
Laia Batalla Carrera foi unha das ponentes na segunda xornada da Xuntanza de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Nunha intervención que tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Lugo, deu conta do labor que leva 17 anos desenvolvendo a Escola de Pastors i Pastores de Catalunya, da que é responsable.
OBXECTIVOS E PRINCIPIOS
O obxectivo central da Escola de Pastors i Pastores de Catalunya é favorecer o relevo xeracional na gandería extensiva. Tentan facelo dende unha base familiar ou colectiva e cunha visión agro-ecolóxica que sexa viable económica, social e ambientalmente.
Outro dos principios é o de non comprometer os recursos de cara ao futuro e producir alimentos ecolóxicos, de calidade e que reforcen a soberanía alimentaria ao tempo que revitalizan as zonas rurais. Todos estes principios e fins conforman o que eles denominan “Explotacións de talla humana”.
A Escola está situada no municipio de Rialb, comarca de Pallars Sobirá, na parte pirenaica da provincia de Lleida. Nun pequeno enclave onde os 15 alumnos conviven cos 30 habitantes autóctonos.
Buscamos crear explotacións de talla humana, que produzan alimentos de calidade e revitalicen as zonas rurais
O proxecto comezou en 2009 a iniciativa dos gandeiros da comarca, que precisaban de relevo xeracional e man de obra. A asociación Rurbans foi a que puxo en marcha o proxecto inicial, tomando como modelo as escolas que xa existían en Iparralde (Francia), Euzkadi e Asturias.
Dende o ano 2015, Laia Batalla e María Díaz están á fronte do proxecto logo de coller o relevo da fundadora, Vanessa Freixa. O actual programa de formación consta de 11 semanas de teoría e catro meses de prácticas. O que fan é intercalar teoría e práctica para que se poidan ir aplicando nas explotacións os coñecementos adquiridos e reforzar os conceptos.
PLAN DE FORMACIÓN
Ademais do estritamente relativo ao manexo gandeiro, os alumnos tamén reciben nocións sobre a agro-ecoloxía ou sobre algo tan importante como o acceso á terra. Os dous primeiros meses do ano pásanos traballando e aprendendo en explotacións, que son, segundo Batalla, as mellores aulas posibles.

A Escola busca que a formación práctica se adapte aos proxectos dos alumnos
“Por exemplo, un gandeiro ten que saber empregar unha motoserra, facer un desbroce ou soldar unha peza dunha máquina. Porque é algo que van ter que facer cando traballen ou estean á fronte dunha explotación. Eso só se aprende in situ.”, dixo a responsable da escola.
O aspecto máis importante en calquera explotación gandeira é a alimentación do gando. É o que supón un maior consumo de recursos. A clave está en maximizar a produción nos terreos dispoñibles reducindo o gasto o máis que se poida.
Nesa liña, tamén se lles imparte formación en silvopastoreo. Neste caso trasladan as actividades dende o Pirineo ata o sur de Cataluña. Porque os terreos son máis aptos para esa práctica e porque permite coñecer a realidade da gandería nun clima e terreos mediterráneos, moi diferentes dos de alta montaña. Aparte do labor de prevención de incendios que supón o silvopastoreo e que é esencial para os gandeiros extensivos.
Poñemos especial énfase na alimentación do gando, porque é a parte que máis tempo e recursos require
Obviamente, o manexo sanitario dos animais constitúe outro bloque formativo. Aínda que os veterinarios están para axudar neses aspectos, unhas boas prácticas e coidados dos animais evitan ter que recorrer aos veterinarios, co conseguinte aforro que eso conleva. E aplicando os principios da fitoterapia e a homeopatía.
Un aspecto diferenciador do programa formativo da Escola é a “estiva”. Refírese á práctica que se dá en alta montaña de levar os rabaños pacer nas zonas máis elevadas -aquelas que están nevadas ou xeadas no inverno- durante os meses máis cálidos do ano. O habitual no Pirineo é que as cabanas soban agrupadas.
Nos últimos anos cobrou importancia a figura do pastor de estiva. A reaparición do oso e do lobo nas comarcas pirenaicas levou a que os rabaños non poidan deixarse sós e que sexa precisa a presenza humana e canina para protexelos e guialos. E non só para protexer, tamén para facer un uso racional do pasto e unha conservación da biodiversidade.
Outra parte técnica da formación é a da condución do rabaño mediante cans. Algo imprescindible pola orografía, o tamaño das cabanas ou a ausencia de camiños e vías claras. Os alumnos coñecen as razas de cans máis acaidas e como traballar con elas.

A meirande parte das actividades formativas desenvólvense en zonas de alta montaña
A parte final do curso céntrase na empresa e a economía. Por un lado está a transformación. “Na nosa lóxica, as explotacións deberan pechar os ciclos e chegar ata o consumidor final. Sobre todo centrámonos na elaboración de queixos, que é o que demandan os alumnos. Tamén traballamos a produción cárnica, pero priorizamos a láctea.”
A formación remata cun módulo de xestión de empresa agraria. “Algúns alumnos non o reciben con agrado pero teñen que ser conscientes de que unha explotación gandeira é unha empresa. Cos seus custos, os seus ingresos e os seus balances.”, di Batalla.
Para a formación práctica buscamos as explotacións que máis se adaptan ao proxecto de cada alumno
Na parte práctica, os alumnos pasan dous meses nunha explotación e outros dous noutra. Neses períodos manexan un libro no que van rexistrando todas as actividades que realizan para que se poida comprobar que se cumpren os obxectivos marcados.
A asignación de prácticas faise en función do proxecto que cada alumno ten en mente desenvolver cando remate a súa formación. Ben sexa como titulares de explotación, ben como empregados, ben como servizos técnicos. E tamén tendo en conta se queren priorizar a produción de leite ou de carne. O importante é que a explotación á que vaian lles sirva de aprendizaxe e inspiración.
“A parte práctica concibímola coma un intercambio no que o gandeiro pon as súas instalacións, a súa experiencia e coñecementos e a manutención do alumno e este aporta a súa capacidade de traballo. Téñense dado casos nos que o alumno de prácticas acaba quedando de empregado na explotación que o acolle.”
RESULTADOS
Nos 17 anos transcorridos dende que se puxo en marcha o proxecto, recibiron 674 solicitudes das que foron aprobadas 258, é dicir, un 38%. “Somos unha entidade sen ánimo de lucro e con recursos limitados. De aí que teñamos que aceptar só as persoas que verdadeiramente teñen vocación, que van aproveitar os coñecementos unha vez que saian da Escola e non que veñan por curiosidade ou por vivir unha experiencia. Non temos nada en contra diso, pero non é a nosa misión.”
Os principais requisitos para acceder á Escola son ser maior de idade e dispoñer de carné de conducir e de independencia para se desprazar. O prezo da matrícula é de 1.700 euros e inclúe a manutención pero non os desprazamentos. Tampouco se permite levar mascotas. A formación é moi esixente e mentres dura o curso os alumnos non poden dedicarse a outra cousa, non teñen ningunha fonte de ingresos.

O silvopastoreo é unha parte da formación e desenvólvese no sur de Cataluña
O perfil dos 258 alumnos que pasaron pola Escola é o de persoas cunha media de idade de 30 anos, cun nivel de estudos de grao medio ou superior, que proveñen de zonas tanto rurais como urbanas e que non tiveron ningún contacto previo coa gandería. “Moitos deles deixan de traballar para estar con nós. Eso xa indica o seu compromiso.”
Só formamos persoas que teñan un verdadeiro compromiso co sector, que estean dispostas a participar nel
Ata agora, o 87,2% (225) dos alumnos completaron a súa formación, mentres que a taxa de abandono foi do 13,8% (33), considerada baixa. Desas 33 persoas que non completaron a formación, a inmensa maioría deixouna por razóns de moito peso e ineludibles, dixo Batalla.
Na actualidade, o 65,3% dos ex alumnos se adica profesionalmente ao sector primario. A metade deles por conta propia e a outra metade como asalariados. Hai un 19,6% que está en proceso de adicarse á gandería pero aínda están definindo o seu modelo e proxecto ou buscando recursos. E do 14,7% restante non se dispón de datos que expliquen por que non continuaron no sector.
OUTRAS ACTIVIDADES
Máis aló da formación, a escola ofrece o servizo Espazo Test Agrario, integrado nunha rede que opera en toda España (RETA). Trátase dunha iniciativa que combina aprendizaxe e emprendemento e que ten como fin último conseguir incorporacións á gandería extensiva e relevo xeracional nas explotacións xa existentes.
O que se fai é ceder unha parcela que a Escola posúe no sur de Cataluña así como o gando e os apeiros para que os interesados poidan facer un simulacro do que sería o seu proxecto. A estancia no espazo pode ser de entre un ano e dous anos e medio. Nese tempo, os participantes reciben tamén acompañamento técnico e empresarial. E cobertura legal, xa que a titular da explotación é a Escola.
Ademais, se os participantes no Espazo deciden poñer en marcha o seu proxecto, poderán levar con eles a recría de gando que se teña producido como froito do seu traballo. A aspiración é que se free o despoboamento rural, o envellecemento do sector e o abandono de terras. E potenciar modelos produtivos sustentables e socialmente xustos nos sistemas agrarios locais.
Entre os requisitos para participar no Espazo destacan ser maior de idade, acreditar formación ou experiencia no sector gandeiro extensivo, elaborar un plan de empresa ou dispoñer de solvencia económica para realizar a actividade durante o tempo previsto no test.

Laia Batalla durante a súa intervención na Xuntanza de Outono da SGPF
Outra accción na que participa a Escola é a Mesa de Traballo. Laia e María coordinan a Mesa co obxectivo de poñer en contacto as persoas que desexan incorporarse á actividade (relevos) coas que necesitan man de obra ou están a piques de pechar as súas explotacións (cedentes). Así, trabállase no relevo xeracional e no mantemento da actividade.
Os procesos de traspaso e relevo teñen que empezar a planificarse cando os titulares están entre os 50 e os 55 anos
A Mesa, na que participa a administración autonómica, cooperativas agrogandeiras e particulares vencellados ao sector, reúnese cada dous meses. Intercambios de información sobre a realidade do relevo, programación de actividades coordinadas para garantir o traspaso e relevo en explotacións ou planificar a difusión das actividades de cada participante son algunhas das accións que se levan a cabo.
A responsable da Escola sinalou que os procesos de traspaso e de relevo teñen que comezar a plantexarse cando os titulares están entre 50 e 55 anos. “Nese momento a xubilación aínda pode parecer lonxe. Pero para que saia ben, hai que comezar a planificar. Se na granxa van quedar os fillos non sería un problema. Se, por contra, se vai traspasar a alguén de fóra é preciso que se coñezan, que haxa un vínculo e que traballen xuntos.”
E é que, segundo explicou Batalla, hai unha compoñente emocional que pode ser mesmo máis forte que a económica. “Igual que en Galicia, desprenderse da terra, dos animais e das instalacións pode ser moi doloroso. Sobre todo para a xente maior. Por eso debemos acompañalos e axudalos a crear confianza mutua.”
Dentro desa planificación, a Escola elaborou unha guía práctica cos pasos a seguir para realizar o traspaso dunha explotación. Basicamente contén todas as preguntas que ten que realizarse a persoa ou a familia cedente antes de ceder a granxa a quen vaia tomar o relevo.
É fundamental acompañar as persoas que van ceder a súa explotación. Porque pode ser algo traumático para elas
Ademais, organizan o que chaman “cápsulas formativas”, pequenas xuntanzas nas que relevos e cedentes reciben asesoramento individualizado sobre cuestións como proxectos e tipos de traspaso, formas xurídicas, fiscalidade, valor da explotación ou cesión de dereitos.

O relevo xeracional é o obxectivo principal da Escola de Pastors i Pastores
E, para as persoas que non están plenamente asentadas no sector, a Escola puxo en marcha unha iniciativa de economía social e solidaria. Trátase da Bolsa de Oportunidades, que serve para poñer en contacto as ofertas e as demandas que van xurdindo.
Segundo explicou Batalla, a Bolsa serve como punto de encontro para persoas que buscan:
– Ofertas laborais dignas
– Emprender de forma cooperativa que buscan socios/as
– Facer compras colectivas mellorando os prezos de compra e tendo acceso a mellores produtos a mellores prezos
– Compartir maquinaria e equipamentos reducindo os custos fixos do proxecto e o aprovisionamento individualista
– Compartir coñecemento
– Atopar terras
Batalla indicou tamén que “a bolsa debe ser e é virtual para dar servizo a todas as persoas que a forman dado que están repartidas polo territorio. Unha vez ao ano son convocadas todas para apuntalar sinerxias e crear rede.”
Galego









Control OJD