Fin de semana para disfrutar da XXVI Feira do Viño de Valdeorras

Publicidade

presentacion feira vinho valdeorras 2025O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras inaugurou este sábado a vixésimo sexta Feira do Viño de Valdeorras. O seu presidente, Marcos Prada Ginzo, abría o acto oficial tomando a palabra na súa primeira Feira no cargo, para destacar unha edición que “chega nun momento no que o noso Godello está demostrando que o seu éxito persiste, que non era unha moda”.

Lembrou Prada Ginzo no seu discurso, que a D.O. Valdeorras celebra o 50 aniversario do Plan Revival, “que marcou un antes e un despois na forma de facer viño na comarca” e que ademais, “recuperou a uva Godello para Valdeorras e para o mundo”. Tamén fixo referencia a outro aniversario, o do propio Consello Regulador, que cumpre “8 décadas de traballo amparando a calidade dos nosos viños brancos e tintos, das nosas variedades autóctonas e da nosa identidade propia”.

Falou tamén o presidente, do paso fundamental, en materia de promoción, que deu este ano a D.O. Valdeorras, “convertíndose na única Denominación de Orixe española que forma parte do selecto clube de colaboradores esenciais da Wine & Spirit Education Trust, WSET, a entidade formativa máis prestixiosa no mundo do viño”. A fin, que “o mundo do viño coñeza as maravillosas cualidades das nosas variedades de uva amparada”.

Unha defensa dos atributos dos viños valdeorreses, tamén foi realizada por María del Carmen González Quintela, delegada especial para Valdeorras da Deputación Provincial de Ourense, que expresou que “temos os viños brancos máis premiados de España e non é por casualidade”, se non porque “o Godello de Valdeorras é o mellor viño do mundo”, sen esquecer aos viños tintos “que se están consolidando ano tras ano, gracias ao traballo diario dos nosos viticultores e adegueiros”.

Lembrou González Quintela o apoio que sempre brindou a Deputación ao Consello, e puxo como exemplo “as obras de reforma e acondicionamento da sede do Consello Regulador”, que “en breve terá unha segunda parte que permitirá finalizar este amplo proxecto de reforma, para a que esta mesma semana se aprobou a súa financiación”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia, falou do potencial turístico dun territorio “que ten a segunda denominación de orixe máis antiga de Galicia” e que conta “cun potencial moi especial” no que, afirmou, “estamos traballando para dar un paso máis cara o enoturismo”.

Augurou Merelles Remy, que Valdeorras “vai a ser unha das zonas máis visitadas” por este motivo, despois dun “traballo coordinado entre administracións” que xa está levando a cabo.

Da riqueza de Valdeorras, tamén falou María José Gómez Rodríguez, conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, na súa intervención, lembrando que “os romanos chegaron buscando ouro e remataron plantando vides, construindo lagares e iniciando unha cultura ao carón do viño que aínda hoxe perdura”. Segundo explicou, “cada copa de viño, leva detrás unha historia de sacrificio” que solo pode entenderse desde “a paixón e o compriso de xeracións de viticultores que coidaron con mimo as viñas para transmitir o legado de pais a fillos”.

So así, argumentou, pode entenderse que o Godello sexa “o protagonista desta historia, supervivinte a plagas, século tras século e que hoxe é a clave do éxito nacional e internacional, desde as viñas de Valdeorras”.

Ao legado de viticultores e adegueiros, tamén se referiu Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco de Valdeorras, na súa quenda de palabra, “que son os que fan que Valdeorras teña os mellores viños”. Para o rexedor barquense, a Feira non é outra cousa que a presentación “do traballo que realizan durante todo o ano, que amosan esta fin de semana a todos os valdeorreses e a todos aqueles que se acheguen ó Barco”.

Lembrou García que “fai anos, o viño era unha axuda en casa” e co tempo, “hoxe a viticultura en Valdeorras é un modo de vida, considérase riqueza e emprego”. O paso do tempo tamén permitiu, contou, “que non sexa difícil atopar viños de Valdeorras fora da comarca”, polo que debemos acostumarnos “a pedir Godello de Valdeorras”.

Quen invitou a todos os presentes a degustar cada viño de cada caseta foi Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia, porque “Valdeorras é sinónimo de viños de calidade” e a feira é “o escaparate de todo o factor humano que está detrás de cada viño”.

Para Blando Lobeiras, desta calidade “ten culpa o Consello Regulador, que durante anos traballou cunha estratexia clara, apostando pola calidade”.

O viño é parte da nosa historia, do que fumos pero sobre todo, do que queremos ser”, afirmou.

A deportista olímpica Teresa Portela Rivas, foi a encargada de pechar a quenda de intervencións e o acto de inauguración, cun discurso sentido e emotivo. Falou Portela da súa traxectoria como piragüista, da que Valdeorras formou parte, “como esquecer o Descenso Internacional do Sil!”, exclamou. E do río que vertebra a comarca, dixo ter aprendido grandes leccións como “resistencia, respecto, harmonía e pracer pola natureza”.

Mencionou a pregoeira o traballo da vide porque “viticultura e deporte falan o mesmo idioma” dixo, de “sacrificio, paixón e entrega”, para conseguir non “un viño correcto”, senón “un viño memorable, que mereza o seu lugar, como unha medalla olímpica”, comparou.

Durante os días, onte e hoxe domingo, un total de 19 adegas ofrecerán os seus viños brancos e tintos ao público asistente, cunha especial relevancia da veriedade Godello, que vive na actualidade o seu momento de esplendor.

De maneira paralela, os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollerán as catas maridadas e o showcooking co chef José Manuel Mallón, actividades que desde fai días teñen as súas prazas esgotadas. A xornada do sábado rematará cun concerto do grupo “Dani Barreiro & Friends” ás 23:00 horas.

Un tren turístico funcionará no horario da feira, conectando o pavillón de Calabagueiros coa Praza de Viloira, con paradas na porta do Hospital Comarcal e na praza do Concello. Os máis pequenos teñen a diversión asegurada cos inchables de diferentes tamaños instalados tamén nos Xardíns da Casa Grande. A nota musical a porán as charangas Bicoia e Tattoo, que acturán en horario de mañá e tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información