Finsa, a industria galega que vertebra a cadea galega do piñeiro, vén de pechar o seu balance 2024, no que salienta o dato de que mantén as cifras de vendas, a pesar dun contexto de mercado e xeopolítico complicado. Durante o pasado exercicio, a cifra total de vendas foi de 1.208 millóns de euros, a penas 15 millóns menos que no 2023 (- 1,2 %).
A empresa, con centros de produción en España, Portugal e Francia, procesou no 2024 un total de 3,2 millóns de metros cúbicos de madeira, dos que case 550.000 procedían de madeira reciclada, que emprega nos taboleiros aglomerados.
A principal materia prima coa que traballa Finsa é a madeira de piñeiro, tanto para os taboleiros de partículas como para os de media densidade (MDF) e para a madeira maciza. Con todo, a empresa utiliza tamén tanto frondosas caducifolias como eucalipto para as súas distintas liñas de taboleiros.
Situación de mercados
No 2024, Finsa aumentou vendas no mercado ibérico, se ben con menores ingresos, por un menor prezo medio dos produtos; en tanto que o mercado europeo, en especial Alemania, resentiuse, marcado por fortes contraccións. Con todo, a empresa foi capaz de manter as súas cifras de vendas ao abrir novos mercados.
De cara a este ano, mantense a incertidume pola situación xeopolítica, os conflictos bélicos e o contexto financieiro. A empresa non prevé un aumento de demanda no curto prazo.
A súa liña de traballo sitúase en continuar desenvolvendo novas propostas de valor nos ámbitos da madeira técnica e estrutural, principalmente nos sectores de interiorismo e construción. Para o mes de setembro ten tamén prevista a presentación da colección Hábitat 360.
Veta, a marca de Finsa para conveniar montes
Na área forestal, Finsa desenvolveu durante o último ano a marca Veta, para ofrecer convenios de xestión a comunidades de montes veciñais e propietarios forestais. A compañía xa contaba cun patrimonio propio de montes en Galicia, polo que dispón dunha ampla experiencia na silvicultura do piñeiro.
O obxectivo de Veta é apoiar e desenvolver conxuntamente plantacións forestais que permitan a recuperación, revalorización e mellora silvícola dos montes de piñeiros. É un sistema similar ó que viñan xa desenvolvendo en Galicia as principais industrias do eucalipto que operan a nivel forestal na comunidade, Ence e Navigator.
Con esta medida, Finsa busca dar unha resposta ás necesidades de xestión e financieiras de comunidades de montes veciñais e propietarios, ofrecendo un sistema de asesoramento e seguemento en todas as fases das plantacións forestais.
Finsa 2024 en datos
– A plantilla media foi de 3.342 persoas (+ 65, en comparación co 2023).
– A cifra total de vendas foi de 1.208 millóns de euros (- 15 millóns de euros).
– O Ebitda recurrente (Beneficios antes de impostos, intereses e amortizacións) situouse nos 197,6 millóns de euros (- 37,1 millóns de euros).
– Investimentos en actualizacións e melloras tecnolóxicas, 83 millóns de euros (+ 7 millóns de euros).
Galego










Control OJD