A Fonsagrada, un liderado forestal con desafíos urxentes

O concello da montaña luguesa encabeza con moita diferencia a produción de madeira en Galicia e en España. O piñeiro radiata é a especie maioritaria, seguido moi de lonxe polo castiñeiro. Os fungos das bandas nas coníferas, o abandono de terreos forestais e a falta de man de obra lastran o futuro dun sector que abrangue o 75% do concello. Falamos con actores da madeira para coñecer a situación actual e as expectativas de futuro

Publicidade

banda marron piñeiro SOFOR Santa Juliana (Fonsagrada) agosto 2023

A produción forestal é o principal motor económico do concello da Fonsagrada. Tanto é así que o municipio da montaña luguesa -o de máis tamaño de Galicia- ocupa o primeiro posto en extracción de metros cúbicos de madeira en España.

E é que con 328,8 km², o 75% do territorio municipal, ten a consideración de solo forestal. Só as cortas privadas anuais na Fonsagrada -198.884 m³ en 2025- son superióres ás cortas totais que exhiben sete Cómunidades Autónómas: Illas Baleares, Rexión de Murcia, Canarias, Madrid, Comunidade Valenciana, A Rioxa e Extremadura.

O concello da Fonsagrada produce máis madeira que sete comunidades autónomas

Por canto a impacto económico, dende o concello sinalan que só en vendas directas de madeira se xeneran máis de seis millóns de euros anuais. O pasado ano, dende o ente municipal contabilizaron o paso de 40 camións cargados con 25 toneladas de madeira cada un todos os días.

O piñeiro radiata é a especie absolutamente dominante no concello fonsagradino. En 2025 produciron 142.839 m³. O castiñeiro é a segunda especie en extracción pero o seu cultivo está limitado ás zonas por debaixo dos 800 metros de altitude, que son minoritarias.

O piñeiro radiata ten a maior implantación no sector da estrutura construtiva

O piñeiro radiata ten implantación no sector da estrutura construtiva

O concello está enmarcado no Distrito Forestal VII (A Fonsagrada-Os Ancares). Zonas de alta montaña e orografía complexa para calquera actividade. Sen embargo, as asociacións profesionais destacan a rede de pistas forestais desenvolvida na Fonsagrada como unha grande vantaxe para traballar.

Como curiosidades vencelladas á madeira, compre destacar o Centro Cultural Forges, construido con madeira de castiñeiro e referente da arquitectura en Galicia. Ou os investimentos en maquinaria forestal que se fixeron logo de que o gordo da lotería de nadal de 2022 deixara no concello 180 millóns de euros.

O piñeiro radiata, malia o problema das bandas de fungos, é a especie dominante con case 143.000 m³ anuais

Sen embargo, a aparición dende hai cinco anos das bandas marróns -núcleos de fungos que secan o piñeiro radiata- está a supoñer un serio problema para os produtores e para as empresas de corta e transformación.

Tamén hai outros desafios como o abandono de terras, a falta de relevo xeracional ou as restricións legais a outros aproveitamentos. Sen esquecer a carencia de alternativas ao radiata. Falamos cos actores do sector para coñecer as súas impresións sobre o presente e o futuro forestal da Fonsagrada.

Manuel Fernández é o presidente da Cooperativa Chorima, a primeira cooperativa forestal que se fundou en Galicia e unha das poucas que existen en España. Dende 1992 ofrecen servizos de apoio á silvicultura e Asesoramento integral e especializado a propietarios particulares e comunidades de montes.

E Raúl García é enxeñeiro forestal, voceiro da Asociación Forestal Interior de Lugo (AFIL) e propietario de 35 hectáreas de terreos arborados na Fonsagrada e en Asturias. Os dous teñen visións similares sobre as posibilidades, os problemas e o futuro do sector forestal na Fonsagrada.

As bandas de fungos, marrón e vermella, ameazan a viabilidade do cultivo do piñeiro radiata

As bandas de fungos, marrón e vermella, ameazan a viabilidade do cultivo do piñeiro radiata

Bandas de fungos

“A situación das bandas de fungos está igual ou algo peor que hai un ano. No inverno e comezos da primavera os fungos semellan frearse e as árbores recupéranse algo. Pero en canto chega a calor, as acículas vólvense poñer cunha cor coma se estiveran secas. Nesta zona non temos constancia de que se probara ningún tratamento” di Manuel Fernández.

Moitos particulares e veciños que xestionan parcelas en común venderon a madeira en canto notaron que os piñeiros estaban afectados ou comezaban a estalo. “Así, non obtiveron a ganancia esperada porque as árbores non medraran. E agora non teñen intención de volver plantar, polo que as leiras poden quedar en estado de abandono”.

As vendas de madeira aumentaron artificialmente porque se venden piñeirais afectados por bandas que aínda non chegaran á quenda de corta (Manuel Fernández, Cooperativa Chorima)

“Non hai constancia de que se estean a aplicar tratamentos fúnxicos. Polo menos de certo volume. E descoñecemos se houbo algún avance en traballo xenético pero, de habelo, aínda tardará bastantes anos en ter efectos. E, mentres, a banda marrón segue a facer estragos”, explica Raúl García

“O que si vemos é que se está a cortar piñeiro radiata moito antes de que chegue ao seu estado óptimo. As elevadísimas cifras de corta obedecen a esa realidade de que os propietarios prefiren vender antes de que as bandas maten as árbores. Os madeiristas dinnos todos os días que non dan feito, que os chaman de todos lados”.

En Euskadi levan 10 anos combatendo sen éxito as bandas. Por iso temos que pensar en alternativas de cultivo (Raúl García, voceiro de AFIL)

García lembra que en Euskadi levan máis de dez anos probando diferentes tratamentos contra as bandas marróns e facendo selección e mellora de plantas pero sen ningún éxito palpable. Porque ante calquera avance, os fungos xeneran hibridacións ou mutacións que xa os volven facer invulnerables.

Raúl García, voceiro da Asociación Forestal Interior de Lugo reclama máis flexibilidade nas plantacións e menos trabas burocráticas

Raúl García, voceiro da Asociación Forestal Interior de Lugo reclama máis flexibilidade nas plantacións e menos trabas burocráticas

De feito, sinala o enxeñeiro, os tratamentos profilácticos como apertura de masas e podas deseñadas tampouco funcionaron. Máis ben ao contrario -opina-, porque as podas debilitan as masas e xeneran espazos para a entrada dos fungos. Outra inconveniente que atopan os madeiristas é que as árbores xa afectadas que teñen que cortar están moi secas e presentan unha complexidade técnica engadida á hora de talalas.

“E os tratamentos con sulfato de cobre só serían eficaces se os piñeirais fosen todos de fácil acceso para os vehículos que os aplican e que o vento estea en todo momento a favor para que o tratamento realmente penetre. Dende logo esas condicións no se dan na Fonsagrada.”

García considera que sería de moita axuda que a UE levantase, polo menos en casos puntuais e graves coma este, a prohibición de utilizar drons para aplicar fitosanitarios. Algo que, por certo, demandan outros sectores como o vitivinícola.

Alternativas de cultivo

O voceiro da AFIL sinala que este ano se esgotaron nos viveiros os exemplares de piñeiro taeda. “Eso indica que a xente está a buscar unha solución como sexa. Pero veremos o que pasa por riba dos 750 metros, que é o 70% do territorio aquí.” O que se plantou na Fonsagrada é taeda francés, o máis resistente ao frío.

Estase a experimentar con piñeiro taeda francés, pero non podemos garantir que vaia ser un cultivo viable (Manuel Fernández)

Se os taeda resisten as xeadas, considera García, en 25 anos poden ter un rendemento só lixeiramente inferior ao do radiata. Aínda que están na fase de ensaio/erro e non hai evidencia científica de que vaia ser así.

Flexibilización da moratoria do eucalipto

A decisión da Xunta de permitir un 50% de eucaliptos en parcelas gravemento afectadas polas bandas, é considerada insuficiente polo enxeñeiro, pois García ve criterios pouco claros. “Hai que facer unha análise química e que demostre que a causante (da mortandade do piñeiral) é banda marrón e non outra mestura de fungos. E pode haber momentos en que a banda vermella teña máis presencia que a marrón.”

Neses criterios percibe demasiada especificidade e unha recollida de probas demasiado exhaustiva ante unha situación que é evidente e que xa leva anos afectando. “Para poder acceder a ese 50% de eucalipto que nos permitirían plantar en masas afectadas, hai exceso de trabas e cuns gastos elevados só en comprobacións.”

Os requisitos que se puxeron para demostrar a afectación por bandas son pouco flexibles e de eficacia dubidosa (Raúl García)

E eso, di García, choca co feito de que o segundo concello máis produtor de eucalipto de Galicia sexa o de O Pino, que está nunha zona de concentracións parcelarias e altísima actividade gandeira. “O monte ten que ser atractivo para o investimento. Dificultar que o sexa en zonas coma esta só leva ao abandono.”

Manuel Fernández, presidente de Chorima, non ve coníferas alternativas ao radiata que resulten atractivas para os propietarios

Manuel Fernández, presidente de Chorima, non ve coníferas alternativas ao radiata que resulten atractivas para os propietarios

Non se trata, di, de ter un 100% de eucalipto, como sucede noutras zonas de Galicia, senón de que se permita chegar a un 20% ou algo máis para que os propietarios forestais teñan unha alternativa produtiva ás coníferas.

Fernández coincide en que non hai unha alternativa clara ao piñeiro radiata. “Porque o castiñeiro sofre as pragas da tinta e a avispilla, o piñeiro pináster non vai ben a esta altitude, o taeda non sabemos como vai responder e o eucalipto está moi limitado. E o piñeiro silvestre, que era o propio de aquí, ou o abeto douglas requiren dun mínimo de 40 anos para que sexan rendibles”.

“Nós este ano plantamos bastante piñeiro taeda, peo non puidemos darlle ningunha garantía de viabilidade aos propietarios porque é algo que aínda está comezando aquí. E o pináster só é viable nas zonas por debaixo de 600 metros, que son moi poucas. Porque coa neve rompe facilmente e non aguanta o frío e non medra.”

O piñeiro do país non o vemos viable a alturas superiores a 600 metros, estase plantando moito taeda, pero non sabemos a súa viabilidade (Manuel Fernández)

O presidente de Chorima tampouco ve unha alternativa bo chopo para A Fonsagrada. “Hai algunhas parcelas moi pequenas e en lugares moi concretos. Pero nin o clima, nin a orografía, nin a distribución dos acuíferos nin a capa freática fan posible aquí un cultivo de volume nin sequera medio-baixo”.

Fernández sinala que hai informes da Xunta que apuntan a un aumento das frondosas na Fonsagrada. “Si que se percibe ese aumento. Pero non é porque os veciños estean plantando frondosas senón porque nacen de xeito natural nas zonas onde se cortou o piñeiro e non se volveu plantar. Son castiñeiros, salgueiros ou bidueiros sobre todo.”

Non queremos ter un monocultivo como pasa noutras zonas de Galicia. Autorizar un 20% de eucalipto daría osíxeno aos propietarios (Raúl García)

Problemas estruturais

A esta situación co radiata hai que engadirlle unha poboación envellecida Os que quedan nas aldeas só se animarían se houbera unha especie de rendemento óptimo e de prazo curto. E os seus descendentes non soen ter interese nos aproveitamentos forestais.

“As fincas nas que aínda hai madeira si que poden ser de interese para os herdeiros dos titulares. Se ven que lles produce un beneficio considerable, poden ter interese en introducir novas plantacións o día de mañá. Nas abandonadas xa non o vexo posible.”, di Fernández.

A falta de man de obra leva a que non se poida cortar toda a madeira dispoñible na Fonsagrada

A falta de man de obra leva a que non se poida cortar toda a madeira dispoñible na Fonsagrada

En canto a alternativas, como ofertas de empresas que propoñen plantar e quedarse a medias cos beneficios da venda da madeira ou fórmulas semellantes, o presidente de Chorima detecta reticencias nos propietarios.

A falta de man de obra supón un freo enorme para o sector e para todas as empresas vencelladas (Manuel Fernández)

Outro inconveniente está na falta de man de obra. “Aínda cos problemas das bandas e outras pragas e as limitacións legais, na Fonsagrada poderiamos estar sacando moita máis madeira se os serradoiros, os madeiristas e ata os transportistas tiveran persoal suficiente para traballar. Cónstame que todas as empresas do sector están buscando xente, pero non a atopan.”

E, finalmente, Fernández apuntou o feito de que está a quedar moita madeira sen cortar por estar en lugares inaccesibles. “Non é que sexan grandes masas, pero en conxunto suman moitas toneladas. O que pasa é que as empresas non teñen maquinaria para chegar ata ela ou non lles compensa abrir camiños para chegar a podela cortar.”

Futuro do sector

A orientación forestal da Fonsagrada é innegociable para Raúl García. “Non digo que os cereais non se dean aquí. O que pasa é que un cultivo tecnificado é imposible pola orografía. Hai cen anos había 70 persoas en cada lugar e podían cultivar a man. Hoxe na maioría dos sitios só quedan uns poucos xubilados. As únicas vías de aproveitamento da terra son a gandería extensiva e a produción forestal.”

García e Fernández coinciden en que o futuro económico da Fonsagrada pasa polo sector forestal nas súas diferentes formas

García e Fernández coinciden en que o futuro económico da Fonsagrada pasa polo sector forestal nas súas diferentes formas

A loita contra o lume é outro motivo para manter en produción as parcelas forestais. “Un monte que produce cartos nunca vai arder. Porque os propietarios ou os xestores xa se encargan de telo limpo e de estar atentos ante calquera risco.”

Entre todos temos que atopar solucións de futuro. Porque a produción forestal é innegociable na Fonsagrada (Raúl García)

No apartado das frondosas, García considera que o castiñeiro -en condicións favorables- compite economicamente co eucalipto ou con calquera outra especie en canto a rendemento en m³/ha. E os clons que se están a empregar na Fonsagrada son de gran produción madereira.

“O castiñeiro ten que estar nas zonas onde é apto. Sen grandes ladeiras e con retención de auga. Sitios así hainos abondo na Fonsagrada e están a obter moi bos resultados. Mais non se pode pensar no castiñeiro como solución global porque nas zonas máis altas e escarpadas non vai funcionar.”

Cunha elección axeitada de terreo de plantación, cun bo manexo e coas castes madereiras axeitadas, o castiñeiro pode cortarse aos 40 anos e cun volume suficiente para ser altamente rendible. Cun prezo ata 10 veces superior ao do eucalipto por m³.

Entrar no mercado dos créditos de carbono pode ser unha boa opción, aínda que hai que ser cautelosos con ese tema (Raúl García)

O técnico valora que os dereitos de pegada de carbono poden ser unha boa opción para reactivar os terreos que quedaron abandonados (e que cumpren condicións legais esixidas). Aínda que advirte de que non todo son vantaxes.

Os créditos de carbono poderían supoñer unha saída viable para o sector forestal fonsagradino

Os créditos de carbono poderían supoñer unha saída viable para o sector forestal fonsagradino

A madeira é o sinal de identidade da Fonsagrada (Manuel Fernández)

“Non se pode meter calquera parcela, senón que ten que ser de nova creación. E é recomendable fixarse ben na cantidade de fixación de carbono que se inclúe nos contratos. Porque moitas empresas fan estimacións á alta e logo chega unha auditoría e demostra que as cantidades fixadas non se están a acadar.”

Máis optimistas son en Chorima. “Agora xurdiu a posibilidade dos créditos de carbono. Aquí ao lado, en Grandas de Salime, xa se están aplicando. Pero atopamos comunidades que, aínda ofrecéndolles 1.000 euros por hectárea se nos deixan plantar e garantíndolles que o importe da venda da madeira será íntegro para eles, non se deciden a dar o paso e deixan os sitios a silvas.”

Sería interesante que os propietarios puideran ter aproveitamentos secundarios como as castañas e as resinas (Manuel Fernández)

Fernández lembra que os contratos vencellados a captura de carbono poden marcar que o mantemento da masa árborada corresponde á empresa que fai a plantación, de xeito que os veciños terían un monte limpo e produtivo sen mover un dedo nin gastar un euro. E, o importe de aproveitamentos secundarios como as castañas ou a resina dos piñeiros sería íntegro para os donos das parcelas.

O presidente de Chorima considera que a Fonsagrada ten que seguir sendo un concello e comarca orientado á gandería extensiva e á produción forestal. “Levamos décadas producindo enormes cantidades de madeira e non tería sentido pensar agora en cereais de altura ou outro tipo de aproveitamentos. Porque nin hai man de obra, nin hai coñecemento nin hai garantía de viabilidade. A madeira é o noso sinal de identidade.”

Outra particularidade da Fonsagrada respecto a boa parte de Galicia é a case inexistencia de montes en man común. A inmensa maioría das masas arboradas son propiedades particulares. E son de pequeno tamaño. Hai un monte de xestión pública, que é o da Allonca. E tamén comunidades cos terreos en pro indiviso.

Malia o minifundio, os veciños son quen de organizarse para realizar cortas conxuntas que fan máis atractivo o monte (Raúl García)

O factor humano é determinante e resulta habitual que os madeiristas, cando van cortar unha masa, falen cos propietarios das lindeiras e leven máis madeira da que tiñan pensado. Eso aforra custes ao comprador e ao vendedor.

“Hai quen ten 15 ou 20 hectáreas pero divididas en 50 parcelas ou máis. Aínda que hai que recoñecer que o habitual é que os veciños se poñan de acordo para plantar e cortar ao mesmo tempo, de xeito que para os madeiristas resulte rendible desprazar a maquinaria.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información