A Finca Mouriscade inicia a venda directa de embrións a través da súa renovada web

Inclúe un listado actualizado cos embrións dispoñibles e información da avaliación xenómica de cada animal. Enviarán alertas ás ganderías rexistradas cos novos embrións que vaian poñendo á venda

A Finca Mouriscade inicia a venda directa de embrións a través da súa renovada web

A Finca Mouriscade, dependente a Deputación de Pontevedra, acaba de presentar a súa renovada web na que se inclúen novos servizos directos para as ganderías, como a venda online de embrións. A presentación do reformado portal web realizouse este venres no marco da xornada técnica con gandeiros organizada por Africor Pontevedra nas instalacións do laboratorio da Finca, situada en Lalín.

A web segue a manter o mesmo enderezo: mouriscade.depo.gal. Entre as novidades, na súa páxina de inicio inclúe as 4 áreas que forman a Finca Mouriscade: o laboratorio de análise de alimentación animal, a granxa, a planta de biogás e as terras de cultivo (que ademais de producir forraxe para alimentación do gando empréganse como campos de ensaios de cultivos).

paxina inicio Mouriscade

Coa renovación da web, ademais de incorporar novas seccións, buscan ofrecer transparencia e aumentar o acceso directo a servizos ás ganderías, en especial ás da provincia de Pontevedra, que contarán con importantes vantaxes.

A venda online de embrións

Na sección adicada á Granxa destaca a venda de embrións, un servizo que agardan ter totalmente operativo no próximo mes, xa que está pendente a publicación oficial dos novos servizos e tarifas no Boletín Oficial da Provincia, así como ultimar algúns apartados na web. Polo momento, xa é posible consultar os embrións dispoñibles e tramitar a súa compra chamando á Granxa Mouriscade, un procedemento que despois se fará totalmente online.

No apartado para a venda dos embrións inclúese un listado actualizado dos embrións dispoñibles. Ademais de contar cunha imaxe do animal, os gandeiros dispoñen dunha folla de datos proporcionada por Conafe, así como dun informe de avaliación xenómica americana e canadense.

listado embrións dispoñibles Granxa Mouriscade

Na web inclúese un listado actualizado dos embrións dispoñibles con datos detallados sobre os animais.

“Pretendemos que o gandeiro teña toda a información posible dispoñible para facer a compra do animal que quere. Queremos aportar a máxima transparencia e garantías á venda de embrións”, indicou durante a presentación da web o xefe de sección da Gandería da Finca Mouriscade, Héctor Martínez Sanz, que se está a encargar da posta en marcha da web xunto cun equipo de traballadores do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

O procedemento

Unha vez que estea activa a venda online, o gandeiro interesado deberá rexistrarse previamente na sede electrónica para logo poder realizar a compra dos embrións. Con este rexistro pretenden evitar posibles fraudes na compra deste material. “Búscase ter un servizo de venda transparente e garantir a igualdade de acceso”, indica Martínez.

Só poderán mercar os embrións gandeiros en activo, con CEA e rexistro sanitario

Para rexistrarse deberán dispoñer de certificado dixital. Só poderán rexistrarse gandeiros en activo, para o que pedirán o número de CEA e a acreditación sanitaria, para asegurarse así que teñen animais. Os gandeiros poderán nomear un representante, como pode ser o veterinario da granxa, para realizar estes trámites.

Prezos dos embrións

Os prezos dos embrións é un dos temas pendentes da publicación da ordenanza e que non se fixeron públicos na presentación realizada na xornada. Martínez adiantou que as ganderías da provincia de Pontevedra terán prezos bonificados. Ademais, o prezo dos embrións reducirase de xeito automático co paso do tempo para evitar que queden embrións atrás na venda e favorecer o acceso á mellora xenética de todas as ganderías.

As ganderías da provincia terán prezos bonificados e poderán contratar a implantación do embrión

Só as ganderías da provincia de Pontevedra terán a posibilidade de contratar a implantación do embrión. Se se contrata este servizo o transporte será gratuíto. Mentres, no resto de casos o transporte correrá a cargo do comprador.

O pago dos embrións deberá realizarse nos seguintes 7 días. De non efectuarse o pago, os embrións volverán a estar dispoñibles na web. Para evitar que de xeito reiterado se faga o procedemento da compra na web e non se remate o pago, cando se realicen impagos reiterados haberá penalizacións para eses gandeiros á hora de facer novas compras, co gaio de evitar que se bloqueen deste xeito embrións.

Restricións

Para favorecer o acceso á compra para as ganderías da provincia e ó mesmo tempo garantir o acceso a estes embrións de alto valor xenético a todo o sector, tamén estableceron unha serie de vantaxes e restricións para a compra:

– Nos primeiros 14 días da posta á venda dos embrións, só poderán mercalos ganderías da provincia de Pontevedra.

– A partir do día 15 a venda ábrese ó resto de ganderías.

-Só poderán mercarse 2 embrións por día. Deste xeito pretenden evitar o acaparamento por parte das ganderías.

Non está permitida a revenda, cambio ou cesión dos embrións. Ademais, os embrións mercados con bonificacións para a provincia de Pontevedra só poderán implantarse en vacas da provincia.

Sistema de alertas

Dende a Granxa Mouriscade activarán un sistema de alertas da posta á venda de novos embrións. No momento en que teñan a previsión de realizar un flushing mandarán un email de aviso a todas as ganderías rexistradas da provincia de Pontevedra, para facilitar que todas elas teñan coñecemento de que disporán de novos embrións. Na web tamén se disporá dunha cronoloxía dos flushings que se van realizando.

Mellora xenética na Granxa Mouriscade

A renovación do portal web é unha das liñas de traballo incluídas no Plan para reactivar a Granxa da Finca Mouriscade. O Plan, iniciado hai dous anos, busca volver situala como un dos centros de referencia en mellora xenética do gando frisón. A nova web culmina un traballo de mellora xenética e pon agora estes esforzos a disposición das ganderías de vacún de leite.

Neste programa de mellora xenética levouse a cabo a compra de material con alto valor xenético procedente dun núcleo de doantes de elite de mercados nacionais e internacionais. Ademais, fixeron unha aposta clara polos índices xenómicos nacionais GICO, americano (GTPI) e o canadense (GLPI). Tamén incluíron entre os criterios de selección a produción de leite A2A2 e a Kappa caseina BB.

Martínez tamén recordou que a venda de embrións é un dos métodos destacados para a mellora xenética do rabaño, xa que con estes procedementos redúcese o risco de enfermidades, os custos derivados das corentenas de introducir novos animais na granxa, así como da compra e transporte dos mesmos.

Xunto coa posta en marcha da nova web, no Plan de reactivación da granxa incluíuse a posta en marcha do laboratorio móbil, que se iniciou recentemente. Ademais, tamén está previsto a venda directa de animais mediante poxas públicas. Teñen pensado realizalas nas instalacións da propia granxa experimental de Mouriscade, aínda que por agora está pendente da tramitación do procedemento por parte da Administración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información