Finaliza a vendima na D.O. Ribeira Sacra cun 25% máis de uva

Publicidade
Finaliza a vendima na D.O. Ribeira Sacra cun 25% máis de uva

A data 20 de outubro deuse por finalizada a vendima 2021 na D.O. Ribeira Sacra cunha colleita de 6.545.331 quilos de uva, un 25% mais que o ano pasado, co que se recupera o nivel de produción de antes da pandemia da Covid19.

Ao igual que nas outras denominacións galegas, a vendima na Ribeira Sacra remata case dúas semanas máis tarde que o ano pasado e despois de iniciarse oficialmente o 16 de setembro, aínda que algunhas adegas comezaban coa recollida de uva a finais de agosto. Un total de 93 adegas vendimaron esta campaña ao amparo da D.O. Ribeira Sacra lanzando as seguintes cantidades por variedade de uva:

Variedades tintas:

Mencía 5.231.856 quilos
Garnacha 248.895 quilos
Sousón 100.964 quilos
Merenzao 59.127 quilos
Brancellao 62.418 quilos
Tempranillo 32.565 quilos
Caíño tinto 32.576 quilos
Mouratón 9.200 quilos
Grao Negro 638 quilos

Variedades brancas:

Godello 589.566 quilos
Albariño 96.873 quilos
Treixadura 60.895 quilos
Dona Branca 7.346 quilos
Branco Lexítimo 4.614 quilos
Loureira 4.371 quilos
Torrontés 3.327 quilos

O ano pasado a climatoloxía converteuno nun ano complicado para a viña, pero neste 2021 a climatoloxía foi mellor do previsto e a campaña péchase segundo o esperado, como asegura o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

“Cumpríronse as expectativas de superar os 6 millóns de quilos. A uva entrou en adega en boas condicións, con bo grao, na media dos últimos 10 anos. Ademáis, mantivéronse os prezos, cunha media de 1,60€ para o branco e 1,20€ para o tinto, e recolleuse toda a uva, que iso é importante”, subliña.

Co final do estado de alarma sanitaria este sábado, José Manuel Rodríguez repasa como se viviu esta situación na D.O. Ribeira Sacra e no sector: “Viviuse como unha desas cousas que ninguén espera, un espazo escuro que vén e co que non se conta. Afortunadamente o noso sector pasouno razoablemente ben. As adegas máis grandes foron capaces de seguir estando no mercado e de abrir novos espazos mercantís. Isto fixo que nos dous últimos anos se recolle toda a uva e mesmo subise o seu prezo medio, o que dá unha idea da capacidade de viticultores e adegueiros para sacar adiante o sector e manterse nunhas condicións sobrevindas moi difíciles”.

En canto a vendas, José Manuel Rodríguez asegura que se está empezando a recuperar o ritmo de hai 2 anos. Paralelamente estanse empezando a celebrar as feiras nacionais e internacionais co que supoñen de vendas e apertura de novos mercados, “Estamos a volver ao que estaba en marcha no 2019, antes da pandemia, cando a D.O. Ribeira Sacra estaba a aumentar as vendas e introducíndose máis no mercado. Pasamos ese tempo de pandemia que afectou a todos os sectores e agora vemos que están embotellando ao ritmo de hai 2 anos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información