Finca de 90 hectáreas busca granxeiro en ecolóxico

O propietario dunha antiga granxa de Trazo quere reactivar a explotación cun proxecto de vacún de leite, para o que busca socios ou arrendatarios

Finca de 90 hectáreas busca granxeiro en ecolóxico

Vista xeral de Finca Vilamide, en Trazo.

Finca Vilamide é unha antiga granxa de Vilouchada (Trazo, A Coruña) que conta cunha superficie de 90 hectáreas agrupadas, só divididas en cruz por dúas estradas locais. A explotación é propiedade desde 1984 de Constantino Diéguez, natural de Rodeiro (Pontevedra), que optou por instalarse en Trazo a súa volta de Venezuela, onde estivera emigrado. Diéguez xestionou durante 20 anos a Finca, primeiro con ovellas e despois con vacas de carne, ata que se xubilou no ano 2003. Agora quere reactivar a explotación agraria, para o que busca socios ou arrendatarios.

A explotación leva anos inactiva, pois desde que pechou no 2003, só acolleu unha breve estancia de 3 anos dun gandeiro de vacún de carne ó que Constantino lle deixou as instalacións. “Chegou con 4 vacas e foise con máis de 80”, lembra o propietario da granxa. que incide en que pese á inactividade, toda a Finca permanece en perfecto estado. Constantino contrata a sega e desbroce de tódolos pastos tanto na primavera coma no outono, “o que lle aporta materia orgánica e sementes ó solo”, explica.

Constantino Diéguez, nunha das parcelas da súa Finca.

Constantino Diéguez, nunha das parcelas da súa Finca.

As alambradas perimetrais tamén están preparadas, co cal só quedaría acondicionar a corte e a sala de muxido. “Os pastos están listos para que entren xa os animais” -subliña Constantino-. “Son pastos permanentes, que non se roturan desde o ano 1988. É un manexo pouco habitual nesta zona, pero o resultado pódese ver. Os pastos permanentes son o mellor para a terra” -defende-. “Teño pradeiras con especies como dactilo, raigrás inglés, falsa avea e trevo, aínda que o trevo foi desaparecendo pola falta de pastoreo, pero é recuperable”, valora.

A aposta polos pastos permanentes é un sistema que non está exento de complicacións, como o da alta poboación de topillos que teñen os prados nestes momentos, aínda que o control da praga xa está en marcha. Estes días non é extraño ver de forma simultánea ata unha ducia de miñatos e lagarteiros sobre a herba e nos postes que rodean os pastos.

Pastos permanentes da explotación.

Pastos permanentes da explotación, recén rozados.

Manexo en ecolóxico
Cando Constantino xestionaba a Finca, facíase xa daquela un manexo en ecolóxico, sen uso de fitosanitarios nin abonos químicos, se ben a explotación nunca chegou a estar certificada co selo de agricultura ecolóxica. De cara á nova etapa, o propietario ten claro que quere manter ese manexo. “A miña idea é poñer en marcha a Finca cunha explotación de vacún de leite en ecolóxico, con animais en pastoreo”, destaca.

Ao longo dos últimos anos, o propietario da Finca tivo propostas de todo tipo, desde urbanísticas a iniciativas con cabalos, bois, vacas de carne ou arandos, entre outras, pero el considera que hoxe en día a explotación máis axeitada para a Finca é unha gandería de vacún de leite, para o que busca un socio ou arrendatario. “Para vacún de carne teño claro que non a arrendo porque coñezo os números e sei que non dá”, explica.

Percorrido da granxa
A Finca xa tivera vacas de leite nos seus inicios, ata o punto de que nos anos 70 acolleu a segunda sala de muxido rotativa de España. Cando Constantino se fixo cargo da explotación, probou unha experiencia inicial con ovellas, “que non vin rendible”, e despois de tres anos decidiuse por montar unha gandería de vacún de carne que chegou a ter 300 cabezas.

Eran animais cruzados, habituados ó monte, e o gandeiro optou xa daquela por telos de xeito permanente nos pastos, tanto ás vacas coma ós cuxos, que só pasaban á corte a partir dos 7 meses para o cebo. “Agora xa hai máis gandeiros que traballan así, pero daquela a xente vía que mantiña ós cuxos fóra e dicían que estaba tolo. Aos animais o frío non lles fai nada” -sostén-. “É peor o calor, porque pode provocar insolacións, ou os temporais, se os animais non teñen abrigo”, conclúe.

Vista xeral da Finca, coa nave principal á dereita.

Panorámica xeral da Finca, coa nave principal á dereita.

Constantino comezou a traballar como gandeiro sen unha experiencia previa de carácter profesional. Coñecía o que aprendera de novo en Rodeiro, na explotación familiar de subsistencia, antes de marchar a Venezuela emigrado, onde permaneceu dúas décadas traballando no sector editorial. Daquela experiencia en Venezuela, quedoulle o gusto pola lectura de libros técnicos sobre o agro, uns coñecementos que completou na práctica co día a día da Finca. Ou como el di, “aprendín a base de perder cartos”, lembra.

Así, por exemplo, os primeiros anos da granxa de vacún, Constantino mantiña parte dos becerros en cebo nunha zona de emparrillado que tiña na corte, pero axiña se deu de conta de que os becerros que estaban en cama de palla gañaban máis peso que os outros, polo que optou por eliminar todo o emparrillado da nave e deixar sen uso a foxa de purín.

Vista parcial do interior da nave.

Interior da corte.

De cara á nova etapa que proxecta na granxa, o propietario quere manter parte dos manexos que viña facendo na Finca. “A persoa que veña terá que adaptarse a unhas normas” -recoñece-. “Por exemplo, teño claro que aquí precisamos animais de pouco peso e cun manexo en pastoreo, acoutando as parcelas con pastor eléctrico e mantendo os pastos permanentes”, detalla. “Penso que é unha boa oportunidade para emprender nun proxecto con perspectivas de estabilidade para o futuro. Necesítase só traballar ben e ter tamén unha certa capacidade de relacionarse ben coas persoas”, conclúe.

As persoas interesadas en contactar con Constantino poden facelo no whatsapp 646 28 28 66.

Vista da Finca, cunha edificación auxiliar ó fondo.

Vista da Finca, cunha edificación auxiliar ó fondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información