Nun país onde abunda o minifundio e escasea o relevo xeracional, xuntar 1.200 hectáreas de terreo nunha única peza é unha absoluta rareza. E que estean dirixidas por un mozo de tan só 22 anos, máis. Por iso esta explotación é un caso único en Galicia. Pero Finca Enxebreza, ubicada na parroquia de Vilapedre, en Vilalba, ten tamén outra peculiaridade: conta con gando de raza salers, moi pouco frecuente aínda na nosa comunidade.
“No meu caso eu fíxenme gandeiro porque quixen, foi por vocación. A miña familia, por parte do meu pai, non son agricultores, pero na casa sempre houbo algo de gando porque un tío da miña avoa tiña explotación. A min gustábanme moito os cabalos pero nunca pensei poder chegar a vivir disto”, asegura Xabier, que pasou de xinete de saltos en concursos de hípica a gandeiro na finca máis grande de Galicia. “Esta finca tivéraa alugada fai anos Coren e despois unha persoa de Xaén pero cando quedou libre, fai agora catro anos, decidinme a collela eu”, conta.
A finca pertence a un fondo de investimento que leva mercando terreos rústicos en Galicia desde 1981. Excluíndo algunhas CMVMC, trátase da maior extensión nunha soa peza de toda Galicia
A superficie que manexa este mozo esténdese desde a chaira de Vilapedre até o alto da Serra do Xistral e pertence a un fondo de investimento xestionado pola empresa Piccolo Rancho. Levan mercando fincas rústicas en Galicia desde o ano 1981 e son hoxe por hoxe dos maiores terratenentes da comunidade, aínda que logo non explotan directamente as propiedades que posúen, senón que as arrendan a persoas coma Xabier para que as traballen.
Con só 18 anos deixou a carreira para facerse gandeiro
En xaneiro do 2017, con 18 anos cumpridos só dous meses antes, este mozo de Goiriz deixou a carreira de Administración de Empresas e incorporouse á actividade agraria. “Empezara ADE en Lugo, pero non me gustaba, así que deixei a carreira e funme traballar a Alemaña de xinete, porque mentres estudaba ao mesmo tempo tamén competía en concursos de saltos de hípica que se celebraban por distintos lugares de España e de Europa e coincidira que nesa época me morrera o cabalo e aquí non tiña opción de competir”, explica.
Xabier, que competía en concursos hípicos de saltos por distintos lugares de España e Europa, marchou traballar como xinete a Alemaña mentras agardaba pola finca
Á volta de Alemaña, onde estivo durante medio ano, mentras non conseguía a finca de Vilapedre, Xabier apuntouse na EFA Fonteboa ao Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal para adquirir os coñecementos técnicos necesarios para facerse cargo dunha explotación como a que pretendía montar. “Máis aló da importancia da formación en sí, serviume para coñecer a moita xente e para facer moitos contactos con persoas todas vinculadas co agro”, valora.
“Os primeiros anos son moi complicados”
O primeiro obstáculo ao que Xabier se tivo que enfrontar para cumprir o seu soño de ser gandeiro foi ao de ir ao banco a pedir os cartos para arrincar de cero unha explotación. E máis do volume e as dimensións desta. Tiña que alugar a finca, pola que paga unha cantidade importante, mercar o gando e adquirir a maquinaria mínima imprescindible para facer o traballo.
Tivo que alugar a finca e mercar o gando e a maquinaria precisa para traballar
“Non foi doado, e menos tendo só 18 anos, pero co respaldo da familia puiden lograr o financiamento necesario”, conta. Ese endebedamento aínda se segue a notar, pero catro anos despois Xabier está contento coa decisión que tomou. “Os primeiros anos son moi complicados porque hai moitos gastos”, evidencia.
Unha gandería con máis de 500 cabezas
Cando Xabier se fixo cargo da finca, xa había gando nela, pero el preferiu quedarse só co terreo e cos cabalos. “Aquí había vacas cruzadas e cabalos, pero eu cando aluguei a finca merquei só os cabalos e despois fun metendo o resto do gando”, conta Xabier. No primeiro ano, o 2017, tivo só cabalos, unha manda dunhas 230 cabezas, a maioría pura raza galega, pero ao seguinte ano, no 2018, completou xa a cabana con vacas.
Xabier ten 150 vacas de raza salers, 130 cachenas e máis de 200 bestas
A explotación está hoxe dividida en dúas partes: na zona baixa, onde conta con prados divididos en parcelas, hai gando de raza salers que trouxo de Francia, e na parte alta, unha zona maioritariamente de monte, conviven as eguas con vacas de raza cachena. En total supera as 500 cabezas de gando. “Non pensaba tampouco chegar a isto, pero unha cousa leva á outra”, di.
Salers, unha raza cárnica e leiteira de orixe francés
Nos pastizais máis baixos, unhas 200 hectáreas de terreo situados a unha altitude duns 480 metros, Xabier introduciu vacas salers, unha raza de orixe francés aínda pouco frecuente en Galicia. “Cando fixen o estudo das distintas razas era a que máis se adaptaba ao que eu quería, tendo en conta o meu sistema en extensivo e esta cantidade de animais, para evitar problemas, porque sabía que o manexo o ía ter que facer eu só e estas vacas son moi dóciles e paren soas. Tamén son moi fértiles, moi duras para o inverno e cun bo rendemento cárnico. Foi a raza máis completa que atopei”, asegura.
Foi a raza máis completa que atopei para o meu sistema de manexo en extensivo con esta cantidade de animais
A salers é unha raza de gando orixinaria do Cantal, no macizo central de Francia. Son animais rústicos e robustos de gran tamaño pero, ao mesmo tempo, as vacas de raza salers destacan pola súa nobreza e docilidade, ademais de pola súa facilidade de parto e a súa produción de leite, polo que está considerada unha das mellores vacas nodrizas, capaz de destetar os xatos cun peso elevado sen alimentación complementaria grazas á cantidade e calidade do seu leite, cun gran contido en proteína. De feito, en Francia séguense empregando animais salers para a produción de leite e mesmo existe unha Denominación de Orixe específica de queixo que emprega gando desta raza, a DOP Traditiion Salers.
Cruzamentos con charolés para incrementar o rendemento cárnico
Esta raza está presente hoxe en grandes rexións con gandería extensiva do mundo, como Norteamérica, Australia ou Europa do leste, pero é aínda pouco frecuente en Galicia. “Eu funas ver a unha gandería de Samos que tamén as ten”, explica Xabier. A súa boa fertilidade asegura unha cría cada ano e a facilidade de parto permite non estar pendente dos nacementos, xa que se trata de vacas autónomas que paren soas.
A raza salers conta cunha capa grosa e pelo mesto, polo que soporta ben grandes variacións de temperatura
Até agora, ao haber moitas xovencas entre o rabaño, Finca Enxebreza empregaba tamén touros salers, xa que é recomendable que o primeiro parto das xatas desta raza sexa en pureza, pero a partir dese primeiro parto xa comezaron a cruzalas con charolés, buscando deste xeito un maior rendemento cárnico. “Estas vacas non son culonas, por iso lles meto un touro charolés, para que lles aporte o que lles falta a elas”, razoa.
Calquera das razas que teño paren sen ningún tipo de axuda, tanto as cachenas como as salers
Comparativamente con outras razas, nos becerros salers puros o rendemento é algo menor ca nos limusín, pero nos cruzados con charolés lógrase superar o rendemento do limusín, asegura. Para facer os cruzamentos Xabier ten neste momento 5 touros charoleses dentro do rabaño, mesturados coas nais e as súas crías. O gando está todo nun único lote e non fai agrupación de partos, polo que o manexo limítase á alimentación. “Calquera das razas que teño paren sen ningún tipo de axuda, tanto as cachenas como as salers, polo que unicamente hai que encargarse todos os días da alimentación”, explica.
Alimentación e supervisión dos peches
As 200 hectáreas de pastizais que ocupa o gando salers están divididas en parcelas de entre 10 e 25 hectáreas e cando se vai esgotando o pasto nunha o rabaño ao completo vai cambiando á seguinte, rotando dese xeito nas fincas. “Son animais que aproveitan moi ben o pasto”, asegura. Na primavera, cando o gando non é capaz de pacelo todo, fan rolos de silo cos que suplementan a alimentación durante os meses do inverno ou nas épocas nas que escasea a cantidade de herba para paceren.
O gando está nun único lote e vai rotando por parcelas de distinto tamaño, de entre 10 e 25 hectáreas
Ademais de pagar o aluguer das 1.200 hectáreas e facer fronte ao gasto de adquisición do gando, Xabier mercou tamén a maquinaria imprescindible para os distintos traballos. “Teño un tractor, unha desbrozadora de martelos e outra de cadeas, un camión de transporte para o gando, un todoterreo e un cuad para ir velo aos prados e unha pala para clavar as estacas”, enumera.
Xabier encárgase de manexar o gando el só, aínda que coa maquinaria ou traballos nos que se require máis dunha persoa bótalle unha man o seu tío Miguel
Aínda que o perímetro da finca estaba xa pechado, igual que as divisións interiores, a supervisión dos peches e o desbroce son dúas das labores que máis traballo lles dá. “Houbo que ir repasando e amañando moito o peche”, explica. Trátase dun peche de malla sen electrificar (“sería legal e economicamente imposible facelo doutro xeito”, aclara Xabier). Os postes para suxeitar a malla son de madeira e a pala que teñen para clavar as estacas é de cadeas, porque hai zonas no monte que teñen pendentes pronunciadas.
Ternera Gallega non permite marcar o gando salers dentro da IXP
Xabier vende os seus becerros de raza salers cando teñen 4 ou 5 meses. “Véndoos como pasteiros para cebadeiros de fóra de Galicia, porque Ternera Gallega non ten catalogada esta raza na IXP”, lamenta. “Se os marcara Ternera Gallega cebaríaos eu mesmo, porque os tería coas nais até os 7 meses e faríaos de Suprema, pero así non porque non hai comercialización para eles dentro de Galicia”, engade.
Se os marcara Ternera Gallega cebaríaos eu como Suprema, pero así non porque non hai comercialización para eles dentro de Galicia
É unha carne de moi boa calidade, di, cun nivel de infiltración de graxa semellante ao da cachena, pero en animais de moito maior peso, e considera que a pouca valoración actual no mercado galego desta raza está motivada polo descoñecemento. “En Francia, onde teñen moitas razas, hai moito gando deste, pero por aquí non. Pasa un pouco como cando veu a raza limusin ou a blonde”, razoa.
É unha carne de gran calidade cun nivel de infiltración de graxa semellante ao da cachena
Aínda sen o valor engadido que suporía cebar os seus propios becerros, Xabier logra obter un bo rendemento económico aos seus xatos polo prezo que alcanzan. “As vacas normalmente canto máis cárnicas, peor son para o tema do leite, pero estas dan moito, así que os becerros cando os mando teñen un tamaño e un peso moi bo, non son coma un blonde pero case”, di.
Cachenas e cabalos na parte alta
A finca, que arrinca na parte baixa da parroquia de Vilapedre, esténdese até o alto da serra, en pleno Xistral, cunha zona de monte que está, na súa parte máis alta, a máis de 1.100 metros de altitude. Esta zona está formada por outras 200 hectáreas de pastizais de montaña, onde Xabier ten un rabaño de 130 vacas cachenas, e unhas 800 hectáreas de monte, nas que están os cabalos.
O vindeiro ano Xabier ten pensado iniciar o proceso de conversión a ecolóxico para estas 1.000 hectáreas
A zona está atravesada por numerosos regatos, polo que tanto estas parcelas onde están as cachenas e os cabalos, como as da parte da chaira onde se atopan as vacas salers, contan con auga corrente de mananciais para beberen os animais. O ano que vén Xabier ten pensado iniciar o proceso de conversión a ecolóxico nestas 1.000 hectáreas, de maneira que a produción tanto de poldro como de becerros de raza cachena poida estar certificada polo Craega, unha opción que descarta, sen embargo, para as 200 hectáreas que pastorea o gando salers, tanto polo sistema de abonado que utiliza en estas fincas, como porque ao non cebar el os xatos non obtería rendemento á certificación.
Os becerros de raza cachena véndeos a particulares e os poldros a unha sala de despece de Asturias
Ao contrario do que fai cos xatos salers, no caso dos becerros de raza cachena, Xabier véndeos xa directamente a clientes finais. “Sacrifico con 7 ou 8 meses, cunha media de 100 ou 110 quilos canal, polo que é unha carne moi tenra porque os becerros están até ese momento mamando nas nais. Vendo sobre todo a particulares. Eu o que fago é poñerlles o animal no matadeiro e eles pagan ao matadoiro o custo do sacrificio e o despece e xa recollen despois alí a carne”, explica. En canto aos poldros, lévaos a unha sala de despece de Asturias que traballa con carne de cabalo.
A incertidume da futura PAC
A crise provocada pola covid-19 afectou de cheo ao sector do vacún de carne e aínda que Finca Enxebreza non vende á hostalaría, acabou notando tamén as consecuencias. “O prezo da carne está máis baixo en xeral e aínda que eu non o noto directamente porque non cebo os xatos, si que o acabo notando indirectamente. E no caso da cachena, baixou tamén a demanda de particulares, porque a xente non ten cartos e compra outra carne máis barata, de pito ou de porco, antes que de tenreira”, argumenta Xabier.
Se o prezo da carne non sobe, di, “teñen que seguir incentivándonos con subvencións porque senón moitas explotacións non serían rendibles”, afirma. Pero a incertidume da vindeira PAC é outra das incógnitas ás que se enfrontan nestes momentos os gandeiros de vacún de carne. “Para min sería positivo que eliminaran o dereito das persoas xubiladas a cobrar a PAC e tamén que se primara máis o modelo extensivo, pero non sei o que pasará, porque por exemplo os pagos por dereitos xa os baixaron e eu comprei moitos, porque a unha persoa que se incorpora non lle dan dereitos para tanto terreo e tiven que comprar”, explica.
“Coa prohibición de cazar o lobo ao mellor salvamos unha especie, pero igual perdemos moitas outras”
Xabier é neste momento o maior produtor de cabalo de pura raza galega e tamén o gandeiro máis novo dentro de Puraga, a asociación que engloga aos produtores de cabalo galego. Conta cunhas 120 eguas desta raza que outrora poboaba boa parte dos montes e serras de Galicia pero que viu nos últimos anos como a súa cabana ía minguando a medida que os ataques do lobo se ían multiplicando. “Baixou moito o censo e aínda vai baixar máis como isto siga así”, prognostica.
Este mozo escribía hai uns días no seu facebook unha reflexión sobre o lobo que se converteu en viral. Nela comezaba contando a súa historia e, tras relatar os problemas que lle causan os ataques do lobo na súa manda de cabalos, pedía á Administración medidas efectivas para facer compatible a pervivencia do lobo e a dos gandeiros porque, argumenta, “o culpable non é o lobo nin os ecoloxistas”.
O monte de Vilapedre pertence xa á Serra do Xistral e os ataques son continuos porque é unha zona na que hai moito lobo e como cada vez somos menos gandeiros, os que quedamos sufrímolo máis
Para tratar de defender o seu rabaño dos continuos ataques do lobo que se producen nesta zona Xabier ten mastíns co gando, en concreto tres nas pradeiras da parte baixa coas vacas salers e cinco coas cachenas nos pastos da zona máis alta. Pero esta solución, que mitiga os danos, non serve para os cabalos. “Están tan asustados que ata lles escapan aos cans do medo que teñen, cando ven un can fuxen coma se viran o lobo”, conta.
Os danos polos ataques son moi cuantiosos, tanto a nivel produtivo como do freo que supón ao medre da explotación. “Eu tan só estou sacando o 30% da produción de poldros e a manda de bestas non aumenta porque a recría mátaa o lobo. Cada vez quedamos menos gandeiros e a poboación de lobo aumenta. Se nada cambia, os poucos gandeiros novos que quedamos imos ter que pechar as explotacións, porque o banco non perdoa unha letra do crédito. Todo cansa, e só con ilusión non podes facer viable un proxecto”, di.
Tan só estou sacando o 30% da produción de poldros e a manda de eguas non aumenta porque a recría mátaa o lobo
Pero máis alá das perdas económicas, o que máis lle doe a Xabier é a impotencia que sente ao ver os seus animais atacados polo lobo. “É desesperante chegar onda as túas bestas e velas asustadas, vivir coa impotencia de ver como desaparecen os poldros, coa incerteza de non saber cantos faltarán mañá e coa frustración de saber que moitos dos que viche hoxe non chegarán ao inverno. A min váiseme a alma aos pés. Como a moitos compañeiros que ven o mesmo cada día con cuxos, vacas, ovellas ou años”, conta.
Control das mandas, unha posible solución
Xabier avoga por facer compatible a presenza no territorio da fauna salvaxe coa do gando e a actividade agrogandeira e, para iso, reclama medidas para facer efectivo o control das distintas especies, como o lobo ou o xabarín. “Xabarín tamén hai bastante por aquí, pero ao non botar millo e ser tanta extensión de prados, non o notas tanto. O noso principal problema é o lobo”, conta.
Non se trata de erradicar o lobo, un animal marabilloso do que só en Galicia hai hoxe catro veces máis exemplares que en toda Francia, pero tampouco se pode deixar desprotexidos aos gandeiros ata afogalos
“Non sei cal é a solución, pero penso que sería bo controlar a poboación de lobos, cun censo mínimo, o que teña que ser, iso podería axudar. Non se trata de erradicar o lobo, un animal marabilloso do que só en Galicia hai hoxe catro veces máis exemplares que en toda Francia, pero tampouco se pode deixar desprotexidos aos gandeiros ata afogalos”, argumenta. “Lobos ten que habelos pero non telos por gusto. Se os mantiveran eles, os que dictan as leis, non terían tantos, pero como os mantemos nós, os gandeiros, prohiben cazalos, así calquera”, enfatiza.
No medio da finca hai un núcleo de casas e unha fraga, é un sitio ideal para ter un rabaño de 500 cabras sen traballo ningún pero non as teño polo lobo
Por iso, non está de acordo coa decisión de prohibir a caza do lobo ao norte do río Douro, aprobada recentemente polo Goberno estatal. “Ao mellor salvamos unha especie, que é o lobo, pero igual perdemos moitas outras: cabalos, ovellas, cabras… Nestes montes, ademais de cabalos, antes había tamén moitas cabras e no medio da finca hai un núcleo de casas e unha fraga, é un sitio ideal para ter un rabaño de 500 cabras sen traballo ningún pero non as teño polo lobo”, asegura.
As axudas non solucionan o problema
Xabier considera que as axudas establecidas pola Administración para paliar os danos aos gandeiros dos ataques do lobo non son a solución. “A metade dos danos non os cobras porque non atopas os poldros mortos, tes que demostrar que foi o lobo e logo esperar dous anos para cobrar. Así que se atopas un óso ou unha pel xa non chamas para dar parte, porque sabes que non cho van aceptar como proba do ataque e xa nin te molestas en ter que atender aos da Xunta o día que veñen e poñerte a cubrir os papeis”, di.
Moitas veces se atopas un óso ou unha pel xa non chamas porque sabes que non cho van aceptar como proba do ataque, así que non te molestas en ter que atender aos da Xunta e poñerte a cubrir os papeis
Para solventar este feito, que dificulta o cobro das indemnizacións nestes casos, este gandeiro propón á Xunta que, no caso dos ataques a cabalos, se faga unha estimación dos danos en función do número de cabezas reprodutoras que teña cada gandeiro. “Como na maioría dos casos os ataques a poldos prodúcense en grandes extensións de monte, resulta moi difícil encontrar o cadáver e moitas veces cando das con el xa case no quedan restos. Pero este problema resolveríase se se fixese un cálculo aproximado dos animais devorados cada ano. É dicir, se un gandeiro ten 100 bestas e calculamos que o 80% chegan a parir cada ano, se ao final da temporada só sobreviven 30 poldros, está claro que os 50 poldros restantes foron comidos polo lobo no monte, aínda que non sexas capaz de atopar os seus corpos”, razoa.
Pero aínda que con estes cambios nos criterios de asignación as axudas resultasen efectivas e cubriran realmente os danos, pensa que non resolverían o problema de fondo. “A realidade é que cada vez hai máis lobos e menos gandeiros e por moito que nos pagasen non estariamos facendo nada, porque o único que estariamos facendo sería retrasando a solución e aumentando o problema, porque o número de lobos seguiría aumentando e os ataques tamén”, considera.
Non ao enfrontamento entre ecoloxistas e gandeiros
Este mozo gandeiro considérase un defensor dos animais e, polo tanto, tamén do lobo. “Quero aclarar que estou dacordo coa xente que defende ao lobo porque non vexo isto como unha cuestión de bandos. Como amante dos animais que son, que me levanto cada día polo seu benestar, non vou deixar que me coloquen enfronte de ecoloxistas e animalistas. Eu entendo que o lobo non é o culpable, tense que alimentar e loitar pola súa supervivencia. O culpable non é o lobo nin os ecoloxistas. Para min, os que erran son os xestores da Administración que elaboran e aplican leis sen saír dos seus despachos”, di.
O culpable non é o lobo, os que erran son os xestores da Administración que deixan aos gandeiros desprotexidos
Por iso, pídelles aos que elaboran esas leis “que poñan unhas botas e veñan ao campo a ver cos seus ollos cal é a realidade”, solicita. “Só lle pido á Administración un pouco de empatía e de consideración cos produtores, que o único que queremos é poder traballar”, conclúe.