Fontefiz proxecta a obtención de seme sexado das razas autóctonas de vacún

Fontefiz proxecta a obtención de seme sexado das razas autóctonas de vacún

Vaca de raza cachena. / Arquivo.

O Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, ubicado no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense), proxecta obter seme sexado das razas autóctonas de vacún, a fin de facilitar o traballo das ganderías que traballan coas razas autóctonas que se consideran en perigo de extinción (cachena, vienesa, limiá, caldelá e frieiresa). Esta é unha das liñas de traballo que figura nun informe de balance sobre o Centro avaliado hoxe no Consello da Xunta.

Fontefiz leva case 40 anos especializado na recuperación das razas autóctonas de gando, contribuíndo ó suministro de sementais e reprodutores ás granxas que colaboran co centro, en especial ás de nova creación.

Na súa traxectoria, destaca en especial o traballo realizado coa raza cachena, con 174 ganderías colaboradoras e 4.809 animais reprodutores.

As tres actividades principais que se realizan neste centro son o mantemento do rabaño fundacional das cinco razas autóctonas bovinas (Cachena, Frieiresa, Caldelá, Limiá e Vianesa) a unidade de recuperación da Galiña de Mos e o mantemento e aumento do Banco de Xermoplasma.

A continuidade do rabaño fundacional de vacún das distintas razas autóctonas é un dos compromisos de traballo do centro, de cara a garantir a variabilidade xenética da raza e apoiar ás granxas de razas autóctonas. No balance de traballo do centro, figura a entrega nas últimas décadas de 1.750 bovinos ás gandarías colaboradoras, unha liña na que se quere continuar. Tamén se entregaron 230 sementais de ovella galega e 21 de cabra galega.

O centro conta na actualidade con 227 bovinos das cinco razas autóctonas en perigo de extinción, así como unha unidade de recuperación da Galiña de Mos.

Por último, o centro tamén se ocupa do mantemento e aumento do Banco de Xermoplasma. Destaca pola súa importancia para a conservación de recursos zooxenéticos e está composto por case 800.000 doses de seme bovino e 162 embrións; 4.700 doses de seme ovino e 250 de cabrún, case 2.800 doses de porco celta e, por último, 3.035 doses de seme e 10 embrións de cabalo galego.

Apoio ás asociacións de criadores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se conceden as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas. En total, o Goberno autonómico concedeu 220.000 euros -esgotando a totalidade do crédito dispoñible- a dez asociacións de criadores.

As beneficiarias destas achegas son as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma para a xestión do libro xenealóxico no marco do Programa de cría da raza correspondente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información