Finsa creará nas Pontes un centro de divulgación forestal

A instalación estará ubicada no monte de Panda da Dá, onde a firma galega dispón de 410 hectáreas

Publicidade
Finsa creará nas Pontes un centro de divulgación forestal

Foto do grupo na visita á leira Panda da Dá na parroquia do Freixo. Comunicación As Pontes.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado dunha delegación de Finsa, da Fundación Ria e do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), vén de visitar a finca de Panda da Dá, nas Pontes, onde a empresa madeireira galega quere crear un centro de divulgación forestal.

O motivo desta visita era coñecer de primeira man a finca de 410 hectáreas adquiridas por Finsa no 1989 e que, xa desde aquela, están sendo empregadas dun xeito informal para a práctica e difusión dun modelo de xestión forestal pioneiro, que fomenta boas prácticas e garante a produción madeireira mediante certificacións de sustentabilidade recoñecidas.

Ese traballo quérese agora consolidar coa rehabilitación das edificacións que alberga o monte, co obxectivo de poñer en marcha un centro de divulgación forestal.

Así, o rexedor local apuntaba que “o alumnado de arquitectura do MIT ven coñecer As Pontes, a súa realidade forestal e as posibilidades que teñen as instalacións, dunha das grandes propietarias forestais das Pontes, para a compatibilización de actividades económicas coa preservación do medio ambiente e das especies forestais autóctonas, e tamén as industriais, e en definitiva, todo o que ten que ver co ecosistema do monte galego”.

Un monte que Finsa, en colaboración coa Fundación Ría, busca situar como un espazo clave para promover a xestión territorial sostible, multifuncional, en relación cos diferentes axentes do territorio, a través dun concurso de arquitectura, que se atopa xa na súa segunda fase, que ten como obxectivo rehabilitar as edificacións da finca, potenciando o seu valor como espazo, a nivel mundial, de divulgación, formación e investigación, renovándoas para recibir visitas de profesionais e entidades dedicadas á xestión territorial e a cadea de valor da madeira, xerando así novas oportunidades de aprendizaxe e colaboración no sector forestal.

Manuel Rodríguez, director da Fundación Ría indicaba que esta fundación, sen ánimo de lucro, “leva anos colaborando con Finsa no desenvolvemento e deseño da ordenación desta finca para convertela nun centro de referencia da xestión forestal”.

VISITA-PANDA-DE-ADA-2-1024x582

Pola súa banda, Carlos Iglesias, encargado de xestión forestal de Finsa, detallaba máis polo miúdo as características da parcela, que consta de dous núcleos urbanizados, a Panda da Dá e As Pereiras, que son os que se van rehabilitar nesta primeira fase do proxecto. Ademais a finca, de 400 hectáreas, está dividida en dúas zonas: a parte dedicada a produción forestal, que está ocupada por piñeiros; e outra área dedicada á conservación de hábitats naturais, asociada ás zonas de ribeiras de ríos.

Esta segunda zona é de especial interese para Finsa, xa que como indicaba Carlos Iglesias, “obtivemos agora recentemente a certificación en servizos ecosistémicos pola biodiversidade desas áreas asociadas aos cursos fluviais, e ten a súa importancia porque ao mesmo tempo que tés unha xestión forestal dedicada á produción, tamén tés un espazo reservado para a conservación deses hábitats. Estamos nunha zona na que hai carballeiras e bosque atlántico, que merece a pena conservar”.

CONCURSO DE ARQUITECTURA ABERTO PARA REHABILITAR A PANDA DA DÁ

No ano 2024, Finsa, coa colaboración de Fundación Ría, lanzou un concurso de arquitectura para continuar transformando a súa finca da Panda da Dá e consolidala como un espazo de oportunidades para a xestión sostible do territorio.

Esta convocatoria ten como obxectivo rehabilitar arquitectónica e paisaxisticamenteo monte de 410 ha para dar cabida a novas actividades formativas e de investigación, así como servir de soporte a visitas de entidades relacionadas coa xestión do territorio e a cadea de valor da madeira.

A proposta gañadora recibirá un premio de 20.000 euros e a adxudicación do proxecto básico e de execución da rehabilitación, mentres que os outros catro finalistas recibirán un premio de 5.000 euros cada un, como compensación polo seu traballo.

VISITA-PANDA-DE-ADA-3-1024x485

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información