Fina Gabriel Toval, director en dúas etapas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Gabriel Toval, quen fora director en dúas etapas do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, finou ós 76 anos de idade. Toval, natural de Andalucía, desenvolveu en Galicia a maior parte da súa traxectoria profesional como enxeñeiro de montes. Chegou ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán no 1974 e dirixiríao en dúas etapas, do 1986 ó 1988 e do 2009 ó 2014, cando se xubilou.

Gabriel Toval. / Fonte da imaxe: Juan Picos.

Gabriel Toval. / Fonte da imaxe: Juan Picos.

Considerado no sector forestal como un reputado profesional, Toval destacou na súa traxectoria como xenetista. Durante a súa segunda etapa de director do CIF, foi o impulsor do Plan de Innovación Forestal de Galicia 2010-2020, que guiou na última década a investigación de Lourizán en torno á mellora xenética do castiñeiro, cerdeira e piñeiro, así como sobre cuestións transversais, como a adaptación do monte galego ó cambio climático ou a defensa e prevención de incendios.

Entre a súa primeira etapa en Lourizán e a segunda, Gabriel Toval foi o director do centro de investigación de Ence (1988-2006), onde impulsou a mellora xenética do eucalipto e a obtención de clons de eucalipto globulus adaptados a Galicia, así como de liñas de eucalipto tamén útiles para Huelva, outra das zonas da península nas que Ence tiña daquela plantacións e unha pasteira propia.

Cando Ence pechou a súa unidade de investigación, Toval regresou á Administración pública, pasando uns primeiros anos no servizo de Montes da Xunta, antes de regresar como director ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán no 2009, onde rematou a súa carreira.

Trala súa xubilación, continuou participando esporadicamente en actividades do sector, na medida en que a súa saúde llo permitía. Unha das súas últimas intervencións públicas foi nunha xornada do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, na que abordou os traballos que realizou na súa primeira etapa no Centro na selección de sementes de sequoia e de piñeiro de Oregón adaptadas a Galicia. Toval desprazárase nos anos 80 a Estados Unidos para facer alí a selección de sementes coa que establecer logo plantacións de ensaio en Galicia.

A nova do pasamento de Gabriel Toval, que trascendeu onte no sector forestal, causou consternación entre as persoas que o coñecían, que destacaron o seu carácter humano, proximidade e a súa independencia de criterio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información