Estase facendo unha fertilización axeitada do viñedo? Esa é a pregunta que serve de punto de comezo para o grupo operativo Ferviña, que busca mellorar o abonado que se viña realizando e conseguir ferramentas que contribúan a poder optimizar e adaptar a fertilización ás necesidades dos viñedos. Os resultados do proxecto e as ferramentas desenvolvidas no seu marco foron presentadas recentemente nunha xornada celebrada no Mosteiro de San Clodio, en Leiro (Ourense) e na que participaron viticultores e investigadores expertos.
Coñecer en profundidade os abonados que se estaban a realizar nos viñedos e como inflúen na calidade da colleita obtida, é o primeiro paso para traballar na optimización desta fertilización. Para iso contan coa colaboración de varias adegas das que obtiveron non só a información sobre os aportes que se estaban a realizar ó solo senón dos contidos destes solos. Por unha banda analizaron datos de viñedos de Treixadura da adega Viña Costeira, situada na Denominación de Orixe Ribeiro. Por outra banda, contaron cos datos das cepas da cooperativa Paco &Lola, do Salnés, con viñedos de Albariño. Dispoñer destes datos permite establecer patróns de fertilización adaptados ó terreo, tendo en conta as necesidades puntuais dos solos, ademais dos aportes que se realizaron noutras campañas.
Traballar na mellora da fertilización permite, entre outros beneficios, reducir as doses, custos e o impacto ambiental que pode supoñer un aporte extra de abono nos viñedos, ó tempo que se preserva a fertilidade do solo. “Mellorar a fertilización dos solos non só permite mellorar a calidade dos mostos senón que se volve unha ferramenta útil ante o escenario do cambio climático. Un bo manexo do abonado pode permitir reducir o impacto do cambio climático nos viñedos”, detalla Juan Carlos Vázquez, investigador e técnico da Evega que participou no estudo sobre o terreo e que foi o encargado de presentar os resultados durante a xornada de Leiro.
Manexar toda esta información sobre o abonado tamén resulta complexo, por iso desenvolveron unha aplicación que facilite a consulta destes datos e axude a establecer patróns de abonado para cada parcela.
O abonado nas viñas das Rías Baixas e o Ribeiro
No grupo operativo fixeron unha radiografía dos viñedos e solos de dúas zonas moi diferentes entre si, como son as Rías Baixas e o Ribeiro. Así, recolleron información durante os anos 2019 e 2020, o que lle permitiu obter máis de 8.000 valores analíticos sobre fertilidade.
“A calor extrema rexistrada no 2020 servíunos como preámbulo do escenario que pode traer o cambio climático, de xeito que poidamos ir adaptándonos a él”: Juan Carlos Vázquez, da Evega
Ademais, a disparidade meteorolóxica que se rexistrou nestes dous anos permitiulles dispoñer dun maior abano de información. Mentres o 2019 foi un ano con valores habituais, no 2020 rexistrouse unha vaga de calor, chegando a ser o máis cálido na serie histórica dos últimos 50 anos ata ese momento, o que motivou importantes episodios de estrés hídrico nos viñedos. “A calor extrema rexistrada no 2020 serviunos como preámbulo do escenario que pode traer o cambio climático, de xeito que poidamos ir adaptándonos a el”, concreta Vázquez.
Coa análise dos solos e da fertilización prestaron atención a parámetros que son prioritarios nas adegas. Fixeron analíticas do estado do solo, foliares e dos mostos, para relacionar os tres aspectos. Fixáronse en cuestións como a acidez total, os graos Brix, o nitróxeno facilmente asimilable, os ácidos málico e tartárico, o Potasio, Calcio, Magnesio, nos mostos, ou o aporte de materia orgánica, calizas e minerais, entre outros valores.
“Atopámonos que moitos solos estaban moi fertilizados. Nalgúns nutrientes valores algo máis altos que os valores que tiñamos como referencia eran favorables, pero noutros resultaba prexudicial para o viñedo”: Juan Carlos Vázquez, da Evega
Estes estudos sobre o terreo permitiron ter maior información sobre os abonados que se están facendo, que en ocasións poden resultar contraproducentes para o desenvolvemento da cepa e a uva ó non se adaptar con precisión ás necesidades que ten o solo e a planta. “Atopamos que moitos solos estaban moi fertilizados. Nalgúns nutrientes, ter valores algo máis altos dos os valores que tíñamos como referencia resultaba favorable, pero noutros era prexudicial para o viñedo”, sinala Vázquez.
Nas análises realizadas nos viñedos das Rías Baixas atoparon patróns concretos a ter en conta á hora de planificar o abonado, xa que pode ter consecuencias directas nos viños que se obteñen. Así, ó aumentar o pH dos solo ata valores básicos (pH maior de 7) tamén se incrementaba o pH dos mostos. “Cómpre ter en conta este tipo de cuestións, xa que resultan moi desfavorables na elaboración de viños de colleitas producidas en anos moi secos, onde os mostos xa se atopan en niveis altos”, detalla Vázquez. Os mellores valores de calidade de colleita, tendo en conta todos os parámetros dos mostos, dábanse en solos neutros e lixeiramente ácidos, con pH entre 6,5-6,8.
Unha boa provisión de Magnesio no terreo resultaba favorable para os viñedos do Salnés, xa que nos anos húmidos conseguía baixala acidez e nos secos contribuía a incrementala. “Os solos cunha boa fertilización de Magnesio conseguen equilibrar os mostos en función da anada”, concreta o investigador.
Porén, mentres que o Magnesio neste tipo de solos consegue equilibar a acidez, un aporte excesivo de Potasio tradúcese no efecto contrario, xa que nos anos moi húmidos baixa o grao de alcohol e nos secos increméntao.
Outro dos factores determinantes sobre a calidade dos mostos é o aporte de materia orgánica, que ademais da fertilización tamén axuda a manter a humidade do solo e paliar o estrés hídrico das viñas. “Neste tipo de solos francoareosos, o nivel alto de materia orgánica (5 ata 7%) resulta favorable para a obtención de mostos máis equilibrados. Como no Magnesio, a materia orgánica compórtase coma un factor que balancea os equilibrios dos mostos”, apunta. Tamén é de destacar que a materia orgánica aumentou o nivel de Nitróxeno facilmente asimilable en mosto (NFA), mesmo na campaña 2020 con niveis medios baixos.
No Salnés os mellores rendementos produtivos e de calidade detectáronos en terreos de secaño con niveis medios de potasio, magnesio e nitróxeno
No Salnés os mellores rendementos produtivos e de calidade detectáronos sobre todo en terreos de secaño con niveis medios de potasio, magnesio e nitróxeno. Estes terreos de secaño ofrecían tamén mellor equilibrio entre grao e acidez, nas dúas campañas de estudo.
Nas viñas do Ribeiro apreciaron importantes diferencias á hora de fertilizar os viñedos con respecto ós patróns de abonado do Salnés. Así, nas parcelas do Ribeiro apenas se encalaba para corrixir a acidez dos solos e a achega de materia era máis baixa. De feito, o pH dos solos no Ribeiro é máis baixo que o das Rías Baixas, situándose en torno a un pH 5-6. “A partir de valores de pH moi baixos, ó incrementalo ata valores de 6,5-6,8 conséguese incrementar a acidez do mosto a valores máis axeitados”, explica Vázquez. Este aumento da acidez permite que nos anos de maior estrés hídrico se poida agardar máis tempo para facer a vendima, conseguindo un incremento do grao alcohólico.
O aporte de materia orgánica tamén resultou positivo nos viñedos do Ribeiro, ó permitir incrementar a acidez. “Así, con solos diferentes, climas distintos e variedades de uvas diferentes vimos que o aporte de materia orgánica resultaba positivo nos dous casos para conseguir un balance e equilibrio entre grao e acidez”, sinala o investigador.
Mapa web da fertilización dos viñedos
Para a análise desta información, o grupo operativo desenvolveu unha aplicación web cartográfica sinxela a base da incorporación dos datos históricos que foron recollendo. Deste xeito, a aplicación permite ó viticultor consultar a súa parcela en concreto e dispoñer de información sobre a fertilización e as características do solo en cada ano.
“O obxectivo é visualizar os datos todos que se foron recollendo e que estes resultasen de utilidade para as adegas”, explica Javier Cancela Barrio, profesor e investigador da Universidade de Compostela encargado de presentar as ferramentas informáticas coas que manexar o volume de datos históricos recollidos sobre a fertilización nestas zonas.
Máis alá de ofrecer só información sobre os procesos de abonado xa realizados, tamén se achegan recomendacións sobre a fertilización que precisaría esa parcela.
A experiencia das adegas colaboradoras
Tanto Viña Costeira, no Ribeiro, como a cooperativa Paco &Lola, no Salnés, consideran o estudo de interese, ó permitir seguir avanzando nunha fertilización máis adaptada ás necesidades dos viñedos. No caso de Viña Costeira o estudo permitiulles comprobar que boa parte dos solos estudados, nos que se incluía un total de 60 parcelas de ensaio, tiñan un pH ácido, con valores baixos nalgúns nutrientes e a necesidade de subir ese pH dos solos. “O proxecto deunos un punto de partida para mellorar a fertilización dos nosos solos”, concreta Carlos Alberte, director técnico de Viña Costeira.
No caso da adega da DO Rías Baixas, que integra a 442 viticultores, no estudo proporcionaron 90 parcelas de ensaio todas elas en emparrado e con cepas de Albariño. “Os resultados e avances deste traballo permítennos poder axustar os parámetros á nosa realidade. Ferviña permitiunos xestionar un gran volume de datos e afinar nas recomendacións de abonado” sinala Daniel Durán, técnico de viticultura na cooperativa do Salnés, Paco &Lola.