
Nuria Rodríguez, xunto aos técnicos do servizo de prevención mancomunado de Lugomadera
O sector forestal constitúe unha actividade estratéxica en Galicia e tamén un ámbito no que a prevención resulta esencial para reducir a sinistralidade laboral e mellorar as condicións de traballo.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) conta cun programa específico para o sector forestal con iniciativas tanto no eido da silvicultura como da industria madeireira que inclúe a realización de accións de asesoramento, información e sensibilización para avanzar na prevención de riscos e na redución da sinistralidade laboral nestas actividades.
Dentro desta liña de traballo de colaboración co sector, o Issga está a desenvolver unha campaña de promoción do traballo seguro no monte en colaboración co servizo de prevención mancomunado da asociación Lugomadera, integrada por un total de 272 empresas de primeira transformación da madeira con actividade na provincia de Lugo e que representan a metade as empresas do sector existentes en Galicia.
Lugomadera reúne ás empresas de primeira transformación da provincia de Lugo, que representan a metade das empresas do sector existentes en Galicia
Nuria Rodríguez é a xerente do servizo de prevención de riscos laborais de Lugomadera e está á fronte dun equipo formado por persoal técnico de prevención que desenvolve a súa labor en estreita colaboración coas empresas asociadas e os seus traballadores.
– En que consiste a campaña de promoción do traballo seguro no monte de Lugomadera?
– A campaña de promoción do traballo seguro no monte de Lugomadera ten como finalidade reducir a sinistralidade laboral nos aproveitamentos forestais mediante accións de información, formación, sensibilización e asesoramento en prevención de riscos laborais.
A iniciativa promove a identificación dos riscos asociados aos aproveitamentos forestais, a planificación segura dos traballos, a correcta sinalización das zonas de actuación e a aplicación de boas prácticas preventivas, contribuíndo á redución da sinistralidade laboral e á mellora das condicións de seguridade e saúde no desenvolvemento dos traballos forestais.
Estas accións veñen a reforzar o fomento dunha verdadeira cultura preventiva no sector, onde participan todos, Administración, empresas e traballadores.

As accións formativas desenvólvense tanto na sede de Lugomadera como directamente nas empresas
– A quen vai dirixida?
– Vai dirixida a todo o persoal do sector forestal, dende empresarios, encargados, postos intermedios e operativos. Se queremos unha verdadeira cultura preventiva, a PRL ten que estar presente en todas as decisións empresariais, e ten que establecerse unha canle de comunicación fluída entre os distintos estamentos, co obxectivo de coñecer debidamente todos os posibles riscos e implementar medidas preventivas adecuadas. Apostamos por unha prevención activa, non reactiva.
Apostamos por unha prevención activa, non reactiva
Traballamos dende un eido integral, dende a dirección ata os operarios, pasando por todos os elos organizativos da empresa. É clave que este traballo sexa bidireccional , de arriba a baixo e ao revés, co obxectivo de que todos participen activamente.
– Que accións inclúe?
– As distintas actuacións da campaña, basease na formación específica, xornadas de sensibilización, difusión de boas prácticas, impulso da correcta planificación dos traballos no monte, impulso da correcta sinalización dos aproveitamentos forestais, entre outras.
Destacar que a formación impartida especialmente nas operacións de maior risco, como a corta, roza, apeo de árbores, saca e carga de madeira, é práctica, co obxectivo de impactar directamente nos métodos de traballo e corrixir prácticas que poden ser perigosas.
A formación sobre as operacións de maior risco é práctica, co obxectivo de corrixir métodos de traballo que poden ser perigosos
Ademais, e en colaboración co ISSGA, elabóranse e distribúense documentos técnicos, carteis e material divulgativo con recomendacións preventivas para os traballos forestais.

Xornada práctica en monte con traballadores forestais sobre prevención de riscos laborais
– Que importancia ten a formación continua neste eido?
– A formación continua é fundamental e constitúe unha ferramenta esencial para mellorar a seguridade e a saúde laboral no sector forestal. Permítenos actualizar coñecementos e competencias, recordar o aprendido, expor casuísticas novas e corrixir actuacións non seguras. Ademais, contribúe á profesionalización do sector e á redución da sinistralidade.
No ano 2025 formamos a un total de 239 traballadores das empresas do sector en prevención de riscos laborais
No ano 2025, en Lugomadera formamos a un total de 239 alumnos en distintas acción de PRL, a través das axudas de Fomento da PRL da Consellería de Emprego, Comercio e Migración.
Por outra banda, directamente Lugomadera, en aplicación do artigo 19 da Lei de PRL, impartiu formación específica do posto de traballo a máis de 150 empregados do sector forestal.
– Están concienciados os traballadores e empresarios do sector forestal sobre a necesidade de avanzar na prevención?
– Están altamente concienciados e implicados na necesidade de mellorar a prevención de riscos laborais no sector. Froito diso, Lugomadera, coa Xunta Directiva como líder, implementou un Servizo de Prevención de Riscos Laborais Mancomunado, co obxectivo de mellorar na xestión da prevención, ter un servizo máis profesionalizado e especializado, e dispor permanente de persoal técnico nas súas empresas, co obxectivo de diminuír a sinistralidade laboral e ter cero accidentes no sector forestal.
O servizo de prevención mancomunado de Lugomadera está a ser moi ben valorado e máis de 60 empresas do sector forestal apostan xa por esta modalidade preventiva
Esta iniciativa está a ser moi valorada por todas as empresas do sector, dado que estamos a conseguir unha verdadeira integración da prevención nas empresas, dende o equipo técnico á dirección empresarial ata todos os postos operativos, con unha coordinación real na toma de decisións que afectan á estrutura empresarial pero de maneira igualitaria á PRL.
Hoxe o SPM Lugomadera, conta cun equipo de técnicos , coordinados por Miguel Ameijide Seijas, que se integran diariamente na actividade de máis de 60 empresas do sector forestal, que apostaron por esta modalidade preventiva, motivados pola concienciación de avanzar neste eido.
“A mecanización de certos traballos no monte está a contribuir a reducir os accidentes laborais”
– Cales serían as tarefas ou traballos no monte que supoñen un maior risco ou nas que se produce un maior número de accidentes laborais?
– Dentro do sector forestal a actividade con maior índice de sinistralidade é nos aproveitamentos, e o posto de traballo que maior incidencia ten é o de motoserrista, tanto polo número de accidentes e incidentes, como pola gravidade dos mesmos cando suceden.
– A mecanización dos traballos no monte e a maior profesionalización e tecnificación do sector, está a contribuir tamén a reducir as cifras de sinistralidade?
– Por suposto, na medida do posible as empresas están apostando pola mecanización de certos traballos para minimizar as actividades de maior risco, como pode ser a de apeo de árbores, que xa se están facendo con taladoras ou procesadoras forestais, co obxectivo de evitar a figura do motoserrista, unha das máis críticas dende o punto de vista de accidentabilidade.
O maior índice de sinistralidade no sector dáse nos aproveitamentos forestais no posto de traballo de motoserrista
Pero o certo é que as condicións dos montes, o minifundio, ou o tipo de madeira a aproveitar, fai que ás veces esta tarefa non se poida mecanizar, sendo insustituible nestes casos o posto de motoserrista.
Galego








Control OJD