O abonado forestal dunha nova plantación é unha tarefa de precisión que tradicionalmente depende en boa medida da meticulosidade de quen a faga, pois se executa a man, planta a planta. Para optimizar ese traballo, Viveros Mañente ideou un novo formato de aplicación, denominado Fertiveo.
Fertiveo consiste nunha bolsita biodegradable, de base almidón con microporos, na que se envasa a dose exacta de abono que necesita cada árbore. En monte, o operario só ten que depositala en superficie ao pé da planta. É un formato que esta campaña xa se está empregando en monte por parte de empresas de plantación. Ademais, estase testando tamén en cultivos leñosos, como viña, oliveiral e cítricos.

Fertiveo estase a testar esta campaña en viñedos galegos.
Control do abonado
“Estamos ante un cambio de paradigma. De abonar por hectárea pasamos a abonar por planta”, explica o director de Fertiveo, Daniel Farias.
“Ata o de agora podemos dicir que se practicaba un abonado a cegas, pois o que non se ve, non se controla. Podían producirse erros humanos como aportes de distintas cantidades ou plantas e liñas esquecidas. Con Fertiveo pasamos a ter un control exhaustivo da aplicación de abono por planta”, destaca Daniel Farias.
Redución de perdas
Unha segunda vantaxe de Fertiveo é a redución de perdas de nutrientes. “O nitróxeno repartido en superficie ten perdas por volatización, algo que se minimiza ao distribuílo protexido dentro dunha bolsita biodegradable”, subliña o director de Fertiveo.
“En traballos de plantación, tamén é habitual enterrar o abono, pero por esa vía asúmense perdas naturais, pois o potasio lixíviase coa choiva e o fósforo tende a fixarse ao chan. Dependendo do clima e da acidez do chan, as perdas poden chegar ata o 40%”, valora Farias.
Coa colocación da bolsita de Fertiveo en superficie, na zona activa das raíces da planta, o obxectivo é reducir perdas de fertilizante e posibilitar unha mellor absorción dos nutrientes, que se van liberando de forma progresiva coa humidade do solo.
A expectativa tamén é a de reducir o acceso das malezas aos nutrientes aplicados.
Potencialidade de Fertiveo, un sistema en expansión
O lanzamento de Fertiveo esta campaña logrou xa aceptación en monte en Galicia, onde está a ser usado no día a día de empresas de plantación forestal. A expectativa é lograr unha expansión progresiva noutras áreas, principalmente en cultivos leñosos como viñedo, cítricos e oliveiral.
“En viñedo estamos a facer probas esta campaña en viñas da Ribeira Sacra, A Cañiza e Salnés, e a expectativa é consolidarnos en distintos sectores de cultivos froiteiros e forestais da Península Ibérica e expandirnos a Latinoamérica, onde xa mantemos contactos tanto para a área forestal como para outros cultivos”, destaca Daniel Farias.
A produción de Fertiveo para a Península Ibérica desenvólvese nas Pontes, (A Coruña) por medio dun acordo con Delagro.
“Este sistema xurdiu pola demanda dos profesionais”
O director comercial de Viveros Mañente, Santiago Rodal, valora como positivo o impacto que está a lograr xa Fertiveo: “Este formato xurdiu pola demanda de empresas profesionais de plantación, que nos pedían un sistema para optimizar a aplicación de abono. Con Fertiveo, evitamos o desperdicio do produto na aplicación e reducimos tamén perdas por lixiviación ou evaporación” -incide Rodal-. “En definitiva, logramos unha nutrición máis eficiente das plantacións forestais”.

Colocación de Fertiveo nunha plantación forestal.
“Estamos ante unha nova forma de aplicar abono a unha plantación forestal de eucalipto ou de piñeiro. Cada bolsa ten unha dose exacta, polo que todas as plantas recibirán exactamente os mesmos nutrientes, tanto NPK como micronutrientes (boro e zinc)”, subliña.
“É doado de usar, práctico e permite un control visual do abonado. As bolsitas de Fertiveo son ademais dun material biodegradable, co que non deixan residuo no monte”, conclúe.
Vantaxes de Fertiveo
• Aforra tempo de aplicación
• Reduce perdas de fertilizante
• Maior vigor e uniformidade da plantación
• Aumento de rendibilidade para o propietario
Galego










Control OJD