A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Fiabilidade e capacidade, os puntos fortes do robot de muxido Lely Astronaut A5

A firma Lely abordou nun encontro dixital as novidades e particularidades que ofrece o Astronaut A5, o último modelo dos seus robots de muxido. Na sesión coñecéronse os resultados dalgunhas das granxas españolas que traballan con este equipo

Lely presentou no 2018 en Holanda o seu último modelo de muxido robotizado, o Astronaut A5. En xullo dese mesmo ano, instaláronse en España os primeiros modelos, en Asturias e Cáceres. En menos de 2 anos contabilízanse en España 159 Lely Astronaut A5, dos case 600 robots de muxido que a marca ten repartidos por todo o territorio estatal. En Galicia, instalaron ata o momento 47, a maioría en Lugo (28) e os 19 restantes na provincia da Coruña.

O Astronaut saíu ó mercado tras ser testado en 30 granxas de todo o mundo durante 18 meses e realizar con él 2 millóns de muxidos. Agora, despois de case 2 anos comezan observarse os resultados en granxas. “Nestes 2 anos de funcionamento vimos ratificando que un dos punto fortes do robot é a súa fiabilidade”, indicaron dende o equipo de Lely durante o encontro dixital celebrado en días pasados e no que explicaron ós gandeiros as particularidades do robot, así coma os resultados e a experiencia dalgunhas das granxas nas que se instalaron tanto en Galicia coma noutras zonas de España.

O Astronaut A5 resposta ás demandas tanto de gandeiros como de técnicos para mellorar o muxido

No modelo A5, Lely optou por incorporar melloras e manter aqueles aspectos que lle estaban dando bos resultados ós gandeiros. Así, en apariencia exterior o modelo A5 recorda moito ó A4, e as grandes diferencias están tanto no seu brazo, máis robusto e cun sistema que mellora o muxido, coma no sistema interno de funcionamento do robot. “O Astronaut A5 é o resultado de seguir escoitando as demandas tanto de gandeiros coma de técnicos para mellorar o robot de muxido, como xa se fixera no modelo A4, que xa permitía a entrada dos animais en liña recta, unha das peticións máis recorrentes”, detallan dende a firma.

Astronaut A5

Lely segue no Astronaut A5 a súa máxima de favorecer o libre tráfico das vacas, permitindo que os animais poidan acudir ó muxido, comer, beber ou descansar sen restricións, polo que tanto o deseño do propio equipo como a escolla da súa ubicación, está pensados para evitar os obstáculos e favorecer tamén o manexo do gando por parte do gandeiro. “Para conseguir os mellores resultados é fundamental que as vacas acudan ó robot por vontade propia e sen que supoña un estrés para elas”, concretan.

O recoñecemento polo sensor do colar proporciónalle ó robot a información necesaria para a xestión do muxido en base ó historial de cada vaca. Así, o robot recoñece dende a posición dos tetos ata a ración que debe proporcionarlle, podendo incluírse 5 tipos de alimentos, un deles líquido. As racións axústanse á produción e á fase de lactación de cada animal.

O propio cubículo de muxido conta tamén cunha cámara situada encima do cuarto traseiro do animal o que proporciona unha supervisión continua do movemento do animal e así moverse ó brazo de muxido tan rápido coma ela.

Unha das melloras do A5 está no seu brazo de muxido, máis largo que o de outros modelos, o que permite alcanzar mellor aqueles ubres máis complexos. Tamén incorpora un sistema híbrido co que incrementa a capacidade de movemento. Realizado en fibra de carbono e cuns 200 quilos de peso ofrece maior resistencia fronte ás patadas que poida sufrir das vacas, o que reduce os problemas derivados destes golpes. “As vacas seguen sendo vacas, unhas máis nerviosas que outras, polo que expresan o seu comportamento natural e seguen dando golpes, pero o brazo tenlle a batalla ganada á vaca”, sentencian dende a firma.

O sistema de limpeza do ubre do A5 realízase mediante cepillos, o que facilita tanto o acceso ós tetos coma á parte baixa do ubre. Este sistema permite un mellor enxaugue e minimizar a contaminación cruzada. Cos cepillos conséguese estimular ó animal e a produción de oxitocina para conseguir axilizar o muxido. O baixo peso das tetoeiras e do tamaño dos tubos reduce as posibilidades de que a vaca as arranque dunha patada. Ademais, no caso de que saque un dos tubos, o fluxo deste deixa de funcionar e non chega a caer ó chan, para evitar que succione sucidade. No muxido as pulsacións son axustadas a cada un dos tetos e o fluxo do leite é constante.

O aporte de información sobre o leite e o estado do animal é outra das claves do robot. Así, o monitoreo do leite é continuo e xéranse alertas en base ós parámetros que se definan previamente.

Minimizar os fallos para incrementar a rendibilidade

“A fiabilidade e a capacidade son 2 dos aspectos máis destacados do Lely Astronaut A5 e tamén dos factores a ter máis en conta na escolla dun robot de muxido”, concretan dende a firma. A fiabilidade do robot está condicionada polo número de fallos que rexistra e que determina a eficacia do muxido, así como o tempo que supón para o gandeiro ese muxido falido.

Os muxidos falidos no robot poden deberse a que non haxa fluxo nun dos cuartos, polo que a vaca é expulsada; a máquina non localiza os tetos; excedeuse do tempo de conexión, polo que se libera o animal para que non acabe estresado; así como que se produza un fallo mecánico ou a falta de abastecemento eléctrico. “A taxa de muxidos falidos ó día debe ser 0, ou situarse por debaixo dos 5” indican dende o equipo técnico.

Con este sistema non existen muxidos incompletos “A vaca ou se muxe completa ou non se muxe”, detallan. De non realizarse o ordeño a vaca continua na lista de retrasos, pero ela pode voltar a entrar voluntariamente.

O A5 é o robot do mercado que permite un maior número de muxidos ó día chegando ós 200 muxidos

O número de fallos de muxidos está directamente relacionado coa capacidade que ofrece o robot. “Para avaliar a rendibilidade do robot na granxa, máis que o número de vacas é preciso fixarse no número de muxidos que permite facer ó día”, explican. Así, a rendibilidade ben dada cun maior número de muxidos e un menor número de fallos.

“O A5 é o robot do mercado que permite un maior número de muxidos ó día. Os datos do primeiro ano completo amosan que se conseguen uns 200 muxidos ó día”, especifican. Estas cifras equivalen ó muxido de 65 vacas 3 veces ó día, con vacas duns 40 litros de leite de media, o que permite superar os 3.000 quilos por día. Todo isto suxeito a uns valores aceptables da velocidade do leite (>3,2 kg/min).

O tempo libre do robot debe permanecer entre o 10 e o 15% para garantir unha asistencia voluntaria dos animais. Descontando o tempo de lavado, tanto o xeral como os lavados curtos extras por restos de sangue ou calostro, o robot consegue estar muxindo unhas 21 horas ó día se é preciso, e reducir ó mínimo o tempo de espera dos animais para ser muxidos.

Experiencias en granxas galegas

Repasamos algunhas das ganderías que instalaron nos últimos tempos robots Lely Astronaut A5 en Galicia e coñecemos algúns dos datos que manexan, así como as opinións dos gandeiros.

-Gandería Landeira (A Coruña). Esta gandería destaca tanto pola súa xenética como pola súa elevada produción. Nos últimos anos realizou diferentes inversións nas instalacións para mellorar o benestar dos animais como a elevación dos teitos ou a adaptación dos corredoiros.

Nos últimos días de maio a súa produción situábase nos 40 quilos de media e as 273 vacas que teñen acadan os 10.000 quilos de leite ó día. Contan con 4 robots A5 que levan funcionando 1 ano. Neste tempo, o robot ten unha media de 1,5 muxidos falidos por día. “O robot A5 permite sacar a máxima rendibilidade a unha boa xenética, alimentación e manexo”, valoran dende firma Lely.

-SAT A Campa (Curtis, A Coruña). É a granxa máis automatizada de Galicia, posto que conta non só con robots de muxido senón que dispón de alimentación robotizada e un sistema de separación e tratamento do xurro para o seu aproveitamento como cama do gando. Conta con 4 robots de muxido, para os dous rabaños de gando que conviven na gandería: Holstein e Jerseys.

-Gandería Queirugueira (Val do Dubra, A Coruña). Conta con 2 novos robots A5 que se suman ó A3 co que xa levan tempo traballando. O pasado 25 de maio tiñan 192 vacas en produción e acadaron uns 7.566 litros de media, cun fluxo de 3,3 e unha media de 0,7 fallos por día conseguindo uns 500 muxidos por día.

-Gandería Lebón (Samos, Lugo). Foi a primeira granxa de Galicia en instalar un robot de muxido hai 14 anos, un Lely A2. Agora incorporou 2 robots A5 para as 115 vacas que ten en produción. Realiza 2,8 muxidos ó día e ten unha media de 43 quilos de leite ó día e 0,5 muxidos falidos. “Só no primeiro mes xa conseguimos incrementar sobre 4 litros máis co A5 no canto do A2”, explica o propietario da gandería, Marcos López.

Tamén detectou unha maior velocidade do muxido o que se aprecia, sobre todo nos animais de maior produción. “O A5 é máis silencioso e o box é máis amplo, polo que a vaca está máis cómoda e tranquila”, detalla o gandeiro.

-SAT Pedrolas (Castroverde. Lugo). A gandería instalou recentemente dous robots Lely Astronaut A5 logo de contar con sistemas doutras marcas comerciais. E, hoxe en día todavía moxe 74 vacas na sala de ordeño. Realiza 3,2 muxidos por día e conta cunha media superior ós 40 quilos de leite dende o momento de arrancar a ordeñar cos Lely.

Outras granxas en España: 

-Gandería Casa Enrique (Luanco, Asturias). A gandería ten unhas 70 vacas en produción e incorporou hai un ano o robot A5. O obxectivo inicial do gandeiro era conseguir unha produción de 75.000 litros ó mes. Antes de que finalizara o primeiro mes xa superaba os 80.000 litros sen realizar cambios na alimentación.

Os datos do primeiro ano amosan que realiza unha media de 200 muxidos ó día, cunha media 2.559 litros ó día e acadando os 70.000 muxidos ó ano e contabilizando de media uns 3 muxidos falidos ó día. “É fundamental ver como se vai comportando un robot ó longo do tempo para poder avalialo”, detallan dende Lely.

-Gandería Grup Can Roca (Barcelona, Cataluña). Nos últimos anos, esta gandería realizou varias modificacións para mellorar o benestar dos animais, entre as que se incluíu a instalación dun robot A5. No primeiro ano conseguiron pasar dunha produción media de 30 quilos a 40-42 quilos de leite de media, agás no verán que se reduce a 35 quilos, condicionados polas elevadas temperaturas e humidade que se rexistran na zona.

-Gandería Can Ginferrer (Xirona, Cataluña). Nesta gandería levaban xa 18 anos traballando co robot de muxido Lely A2 cando decidiron cambiar ó A5 para o muxido das 70 vacas que teñen en produción. No primeiro mes conseguiron pasar dunha media de 32,5 litros de leite a 36 litros, sen variacións na alimentación nin no número de animais en secado.

No primeiro ano, acadaron un incremento da produción de 80.000 litros cunha media de fallos que se sitúa entre 0 e 0,5 muxidos falidos ó día. “Antes tiñamos algúns problemas coas xovencas que tiñan aínda o ubre sen formar, agora todo o que entra no robot móxese. Só agardo que me dure outros 20 anos, como lle durou o A2 a meu pai”, detalla o gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *