Tras meses de negociación, Unións Agrarias UPA congratúlase de que o Ministerio de Agricultura flexibilizase os requisitos para adaptarse ás novas esixencias de ocupación das granxas e teranse en conta novos parámetros que podían perxudicar ás granxas porcinas.
A organización enmarca a modificación coma un logro que leva traballando desde as negociacións do seu acordo de 43 medidas co Ministerio de Agricultura e polo tanto valora positivamente as modificacións que se aplicarán ao RD 159/2023, tras saír a consulta pública previa a elaboración dun novo Real Decreto.
Deste xeito, os gandeiros terán máis tempo (ata tres anos desde 2023) para adaptarse ás novas esixencias que se aplicarán ás granxas, e teranse en conta novos parámetros, ademais da superficie dispoñible para os animais.
Os produtores traballaron con Agricultura para definir os parámetros que se terán en conta para non obrigar ás granxas a reducir a súa capacidade produtiva, co consecuente impacto económico que podería levar. Puntualizan que o porcino é un sector de enorme importancia para o medio rural galego xa que conta con case 96.000 prazas de reprodutoras e 1.161.792 prazas de cebo en explotacións de porcino industrial. O censo de animais é de preto de 1,7 millóns dos cales 795.000 son de cebo (máis de 50 Kg de peso vivo) e 530.000 leitóns (ata 20 Kg peso vivo).