Finca Bizcarra, a aposta pola agricultura de precisión

Esta explotación familiar de Aragón acaba de recibir o premio Excelencia Fima 2020 da Feira de Zaragoza ao utilizar sistemas de análises cos que optimizar os cultivos. Co seu propietario, José Ramón Acín, coñecemos como traballan e a redución de consumo de fertilizantes e auga que lograron

Finca Bizcarra, a aposta pola agricultura de precisión

José Ramón Acín (segundo pola dereita) xunto o equipo de profesionais que traballa en Finca Bizcarra.

Finca Bizcarra é unha explotación familiar de Selgua, municipio de Monzón, en Aragón, que leva anos apostando polas novas tecnoloxías e a optimización dos cultivos mediante a análise das parcelas e a planificación. Acaba de recibir o Premio Excelencia Fima 2020 da Feira de Zaragoza, que se celebra do 25 ao 29 de febreiro. A súa aposta pola coñecida como agricultura de precisión valeulle o recoñecemento.

Aínda que hai tempo tiveron tamén gando, agora están especializados en cultivos agrícolas en extensivo. Ademais, contan cun secadeiro, sobre todo destinado para o millo, unha das principais colleitas que producen, e un almacén de cereal.

“Levar unha boa xestión da distribución do traballo no tempo foi unha parte fundamental do éxito da finca”

Unha das claves do éxito da finca é a planificación dos cultivos que realizan. Para iso botan man dunha importante recompilación e análise de datos que lles achega información útil para optimizar a produción. Comezaron mellorando e adaptando o sistema de rega e foron aplicando as melloras a outros ámbitos da produción.

Nos últimos 3 anos a súa xestión eficiente permitiulles diminuír o uso de fertilizantes nun 6,2%. Tamén lograron un aforro de auga do 15% con respecto ao gasto que tiñan en 2016.

“Levar unha boa xestión da distribución do traballo no tempo foi unha parte fundamental do éxito da finca”, apunta José Ramón Acín Aznar, agricultor, agrónomo e propietario de Finca Bizcarra.

Planificar a colleita

Dispoñen dunhas 300 hectáreas en regadío, a maioría en propiedade. Nelas distribúen distintos cultivos destinados tanto para a alimentación humana como animal.

O millo é un dos cultivos no que están envorcados. De feito, contan con parcelas nas que realizan unha sementeira xa no mes de abril pero tamén combinan o cultivo do millo con outras producións como a cebada para maltería, destinada á elaboración de cervexa, ou a produción de chícharo de túnel de conxelación, para alimentación humana.

“Traballamos cunha estrutura moi planificada, de maneira que temos decidido o que plantaremos este ano e o próximo”

“Temos leiras nas que primeiro plantamos cebada e despois conseguimos importantes producións de millo. Noutras sementamos xa en xaneiro chícharo que recolleremos en maio para logo tamén plantar millo”, explica José Ramón.

Cosecha-de-grano-maiz-Finca-Bizcarra-

O millo é un dos principais cultivos de Finca Bizcarra e en varias parcelas combinan os seus ciclos con outros cereais ou legumes.

Ademais, cultivan alfalfa, raigrás ou xirasol, os dous últimos destinados principalmente á multiplicación e a obtención de sementes de alta calidade. “Traballamos cunha estrutura moi planificada, tanto é así que xa temos decidido o que plantaremos non só este ano senón o que vén”, indica o produtor.

A meteoroloxía é un factor que pode modificar, en boa medida, as previsións iniciais e que teñen moi en conta. “Esta campaña, como decembro e xaneiro foron moi húmidos, houbo parcelas nas que tivemos que prescindir de colleitas de cebada ás que logo seguiría millo, tal e como planearamos”, apunta o agricultor.

As xeadas e as baixas temperaturas habituais na zona son un condicionante para os cultivos. “Probamos a cultivar xa case de todo. Tivemos cebolas, pementos, espinacas ou coliflores, pero o clima extremo que temos dificúltanos conseguir unha colleita en tempo, para que sexan competitivas coas que se producen noutras zonas cunhas condicións máis favorable”, recoñece José Ramón.

Para lograr resultados óptimos, una das claves que José Ramón reivindica é a planificación dos cultivos en base á información que lles proporciona a terra. “Se temos que facer analíticas iso non se pode facer de hoxe para mañá, necesitamos seleccionar moi ben a información e ter unha planificación axustada”, concreta o agrónomo.

Riego-de-cebada-para-pienso-en-Finca-Bizcarra--Aragon-FIMA-2020-

Rego, en días pasados, dunha parcela sementada con cebada para a elaboración de penso.

A rega, o primeiro paso para descubrir novas ferramentas

Hoxe en día, na xestión dos cultivos de Finca Bizcarra son fundamentais ferramentas que lles proporcionen datos sobre o estado da terra, as colleitas, a fertilización ou a rega. Os seus primeiros pasos nesta forma de entender a agricultura foron en 2007 cando se modernizou a comunidade de regadores á que pertencen. Entón abordaron a modernización dos sistemas de rega que instalara o seu pai en 1974, que entón eran moi novos pero que se quedaron obsoletos.

A modernización do sistema de rega foi a primeira vez que optaron por utilizar ferramentas de recompilación de datos

“Naquel momento vimos que as instalacións estaban tecnicamente obsoletas e analizamos a súa eficiencia nos cultivos. Moitos poden pensar que é máis barato deixar a instalación antiga pero nós optamos por mellorala”, comenta. Para a mellora da instalación empregaron xa técnicas de teledetección cunha avioneta que supuxo un importante investimento económico. “Naquel momento foi tremendamente caro, pero ao mesmo tempo resultou unha decisión estratéxica importante que nos descubriu o potencial que tiñan estas ferramentas”, lembra o agricultor.

Agricultura de precisión

Entre as ferramentas que forman parte do día a día da finca atópase o mapeo de solo. Trátase dunha análise das características dos solo que lles ofrece información clave sobre as actuacións que deben realizar, en canto a fertilización ou aportes para cubrir as necesidades do solo. “Os mapas do solo son a nosa base para planificar as colleitas”, comenta José Ramón.

Planificacion-Finca-Bizcarra-

José Ramón analiza algúns dos datos recompilados nas súas parcelas.

Comezaron a empregar esta tecnoloxía hai 4 anos, de man da firma estremeña Greenfield-Agrodrone, nuns campos de ensaio de millo. “Empezamos a afondar e vimos o que estas ferramentas podían aportarnos ao resto de cultivos” indica. Os mapas de solos permítenlles recompilar datos do estado do solo diferenciando por áreas en cada parcela, de maneira que toman decisións en base a eles na aplicación de fertilizantes e mesmo doses de sementes.

“Os mapas do solo son a nosa base para planificar as colleitas”

A teledetección é outra das ferramentas empregadas polo produtor tanto para a xestión dos abonados como para comprobar a eficacia da rega. “Esta técnica permítenos comprobar como se está regando”, apunta.

Tan importante como a recompilación de datos previos á colleita é a análise dos resultados, para iso empregan os chamados mapas de colleita. “Permítenche ver se o que aplicaches funcionou como esperabas e así poder obter patróns de actuación. Apréndese moito ao analizar aquilo que non funcionou”, recoñece o agricultor.

Prácticas máis sustentables e constantes

Estas ferramentas posibilítanlles controlar insumos, producións e facer unha agricultura máis controlada. “Estas ferramentas permítennos tomar decisións apoiadas en datos, xa que ás veces no campo fanse as cousas por inercia”, indica. Así, puideron axustar as cantidades e conseguir unha produción máis sustentable e estable.

“Estas ferramentas permítennos tomar decisións apoiadas en datos, xa que ás veces no campo fanse as cousas por inercia”

En 2004 comezaron a analizar os seus solos para coñecer o estado das leiras. “Vimos que había parcelas que estaban saturadas de fertilizantes e outras tremendamente baixas e empezamos a tomar medidas respecto diso para compensalo”, indica. Nalgúns casos optaron por ampliar ou reducir o aporte de fertilizantes ou mesmo incrementar a materia orgánica para ter terras máis fértiles. “Trátase de ir tomando decisións orientadas, para non facer as cousas a cegas”, comenta.

Dispor desta información tamén lles permite ter unhas producións máis constantes e regulares. En millo de cedo adoitan alcanzar un rendemento de entre 15 e 16 toneladas por hectárea. Mentres, no millo rastroxeiro sitúanse nas 12 toneladas por hectárea. No caso da cebada a produción media adoita estar nos 7.500 ou 8.000 quilos por hectárea. “Este ano a colleita de millo foi máis baixa pola gran incidencia da araña vermella que tivemos, con todo a de cebada foi excepcional”, explica o cerealista.

finca-Bizcarra-

Contar cun análise dos solos permitíulles axustar a cantidade de fertilizantes que empregan.

José Ramón apunta que estas técnicas requiren un esforzo continuado. Aínda que non é necesario actualizar todos os datos cada campaña, si deben seguir incluíndo esta información periodicamente. “Non podes facelo puntualmente e parar, isto é un traballo continuo. Aínda que a fertilidade dunha parcela non cambie moito nunha campaña, haberá leiras nas que si haxa importantes cambios, sobre todo aquelas nas que se fan dobres cultivos”, concreta.

“Máis aló de conseguir un mero aforro nos gastos, ao ter planificada a produción tamén poderás estimar mellor os teus custos”, concreta. O agricultor apunta que con estas ferramentas están a empregar menor cantidade de unidades fertilizantes pero con maior acerto. “Esta redución é moi interesante tanto medioambientalmente como para o noso peto. Mesmo hai parcelas nas que non foi necesario abonar un cultivo”, concreta.

“As ferramentas da agricultura de precisión non están pensadas só para os grandes produtores, unha explotación familiar tamén pode aproveitalas”

O agricultor ten claro que, “polo que vale unha analítica de solos non merece a pena traballar sen ter información”, apunta. Unhas análises que, tal e como detalla poden suporlle entre 3 ou 10 euros por hectárea. Estes custos, así como o acceso a tecnoloxías como a localización por satélite, que cada vez está máis presente nas maquinarias, evidencian que esta tecnoloxía está dispoñible para todo tipo de agricultores.

cosecha-alfalfa-Finca-Bizcarra-

Alfalfa acabada de cortar nunha das parcelas da Finca Bizcarra.

“As ferramentas da agricultura de precisión non están pensadas só para os grandes produtores, unha explotación familiar como a nosa pode aproveitalas”, sentenza. De feito, en Finca Bizcarra traballan todo o ano 4 persoas que se encargan de realizar o 80% dos traballos con dous tractores, mentres que o 20% restante adoitan subcontratalos.

Falta de man de obra e prezos estancados

Ademais, José Ramón quixo aproveitar as ferramentas de recompilación e análise de datos que manexan en Finca Bizcarra para establecer unha empresa de servizos, Agrarium, que aplica estas mesmas técnicas a outros agricultores e gandeiros. Desde 2018 traballan asesorando a produtores principalmente no Val do Ebro.

“Os produtores temos que aproveitar todas as ferramentas que temos ao noso alcance para controlar, na medida do posible, as colleitas”, recalca José Ramón. O cerealista lembra que os prezos dos cereais seguen estancados mentres os custos de produción se foron incrementando cos anos. “A principios do 2000 o prezo do millo era de 180 euros por tonelada e esta campaña o prezo situouse nos 178 euros por tonelada”, reflicte o cerealista. José Ramón tamén aqueixa a falta de man de obra no campo que lles levou á automatización de distintas fases do cultivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información