Formación agraria en Galicia no curso 2026-2027: Un 5% máis de prazas nos centros de Medio Rural e un novo ciclo no CFEA Pedro Murias

A conselleira María José Gómez visitou hoxe este centro de formación, situado en Ribadeo, que no curso 2026-2027 impartirá o ciclo en Gandaría e Asistencia en Sanidade animal en réxime dual intensivo

pedro murias ribadeoA Consellería do Medio Rural está a reforzar a súa aposta pola formación da rama agraria cun aumento do 5 % do número de prazas de novo ingreso, cun total de 428, e a inclusión dun novo ciclo de grao superior dentro da oferta formativa do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo. Trátase do ciclo en Gandaría e Asistencia en Sanidade animal en réxime dual intensivo, que contará con 22 prazas. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita a este centro, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

Segundo explicou a conselleira, “trátase do ciclo en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal en réxime dual intensivo, que está a ter moita demanda na nosa comunidade”. Con esta nova incorporación, sinalou, “diversifícase esta oferta a nivel territorial, posto que actualmente só existe no CFEA de Sergude, en Boqueixón”.

Ademais, compleméntase o itinerario formativo deste centro, no que tamén se poden cursar os ciclos medios de Produción Agroecolóxica e de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Deste xeito, o alumnado terá a posibilidade de continuar os seus estudos no centro, o que contribúe a reforzar a especialización profesional na comarca; así como a impulsar a competitividade do sector gandeiro, a remuda xeracional e a creación de oportunidades para a mocidade destas contornas.

Seguindo esta liña, Gómez asegurou que “o CFEA Pedro Murias presenta unhas condicións moi favorables para a implantación deste ciclo, xa que se localiza nun enclave estratéxico entre Galicia e Asturias, o que pode favorecer a captación de alumnado de fóra da comunidade, e cunha importante relación coa produción agroalimentaria”. O centro conta tamén con convenios con 12 empresas e explotacións do sector gandeiro e centros clínicos; e atópase próximo ao Hospital Veterinario Rof Codina, no que o alumnado pode desenvolver formación práctica.

Precisamente para dar a coñecer a súa oferta formativa e as súas instalacións, o Pedro Murias celebrará pasado mañá, xoves día 11, unha xornada de portas abertas. Con esta iniciativa, que terá lugar en horario de mañá, poranse en valor as 13,5 hectáreas de extensión coas que conta o centro, pechadas perimetralmente e en ecolóxico, o que constitúe o seu selo diferenciador. O programa de actos inclúe relatorios, mesas redondas, obradoiros, exposicións e demostracións, para rematar cunha degustación de produtos con denominación de calidade diferenciada de Galicia.

Maior interese na formación regrada na rama agraria

María José Gómez destacou que “coa inclusión deste novo ciclo procúrase dar resposta ao crecente interese que está a suscitar a formación da rama agraria entre a mocidade galega, un interese que se pon de relevo co aumento de matrículas, que creceu nun 15 % no último lustro en todos os CFEA”. Destaca especialmente o caso do Pedro Murias, que conseguiu duplicar as matrículas nestes cinco anos.

A conselleira fixo referencia tamén ás novidades implementadas o ano pasado para o presente curso 2025/2026, entre as que destacan a reapertura da residencia do Pedro Murias; a posta en marcha do Curso de Especialización en Floraría e Arte Floral no CFEA de Guísamo; ou o aumento de prazas no CFEA de Sergude para Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal.

Seis centros repartidos polo territorio

O CFEA Pedro Murias é un dos seis centros de formación dependentes da Consellería do Medio Rural que hai repartidos polo territorio galego -Guísamo (Bergondo), Sergude (Boqueixón), Becerreá, Monforte de Lemos e Lourizán (Pontevedra)- e nos que pode cursarse formación vencellada coa rama agraria. Neles ofértanse un total de oito ciclos de grao medio nas diferentes modalidades e seis de grao superior. Ademais, os CFEA ofrecen servizos complementarios, con 249 prazas para o vindeiro curso entre comedor e residencia.

O centro de Monforte de Lemos está centrado no desenvolvemento doutros programas formativos, entre os que destaca o curso de Aptitude Empresarial Agraria, que permite a incorporación de traballadores ao mundo agrario, poñendo o foco en cuestións técnicas e económicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información