A asociación Gandeiros Galegos da Suprema decidiu onte en asemblea extraordinaria celebrada en Lugo realizar unha folga de entrega de animais, tanto de becerros como de vacas para desvelle, dende este martes, 30 de xullo, e ata o 7 de setembro. É unha decisión difícil, xa que é precisamente no verán cando o gando acada os mellores prezos polo incremento da demanda e a baixada da oferta, pero dende a asociación, que agrupa a máis de 400 ganderías socias de Ternera Gallega Suprema, están decididos a secundala e a que se sumen outras organizacións para lograr o que conseguiron os produtores de vacún de leite, de polo ou de porcino: Unha suba dos prezos en orixe que compense o incremento dos custos de produción que soportaron nos últimos anos, así como unha diferenciación no prezo con respecto á carne de vacún de Ternera Gallega procedente dos cebadoiros.
Falamos con Santi Rego, gandeiro de Mazoi (Lugo), e portavoz de Gandeiros Galegas da Suprema, para que nos explique as razóns desta folga de entregas.
-Realizar unha folga de entregas entre as ganderías de vacún de carne socias entendo que non foi unha decisión fácil e que debeu xerar división na asociación….
Foi unha decisión que non só acordamos na asemblea extraordinaria de onte senón que levabamos sondeando entre os socios dende hai unhas dúas semanas e teño que dicir que foi un acordo meditado e unánime: Hai que parar e facer unha reflexión de todos os produtores, e tamén por parte da distribución e da industria cárnica, porque nesta situación non garantimos a rendibilidade das explotacións de vacún de carne de Ternera Gallega Suprema e o relevo xeneracional.
Ademáis, queremos extender a folga a todo o sector produtor: Xa falei co presidente de ACRUGA, César Dorado, e díxome que nos apoia, e tamén contactei con representantes de Unións Agrarias e do Sindicato Labrego Galego, e de momento non tiven resposta, pero gustaríanos que se sumaran porque os avances que podamos lograr con esta folga van ir en beneficio de todos os produtores.
-Por qué elixistes este momento, xusto no verán cando os prezos do gando adoitan ser os máis altos?
Precisamente decidimos facelo agora porque se convocamos a folga en inverno poderíase pensar que o facemos cando hai menos demanda e cando temos menos animais. Creo que temos que dar un paso atrás para poder avanzar a medio e longo prazo, e o mellor momento é agora. Ten que haber para os produtores un prezo en orixe que nos compense da forte suba dos insumos que padecemos nos últimos anos (gasóleo, plásticos, pensos…etc). Ao consumidor o prezo da carne si que lle subiu pero non a nós, polo tanto, onde se quedou o diñeiro? Non o sei.
O que si temos claro é que nos últimos anos subiu o prezo para as ganderías de vacún de leite, de porcino ou avícolas, pero non ás de vacún de carne, e menos ás de Ternera Gallega Suprema. Temos exemplos cerca en Galicia de a onde debemos mirar: no sector do viño o que se pagaba hai dez anos por un godello ou por un albariño non ten nada que ver co que se paga agora, porque apostaron pola diferenciación, é o espello no que nos temos que mirar para revalorizar a carne de Ternera Gallega Suprema.
-Como valorades as axudas aos produtores aprobadas pola Xunta o ano pasado e convocadas tamén para este ano?
É certo que foron un balón de osíxeno para as explotacións pero o sector ten que cambiar pola vía do prezo en orixe, non polas axudas.
-En que prezos vos situades neste momento e cal debería ser o prezo que reclamades?
Os gandeiros, como calquera outro empresario, traballamos para cubrir os custos de produción e para ter un beneficio. Neste momento, en pleno verán cando os prezos deberían estar na parte alta, estamos cobrando por kilo entre 5,80 e 5,90 euros, cando no verán do ano pasado estabamos entre 6,20 e 6,30 euros o kilo. Que pasou coas axudas da Xunta? Que na realidade a industria e a distribución estánnola descontando e son os que en realidade a están cobrando e ante a previsión de que se convoquen para este ano, xa aplicaron o desconto.
Que pasou coas axudas da Xunta? Que na realidade a industria e a distribución estánnola descontando
Dende Gandeiros Galegos da Suprema o que dIcimos é que ten que haber un prezo mínimo base e a partir de aí primas por calidades (grao de engraxamento etc) para que haxa unha estabilidade no sector que nos dea perspectivas de futuro aos produtores e que axude á remuda xeneracional. Que prezo reclamamos? Nesta época do ano claramente deberíamos estar por riba dos 7 euros por kilo.
A industria e a distribución acúsannos aos produtores de que non somos suficientemente profesionais por non facer programación de partos para atender os meses do ano con maior demanda, como os do verán polo efecto do turismo. Pero de que vale programar partos, cos custos a maiores que supón, se despois no prezo non vemos ningún incremento?
-Como ides garantir o seguimento da folga por parte das ganderías e de que non entre carne de fóra?
Na asemblea acordamos pedir aos socios os rexistros de movementos de gando no periodo da folga. Somos conscientes de que é unha decisión difícil e de que pode ser unha arma de dobre fío (entrada de carne de fóra) pero se queremos que o sector cambie e saia fortalecido temos que secundar esta folga. Estamos en contacto co resto de organizacións para que se sumen e vaiamos da man.
-Que medidas de presión tedes previsto realizar?
Hai un ano bloqueamos os matadoiros e acusáronnos de que non eran formas. Esta vez imos doutra maneira e propomos que nos sentemos a negociar a industria, as cadeas de distribución e os produtores para avanzar en prezos dignos en orixe. Cada parte ten que cumprir coa súa responsabilidade e se esta proposta non surte efecto non descartamos optar por outro tipo de medidas.
No liñal do supermercado non hai diferenza de prezo entre a Ternera Gallega Suprema e a Ternera Gallega de cebadeiro, nós poñemos a imaxe de gandería tradicional e os cebadoiros benefícianse
-O problema de fondo non é que no liñal das carnicerías a carne de Ternera Gallega suprema non se diferencia en prezo da de Ternera Gallega convencional?
O que non pode ser é que se siga mesturando unha carne premium, como é a de Ternera Gallega Suprema, cunhas esixencias de raza, de crianza tradicional e de benestar animal, coa carne de cebadoiro que está amparada por Ternera Gallega e que ao final estean as dúas ao mesmo prezo. É dicir, quen poñemos a imaxe de carne diferenciada para o consumidor somos os produtores de Ternera Gallega Suprema pero quen saca realmente o beneficio son outros. Aí claramente botamos en falta unha intervención decidida por parte do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, para claramente diferenciar para o consumidor a carne de Ternera Gallega Suprema , e por suposto cun prezo diferenciado.