O secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro; a deputada responsable de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, participaron na presentación da programación da XVIII Festa do Tinto Rías Baixas, que terá lugar os días 24 e 25 de xullo na localidade pontevedresa das Neves.
Un acto no que Ramón Huidobro destacou o crecente interese que espertan as tintos Rías Baixas, especialmente polo seu carácter atlántico, así como pola súa frescura, variedade, acidez agradable e abundante presenza de froita. Na actualidade, o Consello Regulador conta con 54 adegas inscritas, das cales 37 procesaron uva tinta durante a última vendima.
De feito, o cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas contan con adegas que elaboran viños tintos, sendo o Condado a subzona con maior produción, seguida do Salnés, O Rosal, Ulla e Soutomaior. Ramón Huidobro indicou que até finais de xuño comercializáronse máis de 80.000 litros de tinto Rías Baixas, destacando que as adegas traballan exclusivamente con variedades autóctonas, tal e como indica o prego de condicións do Consello Regulador.
Promoción
Pola súa banda, Nava Castro animou a toda a cidadanía a participar na XVIII Festa do Tinto Rías Baixas, indicando que este evento reforza a actividade da Ruta do Viño Rías Baixas, que o sábado 20 de xullo organizará unha ruta de sendeirismo entre viñedos, furnas, petróglifos e muíños, con degustación de tinto DO Rías Baixas. Ademais, convidou a gozar dos produtos gastronómicos locais e o enoturismo nas Rías Baixas.
Finalmente, José Manuel Alfonso mostrou o seu agradecemento a todos os participantes e organizadores, subliñando a importancia que ten esta festa para a promoción do viño tinto e a diferenciación da rexión. Do programa deste ano, apuntou a relevancia da charla sobre a enfermidade da Flavescencia Dourada e convidou os viticultores a participar para afrontar xuntos este desafío.
Programación
A XVIII Festa do Tinto Rías Baixas, que se celebrará do 20 ao 25 de xullo na localidade das Neves, conta cunha ampla programación cultural e enolóxica que inclúe sendeirismo, conferencias, catas profesionais e populares de viño, actuacións musicais e actividades para toda a familia. A festa contará coa presenza de Almudena Alberca, a primeira muller Master of Wine de España e recoñecida como unha das grandes enólogas a nivel mundial. Ademais de ser a pregoeira desta edición, encargarase tamén de dirixir unha cata de tintos Rías Baixas nas Neves.
A programación da XVIII Festa do Tinto Rías Baixas comezará o sábado 20 de xullo coa Andaina do Tinto Rías Baixas, organizada pola Ruta do Viño Rías Baixas en colaboración co Concello das Neves e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. A actividade iniciarase ás 18:00 horas cunha visita á adega Señorío de Rubiós, desde onde comezará unha ruta de sendeirismo entre viñedos, furnas, petróglifos e muíños de aproximadamente 5 quilómetros. A xornada pecharase cunha degustación de tinto Rías Baixas con tapas en Nande Hotel da Natureza. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com a un prezo de 10 euros.
O martes 23 de xullo, ás 19:00 horas, terá lugar unha charla sobre a Flavescencia Dourada na Casa da Auga (Vide). O mércores 24 de xullo, ás 18:00 horas, a Master of Wine Almudena Alberca dirixirá unha cata profesional na Casa da Xuventude das Neves. Dúas horas despois, celebrarase unha cata popular na Praza Maior onde, a partir das 21:00 horas, actuarán as Pandereteiras de Vide, a charanga Os Encerellados e o DJ VRX-José Verez.
Finalmente, a programación do 25 de xullo abrirase ás 11:00 horas coa tradicional recepción de Confrarías na casa consistorial, que dará paso ao pregón a cargo de Almudena Alberca (12:30 horas). Pola tarde, a partir das 16:00 horas, actividades infantís e acuáticas. E, a partir das 17:00 horas, música da man dos grupos O son dAs tabernas e Astarot.