Fontao xa produciu 10.000 doses de seme sexado e en abril comezará a ter seme de machos de raza rubia galega

O laboratorio público ubicado en Lugo, dependente da Xunta, ten a exclusiva para o conxunto do Estado e producirá para outras empresas e asociacións de gandeiros doutras comunidades

Visita do conselleiro do Medio Rural, José González, a Xenética Fontao o pasado mes de setembro

Visita do conselleiro do Medio Rural, José González, a Xenética Fontao o pasado mes de setembro

Xenética Fontao, empresa pública adscrita á Consellería do Medio Rural, iniciou o pasado mes de febreiro a produción en exclusiva de seme sexado para Galicia e España, prevéndose entre 30.000 e 40.000 doses anuais en exclusiva para distintas empresas e asociacións españolas.

A día de hoxe, o laboratorio galego xa produciu 10.000 doses de diferentes touros e espérase alcanzar as 20.000 doses de seme sexado para principios do mes de abril. Neste período, a empresa producirá tamén outras 3.000 doses para a raza rubia galega. Agárdase tamén que a partir de abril comece a producir doses de seme para outras empresas e asociacións de gandeiros como son a asturiana ASCOL e a vasca ABEREKIN.

A produción de seme sexado é posible grazas á sinatura dun contrato coa multinacional americana Sexing Technologies

Ata o de agora ese seme sexado había que importalo dende outros países pero coa firma dun contrato público entre Xenética Fontao e a multinacional americana Sexing Technologies, en xuño do pasado ano,ubicouse un laboratorio de sexado nas instalacións que ten Xenética Fontao en Lugo. Desta forma, calquera outro organismo, laboratorio ou axencia que queira producir seme sexado terá que depender de Xenética Fontao.

Centro de referencia

Xenética Fontao convértese así dentro de España, pero tamén no ámbito europeo, nun centro de referencia nesta materia. “Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite e de carne, en cantidade e calidade. O inicio da produción de seme sexado é de gran importancia para o sector bovino galego, xa que os gandeiros do eido lácteo apostan especialmente por contar con xovencas femias e os da carne preferentemente por machos. Con esta técnica, váiselles garantir ata nun 90% esta selección xenética, o que redundará, de forma moi importante, na mellora da competitividade das súas explotacións”, destaca a Consellería do Medio Rural.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información