Data inicio: 22/09/2024
Data fin: 22/09/2024
Lugar: Serradoiro dos Carranos, PO-9304, Covelo, España
O Serradoiro dos Carranos, situado no concello pontevedrés de Covelo, abre as súas portas este domingo 22 para acoller unha nova visita guiada. A iniciativa, organizada polo Concello de Covelo, permite visitar de balde o serradoiro e a aula da natureza.
As visitas realizaranse ás 10, 12, 14 e 16 horas. É preciso inscribirse previamente no teléfono 654 500 652, que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa. O número de participantes está limitado a 25 prazas por quenda, que se adxudicarán por orde de inscrición e aceptación das condicións.
As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural do proxecto RíosAldeasMontañas, no que se se deseñan rutas, observación das estrelas nas catro estacións e saídas didácticas para escolares, todas elas de balde e financiadas polo Concello co apoio da Deputación de Pontevedra.
“Promover hábitos de vida saudables e difundir a riqueza patrimonial e medioambiental do Concello de Covelo é o obxectivo destas actividades”, explica a concelleira de Cultura, Lourdes Enes.
O serradoiro dos Carranos
O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo.
O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén se pode apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro.
A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.