Finca A Mata: un exemplo exitoso de diversificación e produción sustentable

Visitamos Finca A Mata, unha explotación que combina a gandería de vacún de leite, coa produción de queixos, a viticultura, o gando ovino e, en breve, o turismo. Unha exitosa aposta pola diversificación e pola produción sustentable en base aos recursos dun entorno espectacular no concello ourensán de Manzaneda.

Finca A Mata: un exemplo exitoso de diversificación e produción sustentable

Fernando co viño e o queixo de A Mata, dous dos produtos emblemáticos desta finca

Finca A Mata é unha explotación agrogandeira situada na aldea de Langullo, no concello ourensán de Manzaneda, que leva apostando con éxito pola diversificación de producións, aproveitando os recursos do medio dunha forma sostible e creando valor engadido. Queixo de leite de vaca, becerros, cordeiros, uvas, viño ou castañas son as producións que saen desta finca situada nun entorno paisaxístico privilexiado como son os canóns do río Bibei.

“O meu obxectivo non é gañar cartos rápido, senón traballar dunha forma sostible que me permita vivir dignamente á miña familia e ás vindeiras xeracións durante moito tempo”, resume Fernando Álvarez, un home que se sente feliz neste entorno e coa súa actividade. Xunto á súa compañeira, Ana Pérez, e a dous empregados, traballan unha finca de 80 hectáreas, que permite combinar con éxito múltiples aproveitamentos.

Namorado do campo dende cativo, Fernando estudou Enxeñería Agrónoma na Politécnica de Lugo. Tras finalizar os estudos, decidiu volver á súa casa natal e dedicarse á actividade gandeira e vitícola. Iso si, superando moitos obstáculos: “Son o único dos catro irmáns que decidiu quedar no agro, e como mozo tiven que superar unha presión social moi grande para que me dedicara a outra actividade, dende os que me dicían que isto é unha escravitude e que me ía arruinar aos que me advertían de que non ía topar unha muller que quixera vivir comigo no campo”, recoñece Fernando.

Hoxe, case 28 anos despois, grazas ao esforzo e á confianza no seu proxecto e á aposta pola diversificación e por producir aproveitando os recursos do entorno, fixo posible que finca A Mata sexa non só rendible económicamente senón tamén unha fonte de emprego e un atractivo turístico no concello de Manzaneda.

Producen leite de vaca en base a pastoreo e elaboran queixo para o mercado local

Unha das principais actividades de Finca A Mata é a gandería de vacún de leite. Contan cun rabaño de 30 vacas de raza Holstein, das que 24 son reprodutoras e o resto recría.

Como no resto da explotación, a estratexia é producir aproveitando ao máximo os recursos do entorno, neste caso a herba, minimizando a compra de forraxes e pensos.

Deste xeito, as vacas pacen día e noite nas 30 hectáreas de pradeiras permanentes -non fan renovación- coas que contan nesta explotación. En verán e en inverno, cando se acaba o pasto, os animais reciben silo de herba e herba seca, producidos tamén na propia finca, e un suplemento de cebada e millo. Para a época estival, en Finca A Mata contan tamén con 2 hectáreas de pradeira en regadío.

Fernando: “No leite a pesar de que producimos menos, gañamos máis”

Con esta ración os rendementos medios roldan os 20 litros por vaca e día, unha produción modesta comparada cos sistemas máis intensivos, pero que ,como asegura Fernando, “a pesar de que producimos menos gañamos máis”.

Este sistema semiextensivo tamén lle permitiu reducir considerablemente os gastos veterinarios -”practicamente non hai mamites, coxeiras ou problemas de cuajares”, destaca- incrementar a lonxevidade dos animais ata superar os 8 partos de media por vaca e reducir notablemente a taxa de reposición.

Grazas tamén ás menores necesidades de recría, o 80% das inseminacións son con razas cárnicas. Os becerros son criados na propia explotación, con leite das vacas durante os dous primeiros meses de vida -subminístranllo en cubos-, e tralo destete son cebados con herba, cereal e soro procedente da elaboración de queixos. “Cebámolos durante algo máis de tempo, ata os 10 ou 11 meses de vida, e deste xeito acadan un peso duns 200 kilos canal, pero sen penso, e ao mesmo tempo a carne está máis feita e ten mellor textura e sabor”, destaca Fernando. Os tenreiros véndenllos a un carniceiro local, constituíndo unha importante fonte de ingresos para a explotación.

Pero a principal actividade económica de Finca A Mata é a queixería na que transforman os arredor de 60.000 litros de leite que producen ao ano nuns 6.000 kilos de queixo.

A queixería familiar comezou a funcionar no ano 2010 como unha alternativa ante a decisión das industrias lácteas de deixar de recoller nesta comarca do oriente ourensán. Elaboran un queixo tipo país e con pouco sal con gran aceptación nos mercados locais de Manzaneda, Pobra de Trives, Castro Caldelas e O Barco de Valdeorras.

“Os nosos clientes valoran a calidade do noso leite e temos cada vez máis demanda, sobre todo de xente que ven visitar a explotación e aproveita para mercalo”, explica Fernando.

“Utilizo as ovellas para rozar e ir creando pasteiros”

Para lograr os pastos que lle dan o sabor e valor nutricional diferenciado ao queixo A Mata, as ovellas cumpren un papel fundamental. Un rabaño de 100 destes pequenos ruminantes encárganse non só de limpar os prados despois de que pazan as vacas, senón tamén de ir rozando e abonando as ladeiras a monte para ir creando pasteiros de forma natural. “Ademais, dan un cordeiro ao ano, máis non lles podo pedir”, bromea Fernando.

Recuperando bancais de viñedos da época romana

A outra fonte de ingresos importante de Finca A Mata é o viñedo, situado nunha ladeira de socalcos orientados ao sul sobre o val do río Bibei, que segundo Fernando xa datan da época dos romanos.

Este viñedo ocupa unhas 20 hectáreas, que dende o ano 1998 foi recuperando do abandono. Hoxe ten recuperadas 11 hectáreas, inscritas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e está en proceso de limpeza e posta en produción das outras 9.

Ao igual que cos pasteiros, as ovellas desempeñan un labor fundamental como coidadoras destes viñedos, pacendo a cuberta vexetal e abonando o solo entre os meses de outubro e marzo. “Traballo de forma ecolóxica, sen utilizar herbicidas, e esta capa vexetal no mes de xuño seca coa calor e sirve tamén de protección contra a erosión”, explica Fernando.

 “Centreime na produción de uva de calidade”

En canto ás variedades, o 80% das cepas son de Mencía, un 10% de Godello e outro 10% restante de Garnacha Tintoreira. Tras probar nos primeiros anos coa elaboración e comercialización do seu propio viño, a falta de tempo e a necesidade de simplificar os procesos, levouno a optar por centrarse na produción de uva de calidade que lla vende a unha adega da Ribeira Sacra e só vinifica e comercializada baixo a súa marca, “Ladeira da Mata”, unhas 3.000 botellas. “Se ben é certo que as producións son baixas, arredor de 60.000 kilos nun ano bo, a uva destes socalcos é de excelente calidade e resulta moi apreciada”, destaca Fernando.

Esta explotación multifuncional completa a súa actividade con 5 hectáreas de carballo americano e de castiñeiro e coa próxima apertura dun aloxamento de turismo rural. “O meu proxecto sempre foi pechar o ciclo e que a xente viñera a degustar e a mercar o que producimos á propia explotación”, explica Fernando. Un soño, o de ser feliz vivindo en e do agro, que, malia as trabas burocráticas, este labrego de vocación foi conseguindo grazas á súa determinación e visión de futuro.

As ovellas axudan a crear e a abonar os pastos

Tres ideas de Fernando Álvarez:

-“A administración debería poñer menos trabas burocráticas aos que queremos seguir vivindo do agro e vender os nosos produtos a un prezo digno”.

-“O meu obxectivo é seguir dedicándome ao que me gusta e criar aos meus fillos onde eu nacín”.

-“Animo á xente nova a que viva na aldea, e aposte por traballar de xeito profesional aproveitando os recursos do entorno e xerar valor engadido”.

Contacto: ladeiradamata@hotmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información