familiar desenvolveuse o grupo operativo Terractiva. Guillermina Fernández, investigadora en relevo Xeracional do Laborate da USC, explicou o funcionamento e os resultados do proxecto.

Un dos obxectivos principais era o de incorporar á agricultura e á gandería persoas procedentes doutros sectores. E dotalos dos coñecementos, relacións e ferramentas necesarias para que a incorporación sexa eficaz, á par que se fai un seguimento da súa evolución dentro do traballo agrogandeiro.

O proxecto Terractiva pon en contacto as persoas que desexan incorporarse coas que deixan a actividade e queren que a granxa siga (Guillermina Fernández, investigadora da USC)

O que fixo o grupo operativo foi elaborar directrices e un catálogo de recursos legais, financieiros e técnicos para poñelo todo a disposición das persoas que se incorporan. Un aspecto esencial é a localización de terras de utilidade e do acceso ás mesmas a través da mediación e o diálogo.

Guillermina Fernandez explicou como se desenvolveu o grupo operativo Terractiva

Guillermina Fernandez explicou como se desenvolveu o grupo operativo Terractiva

Mediante un proceso de enquisas e observación, os integrantes de Terractiva localizaron por toda Galicia tanto persoas que tiñan interese en incorporarse ao sector como explotacións que carecían de relevo pero cuxos titulares desexaban darlles continuidade.

Para facer coincidir eses intereses, dende o grupo operativo elaboraron ferramentas dixitais en forma de guías de caracterización, apoio na identificación, acceso á terra de aptitude agraria e acompañamento. A ferramenta estrela é o Visor SIX-Web, unha plataforma dixital que facilita a busca de terras por toda Galicia.

Formación e asesoramento a debate

Víctor Álvarez, técnico da Consellería do Medio Rural e membro da dirección da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes amosouse crítico co actual sistema de formación para os mozos que queren incorporarse á actividade agraria. E sinalou que esas eivas formativas están a lastrar o relevo xeracional.

Álvarez reclamou tamén máis comunicación e colaboración entre os distintos organismos e departamentos da Consellería do Medio Rural e desta coa de Educación para poder ter unha axenda e uns recursos formativos especificamente orientados a garantir o relevo xeracional.

O CIAM, as CFEA, as oficinas comarcais e outros entes públicos teñen que recuperar a actividade de formación que sempre os caracterizou (Víctor Álvarez, técnico de Medio Rural)

O técnico lamentou que “os Centros de Experimentación e Formación Agraria (CFEA) perderon peso formativo. A oferta educativa céntrase no sector forestal e non no gandeiro e agrario. Ademais, non hai contacto directo coas explotacións nin relacións coas oficinas agrarias comarcais.”

Para Álvarez, os actuais cursos de formación son pouco especializados. “Por exemplo, se un rapaz ten claro que quere dedicarse a producir leite de vaca e xa ten un proxecto, ten que pasar horas e horas formándose tamén en viñedo, horta, carne…e cousas que non lle van ser de utilidade.”

Víctor Álvarez ve imprescindible que as oficinas agrarias e outros organismos colaboren na formación dos mozos

Víctor Álvarez ve imprescindible que as oficinas agrarias e outros organismos colaboren na formación dos mozos

Que boa parte da formación sexa semipresencial ou que non se adapten os centros ás necesidades das comarcas nas que están instaurados son outras das eivas que detecta Álvarez. “Tamén sería preciso ter os datos de cantos alumnos das CFEA quedan no sector para saber en que hai que mellorar ou en que afondar. Pero non hai ningunha información.”

O papel das oficinas agrarias comarcais tamén foi posto en dúbida. “Convertémolos en entes que só ofrecen apoio burocrático e non sempre con eficacia . Non achegan formación, non asesoran tecnicamente, non poñen en contacto as explotacións, non dan solucións a quen desexa incorporarse…” Álvarez puxo o exemplo de explotacións de arando que fracasaron por non haber coñecementos técnicos nin entes capaces de achegalos.

Así, o técnico -que tamén lamentou o que considera desmantelamento do CIAM- reclamou unhas oficinas agrarias que “volvan dar formación, tutoricen as persoas incorporadas, colaboren en investigacións e coordinen os sectores público e privado para revitalizar a actividade agrogandeira.” Con todo, Álvarez amosouse optimista ante o feito de que todos os anos hai novas incorporacións.

A oferta formativa agraria en xeral e agroecolóxica en particular segue a ser moi escasa en Galicia (María Couso, profesora do IES San Rosendo)

Na mesma liña se manifestou María Couso, profesora do IES San Rosendo. “A formación agroecolóxica é case inexistente. Tan só hai pequenas actividades formativas nos centros de formación profesional de Castro de Rei, A Fonsagrada e Sergude. No resto de Galicia a oferta é inexistente.”

Por outro lado, Couso lembrou que eses tres centros, ademais das CFEA, están ubicados en zonas rurais ata ás que non é doado que chegue o transporte público, o cal dificulta que os mozos que non viven na contorna poidan acceder a eles.

A profesora fixo tamén un chamamento a deixar de ver as explotacións como último recurso para os mozos e mozas do ámbito rural. “Ten que haber un traballo dende a administración para mellorar a oferta formativa e para que a actividade agrogandeira sexa percibida como unha profesión de alto valor.”

Experiencias e modelos de traballo en relevo

No encontro déronse a coñecer experiencias que están a obter certo éxito na loita contra a falta de relevo xeracional. É o caso do proxecto Test Eo, que Fomenta a colaboración entre agricultores, consumidores e institucións e ofrece formación e apoio para o desenvolvemento de proxectos agroecolóxicos. E é que ás beiras do Eo chegan dende fóra máis do 80% dos alimentos que se consumen e saen para a venda fóra da comarca máis do 80% dos que se producen.

O proxecto nace fronte á realidade de que na nosa comarca, sendo agrogandeira, traemos de fóra o 80% dos alimentos (Fernando García, Test Eo)

O modelo desenvolve a figura do “tester”, que é aquela persoa interesada en asumir unha explotación. O que fai é residir na granxa un tempo determinado para ver se se adapta ás súas necesidades e capacidades ou se é preciso cambiar de perfil. Test Eo achégalles en todo momento todas as garantías xurídicas e financieiras, segundo explicou Fernando García, membro de Test Eo.

Os ponentes sinalaron que o relevo xeracional debe vir da man da agroecoloxía e dos modelos de granxas familiares

Os ponentes sinalaron que o relevo xeracional debe vir da man da agroecoloxía e dos modelos de granxas familiares

O funcionamento da Rede Estatal de Espazos Test Agrarios (RETA) e os servizos que ofrece, as experiencias e aprendizaxes que adquiriu o GDR Seitura 22 nas súas visitas a Cataluña, a execución do relevo dende a organización a través de Rexenerando SCG e o papel concreto da agroecoloxía no relevo xeracional foron outros dos aspectos abordados neste VIII Foro.

Tamén se deu conta dos resultados obtidos en materia de relevo xeracional e agroecoloxía no GDR Terras de Miranda, Finca As Fadegas, Refol SC, Sustraiak e Casa Codesal. O Foro completouse coa visita á explotación de vacún de carne que a familia Botana xestiona en Estelo (Mondoñedo), nun sistema que combina pradería propia con aproveitamento de pasto en monte común e que constitúe un modelo de éxito de relevo xeracional.

Dende o SLG-CCLL, consideran que no encontro “ficou claro que o relevo na cultura labrega é unha peza fundamental. As persoas que cultivamos alimentos traballamos as terras para que teñan futuro e se sigan producindo alimentos sans, e a poboación que nos suceda poida seguir coidando os agroecosistemas que mantemos vivos e alimentando a cidadanía. O relevo na actividade agraria, que debe transicionar cara á agroecoloxía se quere ser accesible, tanto familiar como de persoas que se incorporan de cero.”

Os participantes no Foro visitaron a explotación de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo)

Os participantes no Foro visitaron a explotación de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo)

Ademais, o SLG “aposta pola creación dunha Secretaría de Agroecoloxía para seguir loitando na defensa dun medio rural vivo, pola soberanía alimentaria dos pobos, polo dereito dos labregos a vivir dignamente do seu traballo e pola alimentación sa que coide o medio e as persoas.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información