A Festa do Pan de Cea prevé vender este domingo 3.500 pezas

O evento do domingo vén precedido hoxe sábado da Ruta dos Fornos, na que os visitantes poden acceder a catro fornos tradicionais, nos que se ofrecen degustacións de produtos típicos

A Festa do Pan de Cea prevé vender este domingo 3.500 pezas

Presentación esta semana da Festa do Pan de Cea.

A Festa de Exaltación do Pan de Cea (Cea, Ourense) chega este fin de semana a súa XXVII edición, cun día grande centrado no domingo, no que se espera a comercialización de 3.500 pezas deste pan artesano, único con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) en Galicia. Os actos do domingo arrancarán ás 10 da mañá e para as 13 horas está previsto o pregón, a cargo do cociñeiro Adrián Díaz (programa Larpeiros). Tras o pregón, haberá unha degustación de produtos típicos galegos e ás 14 horas arrancará o xantar.

Durante toda a xornada haberá actuacións musicais e un espazo expositivo no que unha vintena de empresas exhibirán os seus produtos alimentarios ou de artesanía.

Previamente ao día grande da festa, este sábado, 30 de xuño, terá lugar a V Ruta dos Fornos (19 a 22 horas), que permite un percorrido gastronómico por diferentes fornos de Cea para degustar produtos típicos galegos. Este ano pódese adquirir polo prezo de 10 euros unha pulseira que permite visitar todos os fornos e gozar desta experiencia gastronómica, levando como recordo unha cunca. As pulseiras pódense adquirir na Casa do Concello e en determinados establecementos da vila. A Ruta dos Fornos desenvolverase polos fornos do Lodairo, da Parapeta, do Santo, do Abade e da Cebola, nos cales os visitantes poderán degustar embutidos tradicionais, queixo galego, viños, tortilla de pataca de Galicia e empanada de Pan de Cea.

O evento foi presentado o pasado mércores en Ourense polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; e do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información