A folga do transporte deixa sen osíxeno á gandería

Os produtores de porcino advirten de que o parón dos matadoiros de porcos está a sobrecargar de animais ás granxas. As fábricas de pensos sofren escasez de mineirais, vitaminas e outros produtos que chegan por estrada, pero manteñen suministros básicos ás explotacións; en tanto as industrias lácteas reanudan a recollida, aínda que as ganderías teñen que seguir tirando parte da súa produción polos atrasos das cisternas

A folga do transporte deixa sen osíxeno á gandería

Concentración de Unións Agrarias ante a Delegación do Goberno.

A gandería galega chegou ó límite pola folga do transporte e nalgúns casos comeza a entrar en zona de perigo. A preocupacíón máis inmediata céntrase nas granxas de porcos, que están sobrecargadas de animais polo parón dos matadoiros. “Podemos chegar a ver imaxes de animais en mal estado, baixas e ata canibalismo entre porcos”, advirte o presidente da Federación Galega de Porcino, José Antonio Vidal, que esta mañá participou na concentración convocada ante a Delegación do Goberno na Coruña por Unións Agrarias.

Pensos
A situación é complicada en tódolos sectores gandeiros. Un problema común é o suministro de penso. As fábricas, segundo explican desde o sector, funcionan a medio gas, cumprindo coas entregas imprescindibles. Do porto da Coruña está saíndo a contagotas cereal para as plantas, pois hai un acordo de servizos mínimos cos piquetes da folga do transporte, pero as dificultades están agora nas materias primas que teñen que chegar por estrada.

En concreto, desde a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para os animais (Agafac) explican que non están chegando a Galicia “minerais, vitaminas, melazas, carbonatos e outras materias primas que son tan necesarias como os cereais para a correcta formulación dos pensos”.

Ante esta situación, as granxas están a recibir pensos reformulados, con variacións nos nutrintes que utilizaban normalmente, o que pode levar a desaxustes nos animais.

A parte que polo momento está máis encauzada é a entrada de cereal a porto, que está chegando xa de procedencias como Rumania ou Canadá.
Durante a fin de semana, ademais, houbo un acordo das fábricas de pensos cos folguistas, que permitiron durante 24 horas sacar cereal e materias primas dos almacéns do porto da Coruña en bañeiras. O acordo estivo vixente desde o sábado ás 4 da tarde ata o domingo ás 4 da tarde.

Iso permitiu aliviar a situación das fábricas de penso con maiores problemas e que algunha outra fixera certo acopio de materias primas nos silos das plantas para a fabricación nos vindeiros días. Finalizado ese prazo, a saída de materias primas volve a ser en cisternas. Desde Agafac explican que “seguimos solventando día a día”.

Leite
Nas granxas de leite, a situación actual é que a totalidade das grandes industrias teñen as cisternas de recollida na estrada, incluída Nestlé, que tiña parados os seus camións. A cuestión é que os retrasos na recollida e na circulación das cisternas levou xa a multitude de granxas a ter que tirar parte da súa produción. Mesmo se deron casos de ganderías que tiraron o leite e que ao pouco tempo recibiron a visita da cisterna de leite.

Esta tarde ás 17.30 horas o conselleiro do Medio Rural, José González, ten convocada unha reunión coas industrias lácteas para analizar a situación. As industrias transformadoras poden normalizar a recollida ata certo punto, dados os acordos de mínimos cos convocantes da folga do transporte, pero xa avisaron de que precisan normalizar a circulación de mercancía cara ós supermercados, así como os suministros precisos para a elaboración dos seus produtos, como envases e outros.

Esta mañá, o conselleiro do Medio Rural mantivo tamén unha reunión cun cento de gandeiros en Mazaricos, un encontro no que tamén participou o alcalde local, Juan Blanco, que anunciou a sinatura dunha carta xunto con outros 24 concellos galegos destacados na produción de leite para urxir ó Ministerio a unha solución na folga do transporte. “Só a pasada semana en Mazaricos tiráronse máis de 100.000 litros de leite”, advirte o Concello.

Só a pasada semana en Mazaricos tiráronse máis de 100.000 litros de leite

Lactalis, Nestlé ou Celta, con dificultades
Ante as dificultades para manter a recollida, moitas das empresas están redistribuíndo as rutas e os horarios de recollida para recoller a aqueles gandeiros máis apurados, con menor capacidade no tanque. Nalgúns casos, para optimizar os camións, non recollen a totalidade do tanque, senón só unha parte para permitir ás ganderías seguir muxindo sen tirar o leite, ou canto menos a menor cantidade posible.

Os gandeiros de leite máis afectados seguen a ser os de Lactalis. Aínda que a empresa recuperou a recollida, segue sendo de mínimos, habendo gandeiros que están tendo que tirar leite.

Nestlé tampouco recolleu a fin de semana, por ter que parar a súa planta de Pontecesures, aínda que volveron empezar a recoller esta mañá. Víronse afectados os seus 140 produtores, das provincias da Coruña e Pontevedra, durante a fin de semana.

Leite Celta enviou un comunicado aos seus gandeiros informando da parada na recollida pero de momento segue recollendo. “Seguimos recollendo e producindo aínda que con moitas dificultades. Pero saída de protuto terminado, cero litros”.

O resto de empresas tamén seguen recollendo e producindo “de momento”.

Parón dos matadoiros
Outra fronte está no parón que teñen os matadoiros, pois nin hai mercados de gando nin os matadoiros están a recibir animais. En paralelo ós piquetes do transporte, produtores da asociación Gandeiros Galegos de Suprema están a frear a entrada de gando nas plantas.

“No noso caso, a nosa reivindicación é polos baixos prezos da carne e mantemos unha actuación informativa ante os matadoiros”, precisa o presidente da asociación, Santiago Rego, que espera un pronto acordo coas industrias e apunta ás cadeas de supermercados como responsables últimas dos actuais prezos da carne.

A parálise dos matadoiros ampliouse este luns ós de carácter comarcal. Ademáis de Novafrigsa, Carnicosa, Viana e Baixo Miño, este luns bloquearonse tamén Frilea, Incada, Ribadeo, O Pino e O Carballiño.

O Sindicato Labrego pide un gabinete de crise na Xunta

Ante a situación derivada da folga de transportes, desde o Sindicato labrego piden a convocatoria urxente dun gabinete de crise por parte da Xunta, con participación do sector gandeiro e do transporte.

“Precisamos garantías inmediatas de recollida do leite e de distribución de suministros básicos. Estamos nunha situación de pasividade das distintas administracións e o goberno da Xunta non se pode limitar a mandarlle unha petición ó Goberno central, na clásica estratexia de pasarse a pelota cando hai dificultades”, critica a organización agraria.

A Delegación do Goberno ofrece vehículos de escolta e corredores seguros

Trala concentración convocada hoxe por Unións Agrarias ante a Delegación do Goberno na Coruña, o delegado, José Miñones, mantivo un encontro cos convocantes e anunciou que 2.000 policías e gardas civiles estaban a disposición das empresas para garantir en Galicia corredores seguros para o transporte. Miñones cifrou en 900 camións os escoltados a pasada semana, ben de xeito individual, ben en convoys.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información