Fondos Next Generation: ¿Como solicitar base territorial para un proxecto agrícola ou gandeiro en Galicia?

Fondos Next Generation: ¿Como solicitar base territorial para un proxecto agrícola ou gandeiro en Galicia?

Inés Santé Riveira, directora xeral de AGADER

Inés Santé Riveira, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural, explica as claves para que agricultores, gandeiros ou xente que queira emprender no agro, poda solicitar base territorial ao abeiro dos fondos europeos Next Generation. O prazo remata este venres 30 de abril. 

-Que cantidade dos fondos Next Generation está previsto que se destinen en España ao sector agrogandeiro e forestal e que cantidade aspira a Xunta a que reciba Galicia?
Aspiramos a captar o maior volume de fondos para o sector primario, de aí a nosa aposta pola Manifestación de interese e por facilitar a presentación de proxectos a pemes do sector e a outros interesados no eido que, ao tempo que aspiren a fondos europeos, poidan axudarnos a deseñar as novas liñas de actuación no rural galego.

-Precisamente, para atraer estes fondos a Xunta de Galicia presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o “Polo para a transformación de Galicia”, con catro proxectos tractores dos que dous corresponden ao sector primario. ¿En que consisten? ¿Por qué decidiu a Xunta presentar estas dúas iniciativas?
O primeiro dos proxectos tractores persegue pechar o ciclo de produción da madeira en Galicia a través da posta en marcha dunha biofábrica de fibras téxtiles de carácter sostible. A través desa xeración de valor engadido, buscamos mellorar, máis se cabe, a xestión dos nosos montes, apostando pola multifuncionalidade e tamén pola biodiversidade forestal como un dos requirimentos desa madeira que logo vai ser utilizada na xeración da fibra. O investimento total entre a biofábrica e os proxectos complementarios relativos á mellora da xestión forestal suma uns 1.200 millóns de euros.

Cabe destacar que esta fábrica tería unha capacidade de produción de ata 150.000 toneladas que viría pola vía de producir fibras celulósicas sostibles que xa existen no mercado e que xa están mundialmente recoñecidas, como poden ser o Lyocell ou o Modal. Estas fibras terían como materia prima principal a madeira dos nosos montes pero tamén poderían combinarse con certos residuos como os téxtiles, os agrícolas ou o papel e o cartón, para aportarlle tamén un concepto de circularidade ao proxecto.

Polo tanto, é unha iniciativa que se enmarca dentro da bioeconomía e emprega os procedementos máis avanzados sempre garantindo a sostibilidade, tanto no que se refire ao proceso de obtención da fibra como tamén na xestión dos nosos montes.

O segundo proxecto tractor máis destacado é a procura da posta en valor dun importante volume de terra hoxe abandonada en Galicia, ata 18.000 hectáreas, a través dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que actualmente se está a tramitar no Parlamento. Estas ferramentas permitirán o impulso da bioeconomía e tamén o fomento da calidade de vida no rural galego.

Neste proxecto, no que se mobilizarán 601 millóns e euros, buscarase apoiar aos axentes do sector agrario, pola vía desa recuperación da terra agraria, para que poidan ter unha transición a prácticas máis sostibles, garantindo a súa viabilidade económica e, sobre todo, a dispoñibilidade da base territorial tan necesaria e tan demandada. Pretendemos poñer en valor esa terra, poñela a producir, mellorar a resiliencia do territorio rural ante o cambio climático e os incendios forestais e contribuír tamén a mellorar a calidade de vida no rural galego. O proxecto tamén contempla un forte impulso das aldeas modelo, ata un número de 200, como mecanismo de recuperación poboacional e de loita contra o reto demográfico.

Estes proxectos tractores compleméntanse con outros que pretenden apostar por un rural de futuro no que haxa actividade económica rendible, e que suporán un investimento de 144 millóns de euros:

A mellora da investigación agraria en Galicia.
A dixitalización e modernización tecnolóxica do sector primario galego.
O proxecto de mellora do regadío da Limia.

-Que cantidade de fondos públicos dos Next Generation pretenden captar estes dous proxectos e que repercusión económica e emprego se estima que terían de seren aprobados?
En ambos proxectos apóstase pola colaboración público-privada e, como dixen, pretendemos optar á mobilización de arredor de 1.200 millóns de euros no caso da biofábrica de fibras téxtiles de carácter sostible e, no caso da recuperación de terras, de 601 millóns. Canto á repercusión económica e de emprego, no que respecta á biofábrica, calcúlase que suporá a creación de 3.200 empregos directos e doutros 6.500 indirectos. Canto aos proxectos de recuperación de terra agraria, prevese a creación de 2.600 empregos permanentes e doutros 4.200 temporais.

“Co proxecto de posta en produción de 18.000 hectáreas de terras abandonadas prevemos mobilizar 601 millóns e crear 2600 empregos permanentes”

-Que papel xogan os pequenos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos para que estes dous proxectos sexan aprobados polo Goberno?
A nosa aspiración é que se presenten a maior cantidade de proxectos susceptibles de acollerse a fondos europeos ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deseñado polo Goberno central para facer fronte aos efectos da covid-19. Porque cantos máis proxectos teñamos, máis forza podemos facer ante ao executivo do Estado. Nesa liña, quero lembrar que vimos de habilitar un formulario on line na web da Consellería do Medio Rural para facilitar a presentación de solicitudes por parte de calquera interesado.

-Onde está previsto que se oferte base territorial e en que condicións?
Primeiro hai que avaliar de onde proceden as solicitudes pero cremos que terán moita forza as zonas gandeiras, vitícolas, de produción de froita e de horta, entre outros.

-Tamén poden presentarse as persoas que queiran emprender no sector agrogandeiro ou forestal e que precisen base territorial?
Así é, ata o vindeiro 30 de abril temos aberta a convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos, concibida para incorporar aos proxectos tractores e transversais da Consellería do Medio Rural as iniciativas de pequenas e medianas empresas que forman parte do sector primario e do sector agroalimentario galego ou doutros interesados no eido que busquen reactivar o noso rural tras a covid-19. Así, a Xunta anima a todos os agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados a que presenten proxectos para optar aos fondos europeos, especialmente aqueles que queren aumentar a súa base territorial.

 “Ata este venres, 30 de abril, pódense presentar as manifestacións de interese”

-Como e ata cando poden presentar a súa manifestación de interese?
Como xa comentaba, os interesados poderán realizar esta tramitación cubrindo un sinxelo formulario on line, dispoñible na web da Consellería do Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.113.vovici.net/se/13B2588B3979C8A9. Trátase dunha presentación simplificada, que tan só require cubrir dita solicitude como apoio á documentación que se xunte para aspirar aos referidos fondos.

Esta é unha iniciativa pioneira que a Administración autonómica pon en marcha co fin de axilizar e facilitar toda a tramitación. No caso de que se dispoña de máis información sobre o proxecto, poden remitirse os arquivos en formato dixital ao enderezo de correo electrónico: proxectos.medio-rural@xunta.gal.

Canto ao prazo de presentación, remata o 30 de abril.

-Cantas se presentaron até o de agora  e cales son as principais áreas de interese dos proxectos presentados por particulares e pemes?
É preciso agardar ata o remate do prazo para facer unha avaliación. En calquera caso, lembremos que foi preciso ampliar dito prazo debido ao elevado interese.

-Comprométeos a algo?
Non, esta solicitude non é vinculante, óptase aos fondos europeos pero non compromete ao solicitante en ningún caso.

-Cales serán os criterios de avaliación para os proxectos que presenten?
A avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados. Canto aos criterios, teñen que responder á procura da economía verde, á aposta pola dixitalización e á transición enerxética.

-Que vantaxes lle suporá para as pequenas pemes galegas do sector agrogandeiro e forestal en caso de que os proxectos que presenten lles sexan aprobados?
As iniciativas e proxectos presentados serviranlle á Xunta para ir definindo as liñas estratéxicas de actuacións futuras no rural galego. Canto ás vantaxes para que os que vexan aprobados os seus proxectos, recibirán fondos públicos para poder desenvolvelos.

-Cando está previsto que se coñeza o resultado?
Unha vez finalizado o prazo de presentación de iniciativas, procederase á identificación de proxectos que poidan optar aos fondos europeos e a posibilidade ou non de obtelos dependerá de cando se resolva a asignación a Comunidades Autónomas e proxectos.

-Algo máis que queira engadir?
Para rematar gustaríame facer un chamamento ás pequenas e medianas empresas do sector primario e agroalimentario galego, así como a calquera interesado en desenvolver iniciativas neste eido, a que dean un paso á fronte e envíen antes do 30 de abril os seus proxectos para impulsar o noso rural. Estou convencida de que, entre todos, poderemos acadar a tan necesaria reactivación económica e a transición cara a unha economía sostible e resistente que garante o futuro do noso agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información