Coñecer o estado dunha plantación sen ter que desprazarse ata ela ou poder identificar, sen medo a equivocarse, cada árbore que a conforma son algunhas das posibilidades que ofrece o novo sistema de monitorización que acaba de presentar o hub de innovación dixital DATAlife. Trátase dunha rede de sensores ambientais, de solo, estacións meteorolóxicas e plataformas de software que permiten a identificación e monitorización en tempo real das árbores e as condicións da súa contorna, co principal obxectivo de ter un mellor coñecemento e xestión da masa forestal.
“Estivemos desenvolvendo tecnoloxía para identificar as árbores e monitorizar as condicións nas que se atopan, e así lograr datos que logo aproveite o sector. É importante que Galicia desenvolva tecnoloxía para o sector forestal, xa que non podemos ser unha potencia produtora sen dispoñer de tecnoloxía propia”, reivindica Lucía Castro Díaz, xerente do Hub de Innovación Dixital, durante o demostrador tecnolóxico celebrado recentemente no Centro de Investigación Forestal Lourizán.
“Este tipo de ferramentas permite facer fronte a retos como os efectos do cambio climático, mellorar o control hídrico ou alertar da presenza de pragas, entre outras vantaxes” (Lucía Castro Díaz, xerente de DATAlife)
Ademais, tal e como apunta Javier Doval Núñez, Senior Expert de DATAlife: “este recurso permite mellorar a xestión da masa forestal e potenciar as capacidades de investigación aplicadas sobre o terreo”. Así, o proxecto busca ofrecer solucións a algúns dos retos que afronta hoxe en día o sector forestal. “Incluír este tipo de ferramentas permite facer fronte a cuestións como os efectos do cambio climático, mellorar o control hídrico ou alertar da presenza de pragas, entre outras vantaxes”, reivindica Castro Díaz.
Identificación de exemplares
O proxecto desenvolveuse coa colaboración do Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán e precisamente unha das cuestións sobre as que traballaron responde a unha necesidade do centro: contar cun sistema de identificación inequívoca das árbores das parcelas de investigación.
Ata o momento, para a identificación dos exemplares, os investigadores utilizaban un sistema de etiquetas tradicionais e chapas, que ou ben mantiñan colgadas na árbore ou soterradas, pero atopábanse problemas como a rotura das etiquetas ou o borrado da información debido ás inclemencias meteorolóxicas co paso dos anos. “O maior problema das etiquetas que permanecían colgadas é que terminaban borrándose e aínda que as chapas estaban a funcionarnos bastante ben, tiñamos problemas como que se movesen coas rozas e a dificultade para logo atopalas”, explica Sergio Frade Castro, investigador do Departamento Técnico de Silvicultura e Mellora Forestal do CIF Lourizán.
Desenvolveron etiquetas dixitais que poden ler con tecnoloxía RIFD e que permiten identificar cada árbore
A solución exposta pola firma NEWMIND, entidade encargada de implementar a tecnoloxía, foi o desenvolvemento dunhas etiquetas dixitais mediante tecnoloxía de radiofrecuencia RIFD, que permiten cun código alfanumérico de 24 cifras identificar o exemplar. Así, tal e como mostrou o investigador durante unha visita a unha plantación do centro, utilizando un lector de radiofrecuencia poden identificar cada exemplar. Estes sensores enterrados no chan permiten a localización intelixente das árbores mantendo a rastrexabilidade (Ver vídeo abaixo).
No marco do proxecto non só deseñaron as etiquetas dixitais, senón que tamén desenvolveron un sistema de encapsulado para poder soterralas e evitar que se danen pola choiva ou a radiación solar.
Coñecer o estado da plantación na distancia
Outro dos eixos do proxecto foi a instalación de sensores ambientais, de solo e estacións meteorolóxicas para poder realizar unha vixilancia do estado da plantación. Estes sistemas ofrecen información sobre o estado da árbore ou o solo en tempo real e poden ser de utilidade na toma de decisións para a xestión da plantación.
“Os sensores permítennos obter información do estado da terra, pero tamén da planta, coñecendo o fluxo de zume ou o seu crecemento grazas a un dendómetro, así como parámetros como a temperatura foliar ou a humidade”, apuntan Juan Carlos Moral González e Diego Vázquez, da firma Newmind.(Ver vídeo abaixo)
A rede de sensores permite a optimización de recursos na xestión da plantación, ao coñecer a distancia e en tempo real o estado da mesma
Este tipo de información resulta de gran utilidade para o control de pragas relacionadas coa temperatura e a humidade, o estrés hídrico ou a fertilización do solo. Toda esta información permite optimizar a xestión da plantación, desde a súa fertilización ata a achega de auga. Cabe destacar ademais, que o uso dos sensores para chan está presente no 33% da agricultura, segundo os datos do Observatorio para a Dixitalización do Sector Agroalimentario.
Finalmente, os datos recolleitos polos sensores envórcanse na plataforma para a agricultura de precisión Agricolus, para poder ter acceso a eles de maneira áxil.
No caso do CIF, que conta cunha rede de parcelas de investigación repartida por toda Galicia, esta monitorización da plantación tamén permite un seguimento máis áxil do estado das árbores. “Calquera información que nos chegue de forma remota dun árbore sentinela na parcela é de moito valor”, valora Enríquez Martínez Chamorro, Director do CIF Lourizán.
Polo momento, o proxecto desenvolveuse nas parcelas de investigación do CIF en Lourizán, pero os bos resultados abren a posibilidade a que sexan de utilidade para o sector. “Trátase dunha solución que poderá implementarse noutras parcelas como unha maneira de innovar e mellorar o traballo”, valora Martínez Chamorro. Ademais, o axustado custo da tecnoloxía tamén abre a posibilidade a que poidan ser ferramentas para distintos perfís de propietarios forestais, tal e como apuntaron desde Newmind e DATAlife.
Nesta mesma liña, Mercedes Rois Díaz, Directora da área de Innovación Forestal – XERA, reivindica a aposta da Consellería do Medio Rural por este tipo de iniciativas tecnolóxicas no sector forestal. “Apoiamos a este demostrador para lograr a xestión eficiente dos nosos bosques e axudar a tomar decisións, nun contexto no que a transición dixital é esencial para o beneficio de todos”, indica Rois Díaz.
Etiquetas RIFD
Próximas accións
O demostrador realizado en Lourizán desenvolveuse no marco do proxecto HIBA+ (Hub Iberia Agrotech), unha iniciativa hispano-lusa orientada a fortalecer a conexión dos ecosistemas locais de innovación agroalimentaria. No marco deste proxecto teñen previstas máis accións nos próximos meses.
Así, despois do verán realizarán unha nova presentación doutro dos demostradores que se despregaron nunha plantación de kiwis da empresa Kiwi Atlántico. Neste caso trátase dun completo conxunto de sensores tanto de ambiente, como de solo ou de planta, complementado con datos de observación satelital e unha avanzada ferramenta de integración e xestión de toda esta información para axudar á toma de decisións.
Ademais, dentro do seu proxecto europeo EDIH DATAlife teñen previsto realizar outros demostradores centrados noutros sectores co apoio dos seus socios tecnolóxicos.
- Peza elaborada en colaboración co Hub de Innovación Datalife.