A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“A Fleckvieh é a raza que mellor pode competir coa Holstein”

Entrevista a Antonio Barreira Nistal, terceira xeración á fronte de Ganados Barreira Bascuas S.L., unha empresa galega referente en toda España na importación de gando bovino doutros países

Ganados Barreira Bascuas S.L., con sede en Báscuas, no concello de Lugo, é unha empresa con máis de 60 anos de experiencia profesional no sector da gandaría, dedicada á compra e venda, importación e distribución de gando vacún en toda España.

Falamos con Antonio Barreira Nistal, terceira xeración desta empresa familiar que ten na importación de xovencas e vacas de raza Holstein a súa principal actividade, pero que nos últimos anos tamén está a ver unha crecente demanda de animais de raza Fleckvieh procedentes de Austria.

Ti es Antonio Barreira, o teu pai tamén é Antonio Barreira e o teu avó paterno tamén tiña idéntico nome e apelido. A actividade gandeira tamén é unha tradición que se herda nesta familia?
Jaja, si somos unha familia con moita tradición gandeira e de forte aficción por ir ás feiras de gando. Coa compra e venda de gando vacún comezou o meu avó, logo seguiu o meu pai e agora incorporeime eu. Empezou o meu avó no ano 1940, el traballaba daquela na cooperativa UTECO, pero tamén se dedicaba ao comercio de gando.

Quen abriu a empresa ao mercado de fóra de Galicia foi o meu pai, ampliando a área de traballo a Asturias e Cantabria. El empezou nisto con 16 anos, nin tiña carné de conducir, e antes xa ía dende pequeno ás feiras e encantáballe escoller o gando.

Tiñamos unha pequena explotación ao mesmo tempo de 4 ou 5 vacas de leite e chegamos a ter 50 vacas en muxido, pero fai 10 anos debido a que a empresa medraba cada vez máis tivemos que escoller en que negocio centrarnos, porque non dabamos atendido ben as dúas áreas e non atopabamos man de obra para traballar na granxa.

Pechamos por ese motivo a granxa de vacún de leite e centrámonos exclusivamente na compravenda de gando vacún. Foi tamén hai dez anos cando empezamos a ter maior actividade internacional, importando un camión de media todos os meses.

Eu empecei a traballar no negocio familiar con 18 anos, levo incorporado plenamente dende o 2013. É un negocio moi esixente, ao que lle tes que dedicar moitas horas, pero que me gusta e co que disfruto.

Agora mesmo en Ganados Barreira Bascuas SL somos un equipo de 6 persoas: meu pai, miña nai e eu, -os tres socios da empresa-, e máis dous chóferes e un traballador no establo onde temos os animais.

Unha das vosas principais áreas de traballo é a importación de gando vacún leiteiro. En que países comprades os animais?
Empezamos a importar vacas Holstein hai 12 anos da Bretaña francesa e despois fomos ampliando a Holanda, Dinamarca e Alemaña. Temos neses tres países unha relación estable cunha serie de ganderías dende hai anos e cuns resultados moi positivos para todas as partes, principalmente para os gandeiros que nos compran o gando. As liñas son tamén diferentes en cada país: cunha xenética máis americana e canadense en Francia e unhas liñas xenéticas máis europeas en Alemaña, Dinamarca ou Holanda.

Canto gando importades en xeral ao ano?
De media o pasado 2020 importamos uns 2500 animais, tanto xovencas como vacas en lactación. A maior parte, arredor 50% corresponderon a Holstein, e en segundo lugar situouse a Fleckvieh de Austria; e logo a Jersey e Roxa Danesa, ambas de Dinamarca. Por último, de Francia, ademáis da Holstein, tamén importamos animais de raza Montbeliard e Normanda.

Cada vez importamos máis porque moitas ganderías teñen problemas para facer a recría, tanto por falta de instalacións pero sobre todo de man de obra.

 “Rematamos o 2020 importando de Austria un camión de xovencas Fleckvieh por mes”

Arredor dun 50% dos animais que importamos veñen de Francia e a outra metade repártese entre Alemaña, Dinamarca e Austria. Agora a segunda procedencia é Austria.

En Francia estamos traballando a un ritmo estable, pero Austria é un mercado que para nós medra constantemente: cada vez máis gandeiros teñen interese por esta raza. Este 2020 de feito rematamos de media importando un camión de xovencas Fleckvieh por mes, case 900 en todo o ano.

Polo que respecta ao destino, vendemos a gandeiros de toda España: en Galicia, en Cantabria, Austurias, País Vasco e Castela e León ou Castela a Mancha, e incluso distribuímos en Canarias e en Marrocos.

barreira antonio fleckvieh 1 apaiada

Como coñeciches a raza Fleckvieh austríaca?
A raza Fleckvieh empezamos a coñecela a través dun veterinario que comercializa en España o seme e os embrións de geneticAUSTRIA. Eu xa levaba tempo buscando unha raza que fóra máis eficiente, rústica e máis adaptada ao pastoreo e que incrementara as calidades do leite, ademáis de ter boa fertilidade. Ademais, vexo que aquí en Galicia os becerros frisóns páganse moi pouco e buscaba unha raza que dera resposta a estas demandas dos gandeiros.

É certo que xa importabamos gando Fleckvieh de Alemaña, en concreto da rexión de Baviera, pero persoalmente pareceunos que son animais que teñen máis xenética mezclada co Holstein Roxo e non teñen a calidade dos de Austria.

A través deste veterinario hai 3 anos fun invitado por geneticAUSTRIA a coñecer a raza naquel país. Primeiro amosáronme as xovencas, animais con 650 kilos e máis, vimos os centros de recría e a primeira vista pareceume máis unha raza de aptitude cárnica que de leite. Pero ao seguinte día fomos visitar granxas con Fleckvieh en producción e vimos vacas de 7 e 8 partos con 35 e 40 litros de media e producións vitalicias en moitos casos de 100.000 litros e cambioume totalmente a percepción.

A produción media desta raza é duns 9000 litros por lactación a 305 días e cunha media do 4% de graxa e do 3,6% de proteína, pero é certo que oscila entre os 7500 litros das vacas en pastoreo e os 11000 das explotacións estabuladas máis intensivas. Hai de feito liñas xenéticas diferentes dentro da raza segundo o sistema de producción ao que se queira destinar.

 “A produción oscila entre os 7500 litros das vacas en pastoreo e os 11000 das explotacións estabuladas máis intensivas”

A impresión desa primeira viaxe a Austria foi tan positiva que volvín a Galicia con dous camións de xovencas Fleckvieh, con 50 xovencas en concreto.

Pero cando cheguei tiven o mesmo problema que tivera eu: os gandeiros non coñecían a raza e non crían que fora unha raza boa produtora de leite. Foime moi complicado vendelas e de feito boa parte pariron aquí na nosa finca. A medida que os gandeiros viñan comprarme Holstein íalles suxerindo que levasen tamén de proba un Fleckvieh, e se non lle gustaba comprometíame a recollela. E foi así, vendo os resultados in situ na propia granxa, como repetiron e a raza se fixo coñecida e demandada. Hoxe en día contamos con explotacións de referencia que xa teñen animais na súa terceira lactación e ao gandeiro séguelles sorprendendo a capacidade corporal destas vacas nese estado de lactación.

Agora mesmo, Ganados Barreira Bascuas SL somos distribuidores en exclusiva para España de geneticAUSTRIA.

Que che sorprende máis desta raza?
Eu coñecía a Fleckvieh alemana, pero esta é bastante diferente, máis pura. Sorpréndeme que é unha vaca moi igualada en todo: é capaz de competir en producción de leite pero ao mesmo tempo capaz de competir coas razas cárnicas. Gústame tamén a boa fertilidade que ten: ao mes do parto sae en celo e queda preñada moi fácil.

Tamén me atrae moito o manexo, pois son vacas tremendamente mansas. E vexo que é unha raza moi rústica, que soporta moi ben a calor e o frío, e en canto a calidades ten recontos baixos de células somáticas e bastante boa facilidade de muxido.

Dende que un gandeiro vos di que quere comprar unha vaca Fleckvieh, como é todo o proceso de selección ata que chega ao seu establo?
Sempre procuramos ter animais en stock na nosa finca en Lugo para que a xente vexa in situ a raza. Cando un cliente fai unha encarga, examinamos o que precisa, se quere unha liña de Fleckvieh de alta producción ou máis compensada entre produción e calidades. En concreto, en Austria, como dicía, hai dous tipos de liñas: unha máis de pastoreo e en ecolóxico e outra de produción estabulada e máis intensiva. Tamén hai liñas de animais con xen mocho, con leite A2A2…etc.

Con todo o que nos pide o cliente enviamos a solicitude a geneticAUSTRIA. A continuación, imos nós cos técnicos de geneticAUSTRIA a seleccionalos para que se axusten ao que nos pide o cliente. Seguidamente, informamos ao gandeiro enviándolle vídeos dos animais, os seus pedigrées etc. Unha vez escollidos, e se cumpren co que el nos pide, os animais en Austria quedan apartados e en corentena e nese período fánselle as probas de Abs, BVD, IBR, paratuberculose e neoespora, unhas probas que se fan en tres ou catro días. Posteriormente, nós encargámonos do transporte e das xestións administrativas e facemos o reparto a través da nosa flota de camións.

En caso de que o gandeiro faga un pedido de animais considerable, pagamos a súa viaxe a Austria para que el escolla en persoa os animais.

 “Dáse un asesoramento integral para os gandeiros e ofrécenselle todas as garantías”

Ganados Barrreira está presente en todo o proceso da venda para asegurar que o cliente remate satisfeito coa compra. Neste sentido, geneticAUSTRIA non só vende animais e se desentende, senón que tamén temos aquí un nutrólogo especializado en mezclas para Fleckvieh, ofrecemos material xenético de última incorporación para continuar mellorando xenéticamente estes animais; ofrecemos asesoramento para facer acoplamentos e incluso ofrecemos cursos de inseminación para os gandeiros e xornadas de formación, así como viaxes técnicas a Austria para seguir formándose nesta raza. En definitiva, dáse un asesoramento integral para os gandeiros e ofrécenselle todas as garantías.

BARREIRA FLECKVIEHT 1

De canto tempo estamos a falar para ter o animal na granxa dende que se compra?
O noso sistema de traballo está moi estructurado, moi ben organizado e moi rodado. Se é un pedido de gando normal, dende que nolo fai o gandeiro tardamos un día ou 2 días, se o temos en stock na nosa finca.

Se é un pedido máis específico e temos que ir polos animais a Austria, ou a Francia, ou Alemaña no caso doutras razas, tardamos entre 15 e 20 días.

E os prezos medios dunha Fleckvieh, en canto están?
O prezo da Fleckvieh é diferente da Holstein, pois estamos falando dunha raza de doble propósito e con importantes vantaxes. Nós seleccionamos animais de alta xenética e cada animal ten un prezo diferente.

Non estamos importando animais de baixo prezo, sei que en España se venden animais de raza Fleckvieh máis baratos, pero nós queremos garantir unha calidade e unha xenética, e non nos interesa que os gandeiros logo queden descontentos e falen mal da raza.

Tamén importades a liña Fleckvieh de carne?
Si, un 80% dos animais Fleckvieh que importamos de Austria son de leite, pero tamén hai unha liña de carne, que sobre todo nos están demandando no sur de España.

É unha raza que segue sendo de doble propósito, que dá ese plus de leite que non dan outras razas como a Limousin, a Blonda ou mesmo a Rubia Galega.

Son animais que poñen moitos kilos, cunha ganancia diaria de peso moi importante de entorno a 1,5 kilos ao día, e unha moi boa infiltración de graxa. Ao igual que na liña de leite, nesta liña de carne tamén se poden escoller animais co gen mocho.

Que futuro lle ves a esta raza en España?
Véxolle moito futuro a esta raza. Na liña cárnica pola súa elevada produtividade, mansedume, facilidade de manexo, rusticidade e calidade da súa carne.

“Cada vez máis gandeiros de vacún de leite incorporan a Fleckvieh nos seus rabaños, e o que proba continúa e aumenta”

E na liña de leite, vexo que tamén ten moito futuro pois o gandeiro sae beneficiado en varios aspectos: produce un leite con máis graxa e proteína, ten unha vaca máis lonxeva e por tanto con menos costes de recría e de veterinarios e ademáis terá un ingreso extra pola venda dos becerros e das vacas para desvelle.

Cada vez máis gandeiros de vacún de leite incorporan a Fleckvieh nos seus rabaños, e o que proba continúa e aumenta. É a raza que mellor pode competir coa Hosltein, con diferenza.

Ao igual que o resto de empresas, a pandemia da COVID debeu modificar moito a vosa actividade…
En Ganados Barreira cambiamos a nosa forma de traballar a raíz da COVID. Imos aos países de orixe en coche privado, evitando os transportes públicos, tamén estamos facendo seleccións en streaming, mediante vídeo en directo e reducimos ao máximo as viaxes. É un cambio para priorizar a saúde pública.

En todo caso, e grazas ao traballo de xa anos cos nosos socios en Austria, incluso baixo estas condicións con restriccións, mantense unha confianza e transparencia total.

BARREIRA FLECKVIEHT 2 BARREIRA FLECKVIEHT 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *