A Festa de Exaltación do Viño da Ulla, en Vedra (A Coruña), cumpre este ano 43 edicións cun amplo programa de actividades. Esta cita tradicional para os amantes do viño celebrarase os días 5 e 6 de abril en San Miguel de Sarandón.
O programa comezará o sábado día 5 coa cata concurso de viños da subzona da Ulla no Pazo de Vista Alegre, en Ponte Ulla, un evento que se celebrará a mediodía e que estará aberto ao público.
A festa propiamente dita comezará a partir das 18:00 horas no Cmapo da Festa de San Miguel de Sarandón. Amosarase unha sellección de viños das adegas participantes nesta edición: Pazo Arretén, Gómez e Rial, Chouzal, Mar de Envero, Lixeles, Barallobre, Adega Valdés, Casa do Sol, Castro Brey, Adega María Manuela, Pazo Vedoira, Lagar de Vendaña e Adega Chaos.
A partir da mesma hora tamén poderá visitarse a Mostra dos Concellos da subzona da Ulla (Vedra, Teo, Boqueixón, Padrón, Touro, A Estrada e Silleda).
Tamén na xornada do sábado, e a partir das 18;30 horas, terán lugar as catas comentadas abertas ao público. Ademáis das experiencias enolóxicas, haberá sesión de música e baile tradicional e, a partir das 22:00 horas, concertos de Os John Deeres e The Rapants.
O domingo será o día grande da Festa de Exaltación do Viño da Ulla. O recinto da celebración en San Miguel de Sarandón abrirá ás 12:00 horas cunha degustación de produtos gastronómicos da subzona da Ulla, concerto da escola de música de Santa Cruz de Ribadulla e o pregón a cargo da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o nomeamento de Amigos do Viño da Ulla.
Antes do xantar coñeceranse os gañadores da cata oficial e a primeira hora da tarde actuará A Requinta de Lampai, seguida da charanga Os Atrevidos e o grupo de música tradicional Cantigas e Agarimos. A festa rematará a partir das 19:00 horas coa actuación da orquestra París de Noia.