
Público asistente á Festa das freces do ano pasado
A localidade de Bretoña, no municipio da Pastoriza, celebra o vindeiro 11 de maio a Festa das freces e a bola de liscos, dous pratos tradicionais da zona que estaban vencellados ás labores agrarias.
Esta festa gastronómica, que chega á 15 edición, combina o doce das freces co salgado da bola de liscos, nunha cita que exhalta dous produtos locais que se facían nas casas cando os traballos no campo eran duros e requerían dun aporte extra de enerxía.
“As freces eran un postre que se mandaba aos homes sobre todo cando ían cavar ao monte para despois labrar o cereal. Eu son de Bretoña pero xa non acordei xa comelas. Era máis nos anos 60 e 70”, lembra Carina Iglesias, presidenta da Asociación de Amigos da Feira de Bretoña, organizadora da festa.
Un produto local recuperado
Os ingredientes das freces son ovo, fariña, leite, manteiga e pan. A maiores, engádeselle mel ou azucre ao gusto. “Hai variantes dependendo un pouco das casas, porque cada un facíaas dunha maneira”, indica Carina, que explica que “nas últimas edicións variamos un pouco a receita para que se parecerá máis á orixinal, cambiando sobre todo o modo de elaboración. Agora ímolas facendo por remesadas, en potas máis pequenas. Danos moito máis traballo pero saen como máis enteiras, menos pastosas”, detalla.
As freces son unha sobremesa típica da zona, que se facía en días de traballos duros, debido ao seu aporte calórico
A bola de liscos é semellante a unha empanada, elaborada con masa de pan, panceta afumada e chourizo. Este ano, para darlle aínda máis relevancia, as bolas estarán elaboradas con produtos de porco celta.
“A bola aínda se fai nas casas, a xente que coce. Pero nesta zona envólvese a masa nunha verza por enriba e por abaixo á hora de cocela no forno e iso dalle un sabor moi característico, ademais de quedar máis xugosa”, asegura.
Está previsto que se repartan unhas 500 bolas de liscos e unhas 900 racións de freces
A previsión da comisión organizadora é chegar este ano ao tope das 500 bolas (dá 4 racións cada unha) e 900 racións de freces, que se serven nunha cunca de barro. “Fomos medrando en cada edición e este ano imos chegar ao máximo xa das nosas posibilidades. A partir de aquí non queremos medrar máis, senón manternos e ir cambiando algunha cousa cada ano para manter a curiosidade e o interese da festa”, avanza.
Programa

A mestra xubilada Modesta Campo Valiña será a pregoeira deste ano
O programa deste ano, ademáis da degustación das freces e da bola de liscos, inclúe feira de artesanía e de produtos de alimentación e tamén ten como novidade un aberto de billarda, o domingo á tardiña. Pola mañá habera tamén sesión vermú e xusto despois de comer baile para baixar a bola e as freces.
Haberá feira de alimentación e artesanía e o pregón correrá a cargo de Modesta Campo, que durante décadas foi mestra no colexio de Bretoña
O día antes, o sábado 10, pola noite haberá pulpada e música, coa presentación oficial do grupo Los Key. O pregón correrá a cargo de Modesta Campo Valiña, mestra xubilada do colexio de Bretoña e agora involucrada na Asociación Española contra o Cancro. Natural da Ponte de Outeiro, Modesta está moi vencellada a Bretoña, onde foi mestra de moitas xeracións de nenos e nenas, pois no colexio da localidade pasou boa parte da súa vida laboral.
Relevo para manter a tradición
A comisión organizadora renovouse fai 4 anos para coller novo impulso. “A asociación cambiou porque as directivas cos anos quéimanse”, recoñece Carina, que decidiu coller o testigo para que a tradición non se perdera.
“Empezaron un grupo de amigos que pensaron a comezos da década no 2000 en como recuperar esta tradición gastronómica e despois tamén fixeron unha feira de gando pero sempre hai un problema que é o da continuidade”, admite.
Esta cita, que estivo anos sen celebrarse, é un dos sinais de identidade da parroquia de Bretoña
Hoxe na organización implícanse directamente 7 persoas e ese día tiran de veciños, familia, amigos e todo aquel que lles poida axudar. Tamén colaboran o Concello da Pastoriza, que aporta a infraestrutura necesaria, e outras institucións aportando financiamento, como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Lugo.
Dinamizar as distintas parroquias
A intención do Concello da Pastoriza é a de dinamizar a vida das distintas parroquias apoiando as distintas iniciativas dos veciños, segundo avanza o seu alcalde, Darío Cabaneiro. A de Bretoña conta cuns 500 habitantes e segue mantendo a súa feira mensual, o segundo sábado de cada mes, organizada pola Asociación de Veciños.
Bretoña mantén a súa feira mensual o segundo sábado de mes e conta cun Centro de Interpretación sobre a súa orixe e o seu pasado
Bretoña conta tamén cun Centro de Interpretación do seu pasado, vinculado ao asentamento dunha expedición de orixe bretón, e que inclúe ademais unha exposición de fotografías antigas da zona. O Centro de Interpretación estará aberto coincidindo coa Festa das freces e a bola de liscos, que terá lugar xusto ao lado baixo unha carpa, por se a climatoloxía non axuda.
Galego





Control OJD