A Federación Frisona Galega (FEFRIGA), en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros, pon en marcha a cuarta e quinta edición das Escolas de Xóvenes Preparadores. Celebraranse na finca Mouriscade de Lalín, do 26 ao 30 de xullo e do 19 ao 23 de agosto. Están dirixidas a xóvenes de entre 8 e 25 anos.
Estas escolas están deseñadas para inculcar nos mozos e mozas o amor polas vacas, ensinarlles a preparalas e coidalas, e fomentar o encontro entre novos gandeiros con intereses polo sector. Son unha grande oportunidade para que os mozos e mozas gandeiros adquiran habilidades prácticas e se integren nunha comunidade comprometida coa gandería.
Para inscribirse, é necesario enviar o boletín de inscrición xunto co xustificante de ter realizado o ingreso de 200 euros (desconto do 30 % para os socios do Club de Xóvenes Gandeiros) O prezo inclúe formación, pensión completa, documentación, material, seguros e gastos de organización. O prazo de inscripción remata o 5 de xullo e non se admitirán inscricións fóra dese prazo.
As familias poden elixir a data que mellor se adapte ás súas necesidades, aínda que estará suxeita a posibles cambios organizativos. A organización da escola comunicarase coas familias para asegurar o mellor funcionamento do evento, distribuíndo aos participantes segundo as súas idades e coñecementos.
Para máis información, pódese contactar con FEFRIGA (Teléfono: 981 573 879 ou mail fefriga@fefriga.com).