
Sandra Mella, responsable da recría en Finca Fonteboa, contou nas Xornadas de Seragro como traballan
Ubicada en Vitre (Frades) Finca Fonteboa SAT é unha explotación leiteira que nace no ano 2009 da unión de dúas granxas familiares xa existentes: por un lado, Gandeiría Mella SC, constituída no ano 2006 por Juan Luis Mella Seoane e Nieves Ríos Gendra, e, por outro, Finca Fonteboa, fundada no 1998 e composta por José Lavandeira Calvo e Raquel Sánchez Fernández. Máis tarde, incorporaríase á sociedade Daniel, fllo de Juan e Nieves.
“As dúas granxas necesitaban de instalacións novas e, despois de barallar proxectos individualmente, optouse pola construción de algo en conxunto”, explicou nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro Sandra Mella, irmá de Daniel e responsable da recría na explotación. Na actualidade, o equipo de Fonteboa está formado polos cinco socios e un total de seis persoas contratadas, entre elas Sandra.
No 2011, ao rematar as obras do novo establo conxunto, comezan a traballar nunha nave con capacidade para 230 vacas, unha fosa de xurro cuberta de 2.500 m3 e unha sala de muxido traseira de 2×12 puntos, pola que pasaban naquel entón 115 vacas.
Na actualidade, o equipo de Fonteboa está formado por cinco socios e seis persoas contratadas
Pouco a pouco, o número de animais en produción foi medrando (no 2018 eran xa 240 as vacas en muxidura) e este aumento foi demandando sucesivas melloras e ampliacións: máis silos para forraxe, unha nova fosa de xurro de 8.500 m3, un almacén cuberto e compartimentado para concentrados e cereais, etc.
Tamén se realizaron obras de ampliación nese ano, o que aumentou a capacidade de gando en 100 cabezas, permitindo chegar ás 280 vacas en muxido. “Na actualidade contamos cun total de 661 cabezas de gando vacún, das cales 317 son vacas en lactación, 34 atópanse en período seco e o resto, 311, son xovencas. No ano 2024 o número de vacas vendidas para carne foi de 119 animais. Neste mesmo ano, naceron 192 xatas, polo que a taxa de reposición era dun 50%”, indica Sandra.
Melloras na recría
En 2020, motivados polo interese en mellorar a recría propia, comeza a toma de mostras para o estudo xenómico dos animais e ao longo do 2021 comezan a proxectarse as instalacións para albergar a recría, que rematan no 2022, compostas por unha nave de 90×36 metros, con capacidade para 260 animais.
“Ao longo destes dous anos e medio que levamos traballando con recría nestas instalacións, fomos cambiando as rutinas de manexo e os protocolos e, se fose hoxe, seguramente cambiariamos algunhas partes das instalacións. Se algo temos claro é que estamos constantemente aprendendo e abertos a mellorar”, asegura Sandra.
Levamos dous anos e medio traballando cos animais na nova nave de recría e fomos cambiando as rutinas e os protocolos de manexo por ensaio-erro
O próximo paso do camiño ao futuro de Finca Fonteboa é a construción dunha nova nave que permitirá aumentar o número de animais en produción, polo que nos vindeiros anos será necesaria tamén unha maior cantidade de recría, o que os obrigará a redistribuír o espazo na nave que a alberga actualmente. “Teremos que mover as secas a outro lugar, establecer lotes colectivos para os neonatos e duplicar ou triplicar o número de estacións da amamantadora. Son algunhas das cousas que temos en mente”, avanza Sandra.
“A nosa intención é seguir medrando”
Nos últimos anos, as actuacións levadas a cabo na explotación tiveron como obxectivo mellorar o confort dos animais e a toma de datos. En 2023 comezaron a traballar con colares de ruminación para detectar celos e enfermidades de xeito máis precoz e en 2024 instalaron un sistema de ventilación nas dúas naves (a de produción e a de recría).
Tamén se levaron a cabo melloras para aumentar o benestar do persoal, como foi a instalación duns vestiarios de máis de 100 m2, con cociña equipada ao completo, duchas e taquillas individuais. “Queremos incorporar máis persoal e implantar a xornada continua, porque queremos traballar tamén no benestar do persoal”, defende Sandra.
Queremos incorporar máis persoal e implantar a xornada continua, porque queremos traballar tamén no benestar do persoal
A construción da nave de recría no ano 2022 permitiulles tamén mover a ela as secas, que estaban na nave de produción, e aumentar así a capacidade da nave principal até as 340 vacas en lactación, aumentando tamén a sala de muxido en 8 puntos.
A día de hoxe, Finca Fonteboa moxe entre 315 e 320 vacas, pero a súa intención é seguir aumentando o número de animais. “O noso obxectivo de cara ao futuro é medrar, porque unha empresa só pode estar crecendo ou decrecendo”, argumenta Sandra.
A produción media do rabaño no ano 2024 foi de 12.132 litros por animal a 305 días, cunhas calidades medias de 3,90% de graxa e 3,52% de proteína, sendo a produción total da granxa de 4.697.263 litros anuais
A recría, a esquecida sempre
Trala constitución da SAT no 2009, co paso dos anos, ían aparecendo novas infraestruturas segundo demandaba o volume da granxa, pero sempre houbo un grupo de animais, as xatas, ao que se lle ía “buscando sitio” e aproveitaban as instalacións antigas, recoñece Sandra.
Durante os primeiros días de vida permanecían nuns compartimentos individuais de malla próximos á parideira, para pasar logo a boxes individuais nun lateral da nave principal no exterior, onde pasaban toda a lactancia expostas á humidade e ao frío.
Dúas veces ao día, logo do muxido, repartíaselles o leite en caldeiros. Para realizar un destete progresiva, cada box tiña unha cinta dunha cor segundo a cantidade de leite que lle correspondía, que se cambiaban todos os luns: seis, catro, dous litros e, finalmente, unha única toma ao día de dous litros.
Até o ano 2022 á recría sempre se lle foi buscando sitio nas instalacións antigas
Aos 90 días, pesábanse e pasaban a un lote provisional no almacén, onde permanecían tres semanas ata que se levaban ás antigas instalacións de Gandeiría Mella, a uns 7 km da granxa de produción actual. Alí dividíanse por idades (unhas nun establo, outras noutro) e para outras mesmo se cubriu ou se delimitou o espazo dos silos que non se estaba usando, a modo de cama quente. Alí, as máis pequenas continuaban co mesmo penso starter que viñan consumindo, ata que se facía o primeiro cambio de lote e pasaban a consumir veza ou alfalfa, acompañadas de concentrado a granel para xovencas.
O día que entraban novas becerras, normalmente un lote de 10 ou 12, tamén se aproveitaba para levar as máis vellas, que estaban próximas á inseminación, para outro dos establos antigos, neste caso o do outro socio, moito máis próximo á nave principal. Este dividíase (e divídese, porque aínda se segue a usar) nun lote de preñadas e outro de próximas ao parto.
Ao ter que estar movendo continuamente aos animais provocábaselles moito estrés e, ao convivir nos lotes xatas de idades diferentes, os empachos eran frecuentes
“O feito de mover os animais tantas veces, a readaptación a grupos novos e a instalacións que non estaban pensadas para o seu tamaño nun principio, provocaba un estrés nos animais moi notorio”, indica Sandra. Ademais, nalgún dos lotes convivían xatas con meses de diferenza entre elas, polo que era difícil adaptar as racións e os empachos eran frecuentes.
Ademais, ao atoparse a recría a varios quilómetros, as tarefas de alimentación, limpeza e control de saúde dos animais realizábanas unha ou, como moito, dúas persoas, e sen maquinaria, polo que se convertía nun traballo difícil e laborioso.
Paso a un novo establo de recría
Fai 4 anos optaron por centralizar a recría nunha nova nave a carón do establo de produción de leite. O deseño da nave é rectangular, cun corredor central que divide, a un lado, boxes individuais para neonatos (3 filas de 8 unidades), 4 lotes de cama quente con amamantadora e outros 7 de postdestete, con patio e limpeza; e, ao outro lado, un patio con dúas filas de camas centrais, que se divide en 3 lotes de xovencas, con capacidade para 90 animais entre 8 e 13 meses (que é cando se inseminan e pasan ao outro establo que está a 1 km), e un para secas, de ata 50 animais.
“Optamos por deseñar a nave seguindo un circuito evolutivo desde unha punta á outra do establo en función da idade dos animais. Deste xeito, as becerras van avanzando sempre en grupo dende que nacen ata que se inseminan, co que se minimizan os movementos e o estrés”, destaca Sandra.
O deseño da nave segue un circuito evolutivo por idades no que as becerras van avanzando en grupo, minimizando deste xeito os movementos e o estrés dos animais
Asegura que “foi difícil contar con referencias para o deseño da nave de recría” e que un dos erros que cometeron foi sobreestimar a capacidade dos lotes, xa que nun principio chegaban a albergar ata 25 xatas.
“Enseguida fomos conscientes do estrés que supoñía para os animais, ao igual que o feito de non realizar os movementos en grupos. Moitos dos protocolos que aplicamos hoxe son o resultado de erros que fomos cometendo nas distintas etapas da recría”, di.
Moitos dos protocolos que aplicamos hoxe son o resultado de erros que fomos cometendo nas distintas etapas da recría
“Tivemos problemas de adaptación ás novas instalacións o primeiro ano debido a varios factores. O período crítico foi o segundo semestre do ano 2022 por un problema técnico na amamantadora e porque os protocolos de entrada á amamantadora e de vacinación dos animais non eran os axeitados”, lembra.
Cambio nos protocolos de vacinación e manexo
Agora, ademais de vacinar cada ano en saba contra BVD, IBR e clostridium, as vacas son vacinadas fronte a rotacoronavirus 55 días antes do parto (no secado), ou 28 días antes no caso das xovencas, o que afecta positivamente á inmunidade das crías. As becerras tamén son vacinadas contra o virus respiratorio sincitial bovino e parainfluenza, a través de intranasal ao nacer e aos 25 días de vida, con revacina aos 28 días (o día 53 de vida).
“Isto foi algo que non sempre fixemos así, pero logo de probar diferentes protocolos de vacinación, de entrada aos lotes, de movementos de animais… estes son os que mellor nos resultaron. Apuntar todo o que facemos serviunos, por exemplo, para darnos conta que tiñamos problemas de rotocoronavirus nas fillas de novillas e variar a vacinación nestes casos porque non estaba a funcionar”, asegura Sandra.
Cada un dos protocolos que se realizan a diario están postos por escrito en zonas visibles para asegurarnos de que sempre se traballa do mesmo xeito
“Cada un dos protocolos que se realizan a diario están postos por escrito en zonas visibles para asegurarnos de que sempre se traballa do mesmo xeito. En canto se produce un parto, por exemplo, temos un protocolo establecido tanto para a vaca como para a becerra: vacinar, acrotalar, pesar, desinfectar ombligo e descorne con pasta xa ao nacer”, explica.
En canto ás tarefas do día a día, os traballos de limpeza e desinfección son os que máis tempo ocupan na nave da recría. Todos os días se lles dedica 1 hora pola mañá e 30 minutos pola tarde a limpar os bebedeiros e patios, revisar animais, e cambiar tetinas, que se desinfectan, igual que os cubos.
Empallamos dous días á semana e sácase completamente o esterco cada 15 días, mentres que as camas de area fanse diariamente e cada 15 días encámase
Todas as semanas son iguais na granxa, aínda que os días son diferentes entre si: na nave de recría os martes faise o control sanitario nas becerras e o control reprodutivo nas xatas xa inseminadas; os mércores ten lugar o movemento dos animais; os luns e xoves as entradas á amamantadora; os martes e venres límpase e desinféctase a fila de boxes que quedasen libres; os luns e venres toca estrar a cama quente e, cada 2 semanas, quitar o esterco por completo.
Enfermidades
“Unha vez á semana, dende hai xa dous anos, vén unha veterinaria á explotación para revisar todos os animais da amamantadora con ecógrafo e así detectar pneumonías de xeito precoz. Esta é a enfermidade con maior incidencia, pero son cadros moi leves xa que conseguimos controlalas mediante ecografía pulmonar cunha periodicidade semanal; seguido dalgunha diarrea, sobre todo nos becerros de ceba, onde as diferenzas de idade son maiores e xúntanse máis animais; algunha onfalite e algunha que outra otite”, detalla Sandra.
O principal problema no primeiro ano eran as diarreas, pero agora conseguimos desprazalas a un segundo plano
A taxa de mortalidade actual sitúase por debaixo do 5% (4,8% no 2025) pero cando fixeron o cambio ás novas instalacións no ano 2022 disparouse até un 9,35% debido aos problemas de instalación da amamantadora, que provocaba unha perda de temperatura da tetina, e aos desaxustes nos protocolos de vacinación e entrada á amamantadora.
“A maiores, estamos observando agora que esas becerras que non estaban ben nutridas están chegando agora ao primeiro parto con problemas de tetos cegos, porque se mamaban máis. As que naceron nese segundo semestre do 2022, que foi o momento crítico, chegaron a ter un 22% de tetos cegos. Na actualidade conseguimos controlar ese problema mediante unha temperatura e concentración adecuada na amamantadora e unha velocidade de succión en torno a 500 ml/minuto e a porcentaxe de tetos cegos baixou até un 7%”, detalla.
Rexistro e análise de datos
Levan conta de todos os gastos da granxa dividíndoos en distintas partidas (concentrado, encamado, reprodución, amortización de máquinas, de instalacións, veterinarios, salarios, etc), o que lles permite coñecer o custo por litro ou o custo total de recriar unha xovenca, por exemplo.“Deste xeito sabemos que no ano 2022 o custo era de 3,56 €/día, é dicir, 2.288 €/xovenca, mentres que en 2024 saen en 4,06 €/día, uns 2.594 €/xovenca”, detalla.
O custo da recría no 2024 foi de 4,06€/día, o que resulta en 2.594€ por xovenca
“A análise de datos é algo que temos moi presente desde hai anos nesta empresa, posto que a nosa filosofía é a de ensaio-erro e isto implica levar conta do maior número de datos posibles para que, ao incorporar algún cambio, poidamos comprobar se os resultados melloran ou non”, explica.
Cando nace a xata, mentres desconxela o calostro, que lle leva 20 minutos, apuntan os datos do nacemento e seguen facendo anotacións tanto durante as primeiras horas como durante o resto da lactancia. “Levamos rexistro de enfermidades e tratamentos, o que nos serve para non repetir medicamentos ou facer descarte de animais que levan moito tempo en tratamento; data de entrada á amamantadora, kg de leite que tomou até o destete, peso ao destete e ganancia media diaria, etc. Para nós é moi importante ter rexistro de todo, porque traballamos varias persoas e isto facilita o traballo en equipo e garante unha consistencia do traballo que se fai”, xustifica Sandra.
Encalostrado
Ademais de rexistrar datos de saúde e crecemento, apuntan cuestións como a calidade do encalostrado. “É moi importante para nós dar o calostro nas primeiras 6 horas de vida e que teña unha calidade de máis de 25 grados Brix”, insiste.
Cando unha vaca produce máis calostro do necesario, almacénano para casos nos que a nai non produce suficiente ou non é da calidade óptima. “Almacénase 4 días como máximo no frigorífico utilizando sorbato de potasio como conservante e logo pasa ao conxelador. Así sempre temos calostro dispoñible”, di.
É moi importante para nós dar o calostro nas primeiras 6 horas de vida e que teña unha calidade de máis de 25 grados Brix
Administran sempre dúas tomas de calostro mediante sonda para garantir unha inxesta mínima de 4 litros. Despois, recollen unha mostra de sangue entre as 24h-48 h de vida do animal para comprobar que o encalostrado foi adecuado. “A media é de 110 Brix. Isto é grazas a que analizamos todo o calostro e non administramos calostro de menos de 250 Brix”, reitera Sandra.
Leite de transición
Unha vez administrado o calostro, cada becerra permanece no seu box individual ata que toma outras cinco tomas máis de leite de vaca. “Antes dabamos só 4 tomas de leite de vaca e a entrada á amantadora tiña lugar de xeito individual no sétimo día de vida, ao mesmo tempo que se vacinaban. Agora adiantamos a entrada á amamantadora e a vacinación e ampliamos de 4 a 5 as tomas de leite de vaca e iso axudou a reducir as diarreas que nos aparecían aos 15 días”, conta.
Dámoslles o calostro, 5 tomas de leite de vaca e logo xa entran, con entre 3 e 5 días, con leite en po na amamantadora
Estas tomas de leite de transición adminístranse dúas veces ao día, ao final dos muxidos (ás 8:30 da mañá e ás 19:30 da tarde). Todos os luns e xoves, aqueles animais que teñen as cinco primeiras tomas completadas, pasan ao lote colectivo onde están as amamantadoras, (algúns con tres días, outros con cinco), e antes de entrar ao grupo son desparasitados.
Os animais cruzados están un mes na granxa
Os machos e femias mestizos (venderon 179 cruces cárnicos con angus no ano 2024) van para o lote 1, onde permanecen ata os 30 días aproximadamente que marchan para cebadeiros (cárganse unha vez á semana), e as femias frisoas para o lote 2. Aí permanecen uns 20 días e nunca se xuntan máis de 12 animais.
Cada 15 días móvense todos os animais da nave, en grupos pechados de 10 en 10 animais. “Nos dous seguintes lotes da amamantadora procuramos que nunca estean máis de 20 animais”, conta. “Para medrar necesitamos máis espazo para amamantadoras, porque aínda que nos din que veñen preparadas para 20 animais, funcionan moito mellor con 15 becerras que con 20”, asegura Sandra.
No primeiro lote da amamantadora facemos grupos de 12 animais e nos seguintes procuramos non pasar de 20
O consumo de leite é de máximo 9 litros ao día, a unha concentración de 150 g/l. “Ao longo destes anos probamos diferentes concentracións e cantidades, e esta é a combinación que mellor nos funciona. O leite máis concentrado provocaba malas dixestións e a absorción de nutientes non era boa”, explica.
Aínda que poden tomar ata 9 litros, a media diaria é de 7,5 litros, “xa que é importante que nunca acaben o crédito dispoñible antes de rematar o día, para non sufrir estrés. Cada becerra consome ao longo da etapa de lactancia (80 días) uns 80 kg de leite en po”, detalla.
A partir dos 800 gr/día non hai unha correlación entre ganancia media diaria e produción de leite na primeira lactación
“Esta etapa da amamantadora é na que máis notamos o cambio ás novas instalacións, que nos facilitan moito o traballo e permítennos unha limpeza e desinfección máis rápida e frecuente (empallado 2 días a semana e retirada total do esterco cada 15 días), co que os animais están sempre secos, non sofren estrés por cambio de instalacións e os crecementos ao destete son moito maiores”, di.
A ganancia media diaria é de 959 g/día, uns 30 g/día máis que antes de dispoñer da nova nave de recría. “O noso obxectivo non é aumentar moito máis a ganancia media diaria, xa que temos comprobado que partir de 800 g/día de GMD non hai unha correlación entre a ganancia de peso na lactancia e a produción de leite posterior na lactación, polo que o máis importante para nós é lograr o equilibrio no conxunto dos animais”, asegura.
Destete progresivo entre o día 50 e o 80
A partir dos 50 días iníciase o destete progresivo en grupo ata os 80 días. “Pasamos de becerras que notaban moito o cambio no destete a becerras que prácticamente non notan ningún tipo de estrés”, destaca.
A medida que lles baixan ao leite, van complementando a alimentación das xatas con penso starter (dispoñible dende o día que entran ao lote) e unha vez destetadas, ao pasar aos seguintes lotes, dispoñen de penso de recría (sen copos de millo) nos dous primeiros lotes.
Houbo unha época que tivemos que adiantar a idade de inseminación porque chegaban con moita graxa
Tiveron que facer tamén axustes na ración das xatas destetadas. “Estamos constantemente aprendendo dos erros e mellorando. Ao principio estábamos con ración de vacas de leite e foi algo que tivemos que cambiar porque houbo unha etapa que tivemos que adiantar a inseminación porque chegaban con moita graxa. Agora facemos unha ración igual á das novillas complementada con pensó de recría”, indica Sandra.
Os lotes de destete con cama quente son sete: os catro primeiros de 10 becerras (é dicir, cando se moven, móvense grupos enteiros) e os tres últimos son dobres, de 20 becerras. Despois da cama quente, pasarían a lotes con cama de area e patio: tres lotes de 30 animais, onde se controlan celos con colares de ruminación e actividade, e se inseminan. Unha vez preñadas, pasan ás instalacións antigas, a 1 km de distancia, con capacidade para 90 animais.
Idade ao primeiro parto de 21,4 meses, con 1,84 doses por xovenca
“A única maneira de medrar é facelo con cabeza e para iso hai que ter datos, porque o que non se mide non se pode mellorar”, defende Sandra. “Traballamos cunha media de 183 DEL, e 382 días entre partos, cunha media de 2 inseminacións por vaca, que no caso das xatas recriadas na explotación é de 1,84. Comezamos a inseminar aos 12 meses e a idade media de primeiro parto é de 21,4 meses”, indica.
As xatas que non foron inseminadas revísanse aos 390 días de vida e as que foron inseminadas aos 22 días trala inseminación. As revisións de preñez son semanais.
As becerras son o futuro da explotación e se fas as cousas ben, tes moito gañado
“As becerras son o futuro da explotación e se fas as cousas ben, tes moito gañado. Nós neste momento estamos pagando con picos de produción máis baixos eses problemas coa recría que tivemos fai tres anos. Tiñamos baixas ganancias medias diarias de peso nas primeiras etapas, eses problema de succións que provocan tetos cegos, e por enriba nesa época tivemos que adiantar a idade de inseminación polo grado de engraxamento nesas xatas que estaban mal nutridas. A todo isto sumouse a maiores o feito de que naquel momento priorizabamos touros equilibrados en vez de apostar desde o punto de vista xenético por sementais de moi alta produción”, conta.
126 hectáreas de superficie agraria
A superficie agraria total de Finca Fonteboa abarca 126 hectáreas de terreo (66 en propiedade e 60 en alugamento), nas que se cultivan unhas 100 ha de herba (cunha produción de 19.779 kg/ha), 89 ha de millo forraxeiro (cunha produción de 65.513 kg/ha) e 38 ha de gran húmido (cunha produción de 15.551 kg/ha). Aínda así, todos os anos compran 220 toneladas de gran de millo, que se procesa nos núcleos de concentrado, e unhas 880 toneladas de colza, que se almacena na granxa.
Malia que parte dos traballos agrícolas os realiza unha empresa de servizos, dispoñen de maquinaria para a realización de todas as tarefas agrícolas (a excepción do ensilado), así como a necesaria para o día a día na granxa.
Para estas últimas resultan moi útiles dúas telescópicas pequenas, que usan para o acondicionamento das camas de area e o arrimado de comida, así como unha de maior tamaño e un carro mesturador de 24 metros cúbicos de capacidade. “Na actualidade, estanse a elaborar tres racións diferentes, unha para vacas de leite, unha para vacas secas e outra para xovencas. Para cada unha delas emprégase un concentrado ou outro”, explica.
Galego









Control OJD