A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe unha afluencia de 1.079 animais, dos cales 1.000 foron adxudicados. En canto aos prezos, houbo subas e baixadas na recría e o vacún maior, mentres que nos becerros carniceiros os prezos subiron en todas as categorías.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 149 euros, 1 euro máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 175 euros, cun descenso de 8 euros, e os de máis de 50 días a 204 euros (+8 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 337 euros (-37 euros), mentres que as femias vendéronse a 276 euros (-19 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 429 euros (+14 euros) e as femias baixaron 37 euros e quedaron en 291 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 631 euros (+22 euros) e as femias de 482 euros (+57 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 54 euros con respecto á poxa pasada e alcanzaron un valor medio de 1.229 euros; as femias subiron ata os 1.063 euros (+367). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.304 euros de media os machos, o que supón unha subida de 104 euros e que as femias incrementaron o seu valor medio en 74 euros, até os 1.143 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron 248 euros o seu valor e fixan unha media de 1.424 euros por animal.
No vacún maior houbo suba nas categorías segunda, de 4 euros e con valor medio de 1.179 euros, e segunda, cun incremento de 3 euros e fixando un prezo de saída de 793 euros. Na categoría extra, o prezo caeu até os 2.151 euros (-3) e na de refugallo baixou 16 euros, ata os 438 euros. Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia incrementaron o seu valor 415 euros, alcanzando un prezo medio de saída de 1.810 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan lixeiras subas con respecto á pasada semana. Así, houbo un incremento de 0,10 no selecto (1,875) e no normal (1,85); mentres que nos de canle II a suba foi de 0,13 (2,403). O de desvelle queda igual: 0,81/0,87.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 87 euros (cun prezo de 4,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 82 euros e cun prezo por quilo de 4,1 euros; ambos presentan unha baixada de 1 euro.
O mercado do ovo mantense igual que a semana pasada: os da XL cotizáronse a 2,83; os da L a 2,24; os da M a 1,98 e os da S a 1,68 euros.
O prezo do coello mantense igual e está nos 2,2 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).