A folga dos camioneiros obriga a usar tractores para sacar o fertilizante do porto da Coruña

Sete tractores con remolques dos que se usan para o ensilado do millo e da herba estiveron este martes todo o día carrenxando o abono desde Punta Langosteira até os almacéns de Progando no Polígono de Sabón

Tractores con abono descargando no almacén de Progando no polígono de Sabón, en Arteixo

Tractores con abono descargando no almacén de Progando no polígono de Sabón, en Arteixo

O paro que desde hai máis dunha semana afecta ao sector do transporte obriga a atopar solucións imaxinativas para manter a actividade ás empresas que subministran produtos ás explotacións agrogandeiras. A situación segue a ser complicada no porto da Coruña, principal vía de entrada de graneis, tanto cereais como fertilizantes, a Galicia. Os camioneiros que desde hai máis dunha semana bloquean o acceso ao porto están a permitir, con restricións, saír cereal cara ás plantas de fabricación de pensos pero até agora non saíra nada de fertilizante.

E este ano o stock do que dispuñan os almacenistas e distribuidores era xa de por si máis reducido, debido á carestía e escaseza de determinados produtos, polo que as reservas da maioría das empresas é limitada. Para afrontar con garantías a campaña de abonado de pradeiras e de sementeira do millo, a empresa de subministros agrarios Progando botou man este martes de tractores para poder sacar fertilizante do porto, ante a imposibilidade de facelo en bañeiras, e poder así dar servizo aos seus clientes.

Os tractores, un total de sete, cos remolques que usan para carrexar o millo e a herba para o silo nas campañas de ensilado, estiveron durante todo o día facendo viaxes desde o Porto Exterior de Punta Langosteira, en Arteixo, até os almacéns que Progando ten no polígono de Sabón.

Ante a falta de transporte, o barco permanecía fondeado desde hai unha semana sen poder descargar a mercadoría

Foi a solución que atopou a empresa para poder trasladar aos seus almacéns o abono e garantir deste xeito a descarga do barco que o transportaba desde Amberes e que agardaba fondeado desde o martes pasado coas 3.500 toneladas de produto. Unha parte do descargado é tamén para a empresa asturiana Agropres.

“Estamos contentos porque resolvemos o problema para os nosos clientes. O cargamento que trae este barco vai dar servizo á máis de 300 ganderías que agardaban por ese fertilizante para usalo nas campañas de abonado de pradeiras e de sementeira do millo”, explican desde Progando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información